113 candidatos electorais nos cinco concellos menos poboados de Galicia, que suman só 1.800 habitantes

Só cinco partidos teñen listas nestes municipios: PSOE e PP preséntanse en todos e o BNG tan só en dous, aos que hai que engadir Negueira Viva e Xuntos por Chandrexa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os cinco concellos menos poboados de Galicia suman tan só 1.875 habitantes. E teñen nada menos que 113 candidatos nas listas dos partidos ás eleccións municicpais do 26 de maio.

Parroquia de Chaveán, en Chandrexa de Queixa
Parroquia de Chaveán, en Chandrexa de Queixa | Fonte: HombreDHojalata en Wikipedia.

Negueira de Muñiz, en Lugo, e A Teixeira, Beade, Larouco e Chandrexa de Queixa, na provincia de Ourense, son os municipios máis pequenos de Galicia por número de habitantes. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, entre todos eles sumaban unha poboación de tan só 976 homes e 899 mulleres, a data 1 de xaneiro de 2018. Isto é, tan só concentran o 0,07 por cento do total de habitantes de Galicia (2.701.743).

Con todo, presentan unhas listas con abundancia de candidatos, entre titulares e suplentes, nada menos que 113. É dicir, o 6 por cento da poboación destes cinco municipios está nunha lista electoral.

NEGUEIRA DE MUÑIZ

Este concello da provincia de Lugo é o menos poboado de Galicia. A día 1 de xaneiro de 2018 tiña 218 habitantes: 112 homes e 106 mulleres. Doce destes veciños atópanse en candidaturas, isto é, o 5,35% da poboación.

Alí goberna, desde 2003, José Manuel Braña (PSOE), quen volve repetir como cabeza de lista para revalidar o seu mandato, o que o colocaría, ao acabar o próximo, vinte anos rexendo este concello.¡

O PSOE presenta cinco candidatos: ademais do propio alcalde, na lista están Manuel López Méndez, José Álvarez Rodríguez, Luis Río Muíña e Hortensio Samartino Rico.

Tamén cinco son os candidatos de Negueira Viva: Francisco Javier Sanromán Lledín, Raquel Braga Corral, Daniel Samartino Fernández, Vicente Ribeiro Nunes  e Ingeborg Maria Rossel.

Por último, o Partido Popular tan só presenta dous: Sonia López Méndez e Félix Allonca Linares.

A TEIXEIRA

O segundo concello menos poboado de Galicia tiña, segundo o IGE, 332 habitantes: 167 homes e 165 mulleres. E ten nada menos que 26 candidatos –dos cales cinco son suplentes–, é dicir, o 7,8% dos habitantes atópanse en listas electorais, a maior porcentaxe entre estes cinco municipios.

Neste municipio ourensán goberna Miguel Antonio Cid Álvarez (PP) desde 1995. Aspira a perpetuarse no poder, ao encabezar de novo a lista do seu partido.

O Partido Popular presenta a lista máis numerosa, con sete titulares e cinco suplentes. Canda o alcalde, atópanse Marisol Borrajo Lorenzo, Manuel Feijóo González, Ana María Prieto Fernández, Isidro Álvarez Rodríguez, Ramona Prieto Álvarez e Pío Rodríguez Enríquez, aos que se suman os suplentes Jose Vázquez Álvarez, Manuel Domínguez Rodríguez, Margarita Álvarez Rodríguez e Luis José Vázquez González.

O BNG presenta a segunda lista máis numerosa, con sete titulares e unha suplente, Raquel Pérez Peral. Os titulares son: Tamara Álvarez Vázquez, Xosé Vázquez Rodríguez, Roque Méndez Robleda, Alejandro Diego Balbona Sánchez, Nicanor López Domínguez, Juan Carlos Rodríguez Dominguez e Óscar Rodríguez Pérez.

Polo PSOE son sete os candidatos: Isaac Fernández Garrido, Artemia Fernández Sotelo, Julio Estévez Estévez, María Rosa Moreda Silva, José Emanuel Blanco Romero, María Elena Pérez Fernández e Víctor Miguel Montero Rojo.

BEADE

Este municipio da provincia de Ourense é o terceiro menos poboado de Galicia, con 404 habitantes: 215 homes e 189 mulleres. E presenta 22 candidatos, dos cales tan só un é suplente. Deste xeito, o 5,4% da poboación deste concello atópase nunha lista electoral.

En Beade goberna o alcalde con máis tempo á fronte dun concello galego. De feito, os seus habitantes non coñeceron outro en catro décadas de democracia e herdárono da época franquista, cando xa rexía o municipio. Trátase do polémico Senén Pousa (PP), quen goberna Beade desde 1974 a golpe de homenaxes ao ditador e simboloxía franquista.

O irreductible alcalde volve presentarse como cabeza dunha lista marcada pola familia Pousa, aspirando a gobernar Beade por medio século.

O PP presenta a lista máis numerosa, con sete titulares e unha suplente, María del Carmen Pousa Santamaría, filla do alcalde. Os titulares, canda o actual rexedor, son Susana Fernández Pousa (neta do alcalde), Juan Antonio Villanueva Pérez, Adán Formigo Sánchez, María José Rodríguez Díaz, María Fáima Rosendo Francisco e Joaquín Nogueiras Estévez.

Polo Partido Socialista, os candidatos son Miguel Ángel Carreiro Estévez, María del Carmen Rama Cotelo, Benito Cibeira Formig, María Teresa Rúa Mellado, Ramona Castro Mangana, María Trinidad García Cid e María Luisa Couto Serantes.

Finalmente, o BNG presenta a David Ozores Fernández, María de los Ángeles Castro López, Aristobulo Quinteiro González, Alida Martínez Castro, Juan Carlos Martínez Estévez, María Carmen Quinteiro Sandomingo e José Manuel Domínguez Gavián.

LAROUCO

O cuarto concello menos poboado sumaba, segundo o IGE, 455 habitantes: 220 homes e 235 mulleres, dos que 22 están en listas electorais, isto é, o 4,8 por cento da poboación.

Neste municipio da comarca de Valdeorras goberna Joaquín Prieto Rodríguez (PP) desde 1999. Tras vinte anos gobernando, a súa aspiración agora é ceder o bastón de mando a Patricia Lamelas Rodríguez, número un pola lista dos conservadores.

O caso de Larouco destaca porque os 22 candidatos están en tan só dúas listas –PP e PSOE–, con sete titulares e catro suplentes cada unha.

Os candidatos polo PP son Patricia Lamelas Rodríguez, Miguel Fernández Ortiz, Manuel Arias Fernández, Santiago Rodríguez Estévez, Delfina Feijóo Pérez, José Luis Oliveira Rodríguez e Víctor Vieira Arias, ademais dos suplentes María Teresa Mercedes Fernández Mateo, Evaristo Méndez Mateo, Ana María Tierno Ramos e Cándido Domínguez Torrado.

Polo PSOE, os titulares son Ignacio González Rodríguez, Jessica Fernández Borrajo, Maximino Arias Rodríguez, Marcos Ausin García, Natalia Corceiro López, Julia Noelia Fernández Pérez e Divina Garcia Fernández. Os suplentes socialistas son Jesús Corrredera Muradas, Carlos Quiven Sánchez, Beatriz Varela Pozo 4. Roberto Sousa Carracedo.

CHANDREXA DE QUEIXA

Este concello ourensán é o quinto menos poboado de Galicia. Segundo os datos do IGE, tiña 466 habitantes: 262 homes e 204 mulleres. Para estas eleccións municipais, 31 veciños están nas listas electorais, é dicir, o 6,65 por cento.

Este municipio da Terra de Trives foi gobernado desde 1991 por Francisco Rodríguez Rodríguez (PP), quen busca revalidar o seu mandato e gobernar así 32 anos consecutivos.

O PP é precisamente o partido con máis candidatos, nada menos que quince (a maior lista dos cinco concellos menos poboados de Galicia), dos cales oito son suplentes. Canda o actual alcalde están como titulares Servando Pérez Matías, Camila Diéguez Arias, Carlos Quintela Arias, Francisco Martínez González, José Luis González Rodríguez e Bernardino Rodríguez Vasallo. Os suplentes son José Vázquez Pérez, Jesús Martínez Álvarez, Manuel Álvarez Rodríguez, María del Carmen Núñez Carballo, María Luisa Vázquez Armesto, Marcos Martínez Álvarez, Herminio Lamas Martínez e Raúl Rodríguez García.

A lista do PSOE está composta por nove candidatos. Os sete titulares son Pilar Barrueco Salvador, Eliseo Gil Martínez, Gloria Losada Sabin, Ricardo Álvarez González, Rosa Pérez Rodríguez, Feliciana López Pérez e Manuel Basteiro Blanco. Os suplentes son Sonia Martinez Pérez, José Antonio Castro González.

A terceira forza en liza é Xuntos por Chandrexa (Mareas Locais), que non ten suplentes. Os candidatos son Rubén Fernández Rodríguez, Noelia González Castro, Elisa Valero Marin, Enrique González Labrador, Adela López Pérez, Jose Carlos Fernández Aria e Judith González Castro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xeógrafo.

Os concellos con esa poboación son inviables. Seguramente non se acabaría o mundo se Larouco se fusionase con a Rúa , Beade con Ribadavia, e A Teixeira con Castro Caldelas