Eventuais da sanidade marchan en Santiago para denunciar o "secuestro" de prazas públicas por parte da Xunta

Lamentan a "precariedade" na que se atopan e piden que o Goberno galego saque a oposición as postos vacantes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2019 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

Medio centenar de persoas marcharon na mañá deste martes por Santiago de Compostela para denunciar o "secuestro" de prazas públicas da sanidade galega por parte da Xunta. A manifestación, que arrincou do Pazo do Hórreo ás 10,00 horas, estaba organizada polo Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública (Prosagap) e percorreu as rúas da capital galega con cánticos como 'Onde están as prazas Matarile-rile-rile' e con berros de 'Máis prazas e menos mentiras'.

Europa Press
Europa Press

"Estamos aquí para denunciar o secuestro por parte da Xunta das prazas da sanidade pública, que son de todos, que están aí e que son necesarias e que estamos a cubrir nós de maneira precaria. O que estamos a denunciar é que esas prazas teñen a obrigación de sacalas a oposición e deixarnos aos traballadores optar a unha estabilidade", asegurou Eli Osil, coordinadora de Prosagap.

Ao seu xuízo, "ese cúmulo de xente cubrindo prazas estruturais de forma precaria" o que leva é a que "eles traballen cun número de empregados eventuais e precarios dunha forma totalmente fóra de todo dereito laboral". "Lévanos a que haxa un exército de traballadores escravos a disposición neste caso do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que move ao seu antollo e trata como quere", lamentou.

"Somos miles de traballadores que non temos dereito a conciliar, por exemplo, que estamos a cubrir prazas e cando quere o Sergas dános unha patada e mándanos para casa sen ningún tipo de contemplación. Só polo mero feito de aspirar a traballar ponnos unhas normas na nosa casa", criticou Osil, referíndose a que se son chamadas porque se atopan nunha lista pública, non poden rexeitar o asistir a traballar, xa que se non se lles penaliza cun ano sen chamadas.

EVENTUALIDADE

Así, sinalou que a pesar das cifras da Xunta que aseguran que só un 8% dos traballadores son eventuais, ao seu xuízo son "moitísimos máis". "Que vaia a urxencias e que vexa a cantidade de traballadores eventuais que hai!", exclamou.

Desta maneira, asegurou que as prazas que cada ano o Executivo galego quita a concurso de oposición son postos "estruturais que ten secuestrados" e sácaos "á súa conveniencia e antollo".

"No actual concurso de traslados, que é o proceso que dá opción á mobilidade ao persoal fixo, acaban de saír máis de 2.000 prazas vacantes de enfermaría. Quere dicir que esas prazas existen e están vacantes, estamos a ocupalas nós. Se existen e están vacantes e son necesarias, deberían saír a unha oposición", apostilou.

"INADMISIBLE"

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, tamén estivo presente na concentración e sinalou que é "moi inxusto" que o Sergas manteña na "absoluta precariedade" ao colectivo de enfermaría.

"Non é admisible que habendo unha demanda sanitaria tan grande se poña nesta precariedade aos traballadores. Precariedade significa traballo temporal, rotatorio, sen estabilidade de ningún tipo, salarios máis baixos, así como imposibilidade de acceder ás baixas", indicou Villares en declaracións a Europa Press. Así mesmo, lamentou que se trata dun colectivo onde o 90% son mulleres.

Para Villares, sería necesario sacar as prazas a oposición para que os traballadores puidesen optar a elas e que se tivese en conta o tempo traballado "e o feito de que este colectivo xa aprobou outras oposicións".

"A Oferta Pública de Emprego (OPE) da semana pasada foi unha verdadeira fraude, porque nin sequera permitía estabilizar a todas as que se presentaban nin moito menos, e a metade das prazas eran de promoción interna. Había unha falsa sensación de face á sociedade de que se sacaban moitas prazas, pero en realidade non eran tantas", apostilou Villares a Europa Press, en relación ás 830 prazas da oposición de Enfermaría do domingo 12 de maio, das cales 415 eran de promoción interna, 372 de acceso libre e 43 de discapacidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta