Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2019 | Actualizada ás 14:27
Varios colectivos e organizacións integrantes da rede ContraMINAcción levaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) unha instrución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas sobre acceso á información pública en materia de minas que foi aprobada o pasado verán polo titular do departamento, Ángel Bernardo Tahoces.
As asociacións demandantes consideran o texto "un paso máis para obstaculizar o acceso á información ambiental relativa a proxectos mineiros e enerxéticos". O TSXG, segundo apuntan, admitiu a demanda, que formalizou esta mesma semana a Asociación Petón do Lobo, Asociación Sociocultural O Iribo, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia.
Mediante a demanda contencioso-administrativa, segundo resaltan, pretenden que o tribunal "anule os aspectos da instrución que vulneran non só a lexislación de rango superior en materia de acceso á información ambiental, senón a propia Convención de Aarhus (...)".
Entre outros aspectos, aseguran que a instrución realiza unha interpretación "restritiva" do que constitúe información ambiental. "Modifica, ademais, o réxime de acceso, creando obstáculos que contrarían as normas legais, por exemplo obrigando ao pago de taxas previas (...) ou alterando os prazos de resolución que establecen as directivas europeas", denuncia.
RESPOSTA DA CONSELLERÍA
Pola súa banda, o departamento que dirixe Francisco Conde defende que "permite dotar á actuación administrativa de eficacia, celeridade e seguridade xurídica", así como que "garante a operatividade e capacidade de resposta da administración". Engade Economía que a instrución demandada "facilita unha tramitación homoxénea e coordinada polos distintos órganos territoriais competentes".
"Desta forma, a instrución é unha guía operativa que clarifica e sistematiza a aplicación das distintas normas involucradas e serve de apoio á tramitación que realiza o persoal técnico", conclúe. En 2018, de acordo cos datos que manexa a Xunta, foron atendidas 250 solicitudes de información "que xa foron tramitadas e resoltas".
DIRECTOR XERAL INVESTIGADO
Esta demanda prodúcese nun contexto no que o director xeral, Ángel Bernardo Tahoces, está a ser investigado por un xulgado de Noia por un suposto delito de prevaricación ambiental en relación coa mina de San Finx.
A denuncia ante a xuíza foi interposta por Fiscalía, ao observar estes indicios de criminalidade tras recibir unha demanda do colectivo ecoloxista Verdegaia. A declaración de Tahoces en sede xudicial, fixada para a semana pasada, foi suspendida ao solicitar o seu defensa máis tempo para instruírse na causa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.