A Xunta usará drones para a vixilancia, detección e extinción de incendios na campaña de alto risco

Este ano funcionarán un total de 118 cámaras de vixilancia nos montes galegos, 30 máis

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/04/2019 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

A Xunta usará drones para mellorar a vixilancia, a detección e a extinción de incendios forestais, segundo recolle o plan contra os lumes da campaña de alto risco de 2019, que será aprobado "proximamente" polo Goberno galego.

Así o indica a Consellería de Medio Rural, tras a reunión do Consello Forestal deste venres, que presidiu o seu titular, José González. González presentou o Pladiga (plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) ante este foro, que celebrou o seu segundo encontro deste ano e destacou o uso de drones "entre as principais novidades".

En concreto, servirán para a detección e "apoio" á extinción e para vixilancia "preventiva", incluíndo o control da xestión da biomasa nas franxas próximas ás vivendas. Este sistema servirá tamén para apoiar o labor das brigadas de investigación. Así mesmo, o conselleiro destacou a posta en marcha dun teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas contra condutas incendiarias, que estará operativo na época de alto risco de lumes.

Outra novidade é o incremento da rede de vixilancia fixa, con 30 novas cámaras de última xeración, que se suman ás 88 xa despregadas e que cubrían o 56% do territorio galego. Así pois, este ano funcionarán un total de 118 cámaras de vixilancia nos montes galegos.

Por outra banda, José González avanzou que este ano se reducen en seis as parroquias de alta actividade incendiaria, co que quedan en 71, en función de criterios como o número de lumes rexistrados e a súa virulencia.

COLABORACIÓN COS CONCELLOS

O responsable de Medio Rural indicou tamén que o reforzo da colaboración cos concellos para o exercicio das competencias en materia de prevención de incendios centra tamén parte do Pladiga, en alusión á addenda que asinou o seu departamento coa Fegamp e con Seaga para mellorar o convenio de protección das aldeas.

Outros aspectos destacados pasan pola potenciación da utilización de queimas controladas para a xestión da biomasa, para o que se vai a elaborar un protocolo sobre a execución destes labores.

O conselleiro apuntou que nesta sesión do Consello Forestal abordáronse tamén outros temas dentro do ámbito de actuación da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Entre eles, as melloras na tramitación e xestión telemática das solicitudes de aproveitamentos madeireiros, a información ao sector sobre as existencias de sementes e plantas forestais e o estado de tramitación dos convenios e consorcios asinados coa administración forestal e para os que os titulares solicitaron a súa rescisión.

Dron. CO2 REVOLUTION
Dron. CO2 REVOLUTION

A Xunta usará drones para a vixilancia, detección e extinción de incendios na campaña de alto risco. XUNTA
A Xunta usará drones para a vixilancia, detección e extinción de incendios na campaña de alto risco. XUNTA | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta