O PSOE tamén defende a actividade mineira en Touro porque "xera emprego"

En Marea di que "tamén destruiría emprego" no mundo rural. Rexeitada unha iniciativa do BNG, que advirte do "efecto letal" que tería a reapertura ante un PP que apela a "esperar aos informes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O PSOE valora que a reapertura da explotación mineira en Touro e O Pino (A Coruña) "suporía actividade económica", aínda que condiciona a eventual autorización da Xunta ao "cumprimento estrito da lei de minaría" en vigor.

Así se pronunciou a deputada Patricia Otero, no debate dunha iniciativa do BNG na comisión de pesca á que presentaron unha emenda. Como non foi aceptada, os socialistas abstivéronse na votación, na que o rexeitamento do PP impediu que saíse adiante.

En concreto, o texto pretendía que a Consellería do Mar solicitase ao Consello ter competencia no coñecemento e autorización do proxecto da empresa Cobre San Rafael, que é a que quere volver extraer cobre en Touro-O Pino.

Respecto diso, a popular Teresa Egerique insistiu en que o proxecto "haberá que levalo adiante ou non segundo cumpra ou non os requisitos legais", polo que apelou a "esperar aos informes" e defendeu "transparencia total" no procedemento.

Pola súa banda, a nacionalista Montse Prado avisou do "efecto letal" que ao seu xuízo tería para as augas e considerou que "está na man da Xunta denegar ese proxecto, porque ten informes contundentes".

"A CURTO PRAZO"

Otero, por parte do PSOE, reclamou as "máximas garantías" e engadiu que a autorización "suporía impulso económico" para a zona, pero precisou que debería darse só se hai un "cumprimento estrito da lei de minaría" e "esixindo minimizar impacto ambiental e riscos".

En representación de En Marea, Paula Quinteiro reprochou aos socialistas que "o argumento do emprego non vale", xa que, na súa opinión, se se reabre a mina, "tamén destrúes outro emprego", como o vinculado coa actividade agrogandeira, e ademais o que se xeraría sería "a curto prazo".

Terreos da mina de Touro
Terreos da mina de Touro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta