Denuncian pintadas na sede do PSOE en Pontevedra tras a manifestación contra o peche de Ence

O candidato socialista á alcaldía, Tino Fernández, esixiu a Ence e ao "sindicato do PP" (en relación a Comisións Obreiras) que deixen de ser "irresponsables e que poñan freo a estes actos de hooliganismo antes de que ocorran cousas máis graves".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2019 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

A sede da Agrupación Municipal Socialista de Pontevedra amenceu este sábado con roturas por impacto nos seus vidros e cunha nova pintada "ameazante" realizada cun spray de cor vermella que reza 'Traidores da clase operaria', polo que o PSOE puxo a súa mirada cara á manifestación contra o peche de Ence.

Desta maneira, o candidato socialista á alcaldía, Tino Fernández, mostrouse "absolutamente consternado" ante os feitos e asegurou que se trata de accións "que non teñen cabida nunha democracia, intolerables, bárbaras e propias dunha ditadura". "A escalada de actos vandálicos e intimidatorios orquestrados contra o PSOE viviu a pasado noite, coincidindo coa manifestación contra o peche de Ence, un dos seus episodios máis graves", lamentou o PSOE pontevedrés nun comunicado.

Desta maneira, o líder dos socialistas pontevedreses esixiu a Ence e ao "sindicato do PP" (en relación a Comisións Obreiras) que deixen de ser "irresponsables e que poñan freo a estes actos de hooliganismo antes de que ocorran cousas máis graves". "Nin sequera foron quen de condenar abertamente todas as pintadas, os insultos, as dianas e as ameazas que se efectuaron contra os membros do noso partido", subliñou Fernández.

"LAMENTABLE"

Para Tino Fernández "resulta lamentable que, en lugar de condenar estes actos de intolerancia e de vandalismo, Comisións Obreiras (CC.OO.) saíse en rolda de prensa afirmando que se eles fosen os autores das pintadas, porían cousas moito peores". "Creo que isto xa excedeu todos os límites. Eu xa advertira sobre os perigosos discursos de odio que estaban a propagar, así que espero que estean moi satisfeitos, porque xa se deu un paso máis nesta escalada vandálica", criticou Fernández.

Así mesmo, mostrouse convencido en que "a maior parte" dos traballadores de Ence rexeita este tipo de actos, "que só contan co beneplácito da empresa e dalgún sindicato". Desta maneira, lembroulles aos empregados que onte se manifestaron nas rúas de Pontevedra que os socialistas "non poden estas máis de acordo" coa reivindicación da protesta. "Piden que Ence non se peche e nós pedimos exactamente o mesmo. O PSOE foi o único partido que mantivo sempre o mesmo posicionamento en relación á factoría de Lourizán. Queremos que a pasteira quede na nosa comarca, pero non na ría", destacou.

NOVA LOCALIZACIÓN

O candidato do PSOE incidiu en que o conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, "sabe dabondo que o traslado é totalmente viable en Galicia, que é un país moderno, con boas comunicacións, estradas e portos conectados por ferrocarril, e conta con condicións das que carecen Portugal e outros países de Sudamérica". Tino Fernández tendeulle a man a Colmenares para que "xuntos nunha mesa de negociación, poidan atopar unha solución" e lamentou que algúns partidos políticos "estean a utilizar a situación de Ence para facer campaña".

"O paradoxal é que algún candidato do PP acusaba non fai moito a Ence de roubar os terreos nos que se sitúa e mesmo pensaba facer unha praia alí. E tamén algún ilustre alcalde mostrouse, en tempos recentes, en contra da presenza da pasteira na ría. Xa sei que a coherencia non é algo que o PP practique demasiado, pero pensaba que, cando menos, o debate sobre a localización estaba xa superado", criticou. Membros da Policía Científica desprazáronse este sábado ata a sede municipal do PSOE para recoller mostras e informacións que poidan esclarecer a autoría dos feitos vandálicos.

Por outra banda, este sábado o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, realizou un paseo por Vigo onde asegurou que esta xornada de reflexión serve para "ter un pouco máis de tempo para estar coa familia e cos amigos". Así, indicou que o día de mañá é "moi importante" para toda a cidadanía xa que "se decide o futuro do país". "Todo o respecto ás normas democráticas", sentenciou.

PSOE. PSDEG
PSOE. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un galego

Estou de acordo en casi todo o que di. O de CCOO é absolutamente aberrante. Pero dicir que en Portugal non hai condicións como aquí... Ese señor nunca estivo alí. Ten unha das mellores redes de autoesrradas e autovías de Europa. Vas a calquera cidade e vila medianamente importante por autoestrada. E o custo por km moito máis barato que a AP9. Con aeroporto en Porto, Lisboa, Portimao moi superiores aos galegos. En portos de mar xa non digamos que van servidos. Non , ese señor non estivo nunca en Portugal.