Por E.P. | A CORUÑA | 15/05/2019 | Actualizada ás 17:41
A candidata do PP á Alcaldía, Beatriz Mato, comprometeuse a facer da Coruña unha "cidade máis verde" se accede ao Goberno local, e expuxo a creación dun gran parque metropolitano na contorna do castro de Elviña ou a ampliación do Adolfo Suárez ata Bens.
Así o trasladou durante a súa participación nos almorzos electorais da Asociación da Prensa. No encontro, incidiu nos eixos do seu proxecto: Coruña dinámica, Coruña responsable, Coruña amable, Coruña contigo e Máis Coruña, centrándose especialmente no segundo e no impulso do programa 'VerdeCoruña'. Nel, incluiríanse actuacións como a reurbanización e o incremento da zona verde no Parrote e a Mariña, ou o desenvolvemento dunha estratexia de corredores verdes en Monelos, Mesoiro, Feáns, Urbanización Breogán e Ventorrillo.
"As miñas anteriores responsabilidades na Xunta condicionan a miña acción", sinalou en alusión á etapa como Consellería de Medio Ambiente. "E iso pasa por ser unha cidade máis verde, pero de entrada, pasa por ser unha cidade limpa, aseada".
Neste sentido, reiterou que a súa primeira decisión se chega á Alcaldía será pór en marcha un plan de choque de limpeza. Ademais, prometeu unha ordenanza para combater o desperdicio alimentario, con incentivos para que supermercados e restaurantes doen produtos alimentarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.