Ferreiro acusa a medios e PP de "amplificar" só os elementos negativos da Coruña e non os positivos

Vincula a mala percepción sobre a limpeza na Coruña a "unha campaña durísima de moitas voces", en alusión, entre outros a La Voz de Galicia. E lembra que segundo os datos da EPA a cidade é "líder en creación de emprego" e "ninguén fala diso".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 26/04/2019 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, vinculou o informe da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sobre a valoración da limpeza na cidade "a unha campaña durísima de moitas voces" sobre a prestación deste servizo despois de que Vigo obtivese a mellor valoración mentres que A Coruña (42) e Lugo (40) figurasen entre as máis sucias, entre 60 municipios.

A preguntas dos xornalistas, atribuíu os datos recolleitos a "unha percepción" entre os cidadáns sobre este servizo "despois de catro anos de campaña durísima por parte de moitas voces diferentes". "A min non me estraña que a percepción baixe porque as campañas se fan para que cambie a percepción da xente", dixo.

Fronte a iso, contrapuxo os datos da EPA, "que din que A Coruña é líder en creación de emprego en Galicia". Con todo, lamentou que "esta noticia non tivese a mesma repercusión. E é que Ferreiro manifestou estar "bastante farto" de que "calquera elemento negativo sobre a cidade sexa amplificado e cando hai datos boísimos sexan sistematicamente silenciados".

Por outra banda, apuntou que o gasto por habitante na limpeza "fixouse nun contrato de fai dez anos". Fronte a iso, defendeu que o actual goberno local traballou " para cambialo" e ter un novo contrato "que vai mellorar a limpeza na cidade", apostilou.

BIBLIOTECAS

Mentres, preguntado sobre a remunicipalización do servizo de bibliotecas, asunto que aborda este venres a Xunta de Goberno, o rexedor restou importancia ás advertencias do interventor.  Así, considerou "lóxico" que existan dúbidas ao redor da aplicación dunha norma que "leva apenas un ano", dixo sobre a Lei de Contratos do Sector Público. Con todo, remarcou que "o reparo son advertencias non suspensivas".

Xulio Ferreiro. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulio Ferreiro. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta