Fraguas, o brillante investigador que sufriu en silencio as feridas do franquismo

Este home de Cotovade estivo presente nas máis importantes institucións culturaisA Academia, o Consello da Cultura, a Xunta e outras entidades lembran a súa "xenerosidade" e a súa implicación en todas as iniciativas a favor de Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2019 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A obra de Antonio Fraguas vai máis aló do seu incesante traballo de estudo, da modernidade da súa docencia e do importante traballo de rexistro e de investigación do legado inmaterial das comarcas galegas. O autor de Cotobade deixou un pouso indeleble, marcado pola súa "xenerosidade" e implicación, nas máis importantes institucións de Galicia relacionadas coa cultura, a conservación e o estudo do patrimonio, que este ano reivindican e difunden a súa figura como parte dunha débeda contraída co historiador e etnógrafo.

Diversos representantes destas institucións destacaron o papel exercido por Fraguas neste ámbito, que foi un dos argumentos para recoñecelo como protagonista nas Letras Galegas. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, lembrou nunha entrevista con Europa Press que a súa vida é "toda unha crónica do século XX" da man do galeguismo.

En 1951, a Academia decidiu ocupar a cadeira de Castelao, que quedara baleira desde o seu falecemento no exilio. Fraguas sería o elixido pola institución para substituír ao que fora o seu amigo e profesor no instituto de Pontevedra, e que sempre considerou como unha "proxección universal da sincera grandeza", segundo recolle o seu discurso de entrada.

"A súa biografía persoal é o discurso do galeguismo, con todos os momentos de ilusión e de catástrofe", sinalou Freixanes, quen situou a 'Don Antonio' como exemplo dese "exilio interior" e da "resistencia" fronte ao Franquismo en institucións como o Instituto Pai Sarmiento, tentando preservar a identidade galega ante a opresión exercida durante o golpe militar e o posterior Réxime.

"Foi un home ponte entre xeracións", considerou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e tamén un "sobrevivente" da depuración Franquista, ao que lle esperaría un futuro "brillante" tras anos na clandestinidade.

"OBSESIÓN" POLO PATRIMONIO

Pero antes dos anos escuros estivo o traballo do Seminario de Estudos Galegos. Alí estaban Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey e todo un grupo de intelectuais que avanzaron cara á modernización cultural de Galicia, e Antón Fraguas non tardaría en ser partícipe das súas actividades tras a súa chegada a Compostela no 24, ingresando definitivamente cinco anos despois.

García lembrou como "todos tiñan esa obsesión", de xerar información, conservala, "recoller todo en notas" e utilizar todos os espazos posibles para "explicar todo aquilo", que eles crían "que ía desaparecer". "Era un sabio, en todo o sentido da palabra", insistiu, unha figura que xeraba "simpatías en todo o mundo" e que tivo "unha vida moi intensa", ademais de ser un dos "pioneiros" da importancia dos medios de masas para a lingua galega.

Fraguas formaba parte das seccións de Xeografía e de Etnografía e Folclore, dirixidas respectivamente polos históricos intelectuais Otero Pedrayo e Vicente Risco, e involucrouse activamente en campañas e traballos sobre toponimia, catalogación de castros ou investigando sobre a historia da universidade e dos seus colexios maiores.

Todo este traballo foi truncado co levantamento militar e o ascenso do Franquismo, que obrigou ao peche do Seminario de Estudos Galegos. O Réxime identificou esta entidade co galeguismo e como asociación política, e moitos dos seus membros foron fusilados ou relegados ao exilio debido á súa militancia no Partido Galeguista ou polas súas ideas demócratas.

A pesar diso, persoas do círculo próximo de Filgueira Valverde, que eran vistos con bos ollos polo réxime, tentaron revivir o proxecto, ata lograr a creación do Instituto Pai Sarmiento, que estaría vinculado ao Consello Superior de Investigacións Científicas, aínda que apartando o uso da lingua galega.

O SOÑO DO MUSEO

Para Fraguas, o inicio da súa recuperación persoal e profesional, tras a humillación sufrida por parte os golpistas, foi o regreso á docencia en Lugo ao gañar de novo a cátedra de Xeografía e Historia, onde tivo tempo para investigar lonxe das miradas dos seguidores do Franquismo e onde se gañou o afecto de varias xeracións de alumnos que a día de hoxe lémbrano con moito agarimo. "Os que foron os seus alumnos teñen unha memoria indeleble sobre el", destacou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.

O docente xubilouse no 75, tras pasar moitos anos de profesor en Santiago de Compostela, e nas súas últimas décadas de vida tivo a ocasión de ver realidade uno dos seus soños e ambicións: a creación dun museo dedicado á memoria inmaterial e ao estudo de Galicia.

O Museo do Pobo Galego, creado o ano despois ao seu retiro do ensino, foi a culminación destas aspiracións, impulsado por Xusto Beramendi e outra serie de persoas a partir dunha idea orixinada no seo do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Segundo lembra Beramendi, logrouse xuntar "a todo un conxunto de galeguistas históricos e persoas novas que estaban de acordo", para formar o Padroado da entidade, e a partir de aí decidiron propor ao autor de Cotobade a dirección do museo, e el "aceptou encantado".

A importancia do intelectual chegou a tal punto que a institución museística e a Fundación Antonio Fraguas contan na actualidade cun programa pedagóxico co seu nome no que se busca inspirar a novos estudantes a traballar xunto aos seus mestres para realizar proxectos didácticos sobre o estudo da súa contorna próxima, combinando así "a dimensión de etnógrafo e a dimensión de profesor" do homenaxeado.

INSPIRACIÓN E MOTIVACIÓN

Outra das institucións coas que estivo ligado o etnógrafo foi o Consello da Cultura Galega, creado en 1983 como órgano asesor e consultivo para a defensa dos valores culturais do territorio e que contou con Fraguas como coordinador do Relatorio de Antropoloxía Cultural. Desde aí promoveu "encontros, simposios", deixando sempre rexistro e constancia do coñecemento compartido, ben a través de "unhas actas ou un libro".

Rosario Álvarez lembra que Fraguas "convocaba aos investigadores máis novos", ao redor dunha mesa, e "estimulábaos, dáballes cancha" e "creaba un equipo". "El, realmente, crea un espazo e iso é unha mentalidade moderna", insistiu. Tamén se traía a especialistas de "fóra" para tentar "crear un espazo científico" e participar "no seu coñecemento".

"Creo que, tendo moita importancia o que el fixo como autor, é moito máis importante aquilo que el promoveu, axudou e contribuíu a facer. E o estímulo que lle deu a persoas e colectivos para facer cousas. Para facer iso tamén fan falta grandes doses de capacidade intelectual, de compromiso, de xenialidade, e sobre todo de xenerosidade. Por iso, non me imaxino a alguén neste país..., nunca escoitei a ninguén falar mal de Don Antonio Fraguas".

Letras Galegas.- Antonio Fraguas: a ponte que cruza o século XX para situar o idioma ao límite da modernidade. RAG - Arquivo
Letras Galegas.- Antonio Fraguas: a ponte que cruza o século XX para situar o idioma ao límite da modernidade. RAG - Arquivo

Unha exposición repasa a vida de Fraguas ao longo do século XX e levaraa a 12 localidades de toda Galicia. XUNTA
Unha exposición repasa a vida de Fraguas ao longo do século XX e levaraa a 12 localidades de toda Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta