Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2019 | Actualizada ás 20:13
O Grupo Parlamentario de En Marea convocou unha reunión extraordinaria para este martes na que se abordará a saída de Luís Villares como portavoz na Cámara galega, cargo que podería asumir o deputado Manuel Lago, vinculado a Esquerda Unida.
Fontes do grupo rupturista confirmaron que a reunión, promovida por Podemos e Esquerda Unida, celebrarase ao termo do pleno ordinario do Parlamento de Galicia e conta con único punto na orde do día: a remodelación das portavocías e da configuración do grupo.
Deste xeito, os deputados críticos con Villares, que conta unicamente co apoio explícito de tres parlamentarios na Cámara, pretenden forzar a saída do maxistrado lucense como portavoz do Grupo de En Marea, segunda forza da Cámara galega con 14 deputados, os mesmos que o PSdeG.
Así as cousas, os deputados de Podemos e Esquerda Unida barallan situar a Manuel Lago, de perfil independente aínda que vinculado a EU, como substituto de Villares á fronte do grupo, aínda que tamén está sobre a mesa a posibilidade de que o cargo de portavoz pase a ser rotatorio.
A fractura interna de En Marea quedou explicitada nestas eleccións xerais coa división do proxecto da chamada unidade popular en dúas candidaturas. Hai un ano, o episodio da deputada Paula Quinteiro evidenciou as discrepancias existentes no Grupo Parlamentario, que chegou a ignorar o ditame emitido pola dirección política do partido instrumental, configurado por afíns a Luís Villares.
A correlación de forzas no grupo decántase ao lado dos críticos con Villares, que unicamente goza do apoio explícito de tres dos 13 deputados de En Marea no Pazo do Hórreo: Paula Vázquez Verao (Cerna), Davide Rodríguez (Anova, aínda que crítico coa súa dirección) e Pancho Casal. Este último desvinculouse o pasado verán de Podemos Galicia, organización na que militaba, para situarse ao lado do maxistrado lucense.
CONSELLO DAS MAREAS
Pola súa banda, fontes próximas ao actual portavoz precisaron que a formación decidiu convocar unha reunión do Consello das Mareas a última hora deste luns para abordar a convocatoria deste encontro promovido por Esquerda Unida e Podemos.
Con todo, polo momento, declinaron pronunciase sobre a posibilidade de que estes partidos, cos que ata agora comparte grupo parlamentario, queiran promover o seu cesamento como portavoz e emprazou á xornada do martes para facer valoracións.
RESULTADO DAS XERAIS
Os resultados que arroxaron as eleccións xerais deste domingo, nas que as forzas que forman o Grupo Parlamentario en Galicia concorreron por separado —EU e Podemos formaron a coalición En Común Unidas Podemos, os afíns a Villares quedaron coa marca En Marea e Anova non se presentou— aceleraron a convocatoria desta reunión.
E é que na cita coas urnas, mentres que En Común conseguiu facerse cun escano pola Coruña e con outro por Pontevedra, en En Marea foi sétima forza, por detrás de Vox, con só o 1% dos votos.
A ruptura do Grupo Parlamentario sobrevoou por enriba de toda a campaña electoral. Con todo, a decisión sobre o futuro de Villares quedou aparcada durante os últimos días 15 días para evitar un posible efecto nos resultados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.