Baixa o número de socios de En Marea ou desaparecen en concellos onde rivalizaron salvo Cangas e perden 33 edís

En catro municipios, as candidaturas deste espazo reduciron a súa representación, pero conservan concelleiros: Ferrol, Ames, Vilagarcía e Gondomar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A división dos socios da En Marea que se presentou ás eleccións autonómicas --actualmente rota de facto-- provocou a proliferación de candidaturas e o enfrontamento mutuo en 15 dos 313 concellos galegos. A loita electoral traduciuse nunha acusada baixada ou a desaparición nesa quincena de municipios, coa excepción de Cangas do Morrazo, e supuxo perder --só nestas circunscricións-- un total de 33 edís.

Concretamente, os socios víronse nas urnas nas seguintes localidades: Lugo e Sarria, na provincia de Lugo; Pontevedra, Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Cangas, Gondomar, Nigrán, Marín e Ponteareas, na provincia de Pontevedra; Ferrol, Betanzos e Ames, na provincia da Coruña; e Ourense, na provincia con igual nomenclatura.

Co 99,74 por cento de voto escrutado en toda Galicia, actualmente as candidaturas 'rupturistas' manteñen só 17 actas de concelleira nos 15 concellos onde se enfrontaron, mentres que en 2015 conseguiran un total de 50 nestes mesmos municipios, de maneira que reduciron a menos da metade o número de representantes.

A única excepción tivo lugar en Cangas do Morrazo, onde as dúas 'mareas' xa se presentaron por separado na cita anterior e onde cogobernan na actualidade nun tripartito. Neste municipio pontevedrés Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) mantivo as súas catro actas, mentres que Avante-Candidatura Veciñal-Mareas Locais --a que apoia a dirección de En Marea dirixida por Luís Villares-- conservou os tres edís que tiña.

Con todo, Alternativa Canguesa e o PSOE empataron a catro edís nesta ocasión --fronte aos 7 da candidatura máis votada, a do PP--, polo que para revalidar un goberno de coalición agora entra en xogo tamén os socialistas.

DESAPARECEN EN NOVE E BAIXAN EN CATRO

No lado oposto sitúanse as confluencias e candidatos do espazo 'rupturista' que, tendo representación en 2015, acabaron desaparecendo tras os comicios deste domingo 26 de maio en nove municipios. En detalle, trátase de Betanzos (A Coruña); Pontevedra, Sanxenxo, Baiona, Nigrán, Marín e Ponteareas --na provincia de Pontevedra--; e nos concellos de Lugo e Ourense. Mentres, en catro municipios, as candidaturas deste espazo reduciron a súa representación, pero conservan concelleiros: Ferrol, Ames, Vilagarcía e Gondomar. 

Luis Villares e Lidia Senra. EN MAREA
Luis Villares e Lidia Senra. EN MAREA

Así, na cidade de Pontevedra, Marea de Pontevedra perdeu os dous representantes que tiña na corporación, mentres Unidas Podemos non conseguiu representación e quedou mesmo máis de 200 votos por baixo dos seus socios.

En Vilagarcía de Arousa, en que os socios 'tradicionais' de Unidas Podemos concorreron por separado, o espazo deixouse un representante. Así, Vilagarcía en Común --apoiada por En Marea e Esquerda Unida-- pasou de tres representantes a un só; mentres que Marea da Vila (Podemos e Anova), que non tiña concelleiras, conseguiu un.

En Sanxenxo, pola súa banda, a coalición Podemos-Anova Son en Común deixouse o representante que tiña, mentres que a marea de Luís Villares non logrou irromper no municipio. Situación similar é que a se deu en Marín, en que a Marea Veciñal-Marea de Marín (que apoiaba Anova) perdeu os tres representantes que tiña, mentres que Ser de Marín (apoiada por En Marea) e Podemos tampouco accederon ao Consistorio.

No sur da provincia pontevedresa, só se manteñen en Gondomar, con dous edís para Manifesto Miñor; mentres que en Baiona e en Nigrán pérdense dous, respectivamente, nas candidaturas de Son en Común. En Ponteareas, pola súa banda, as candidaturas de confluencias deixáronse os dous concelleiros que tiñan (Riada Cidadá) e EU-Son en Común.

PROVINCIA DA CORUÑA

Na provincia da Coruña, a perda máis sonora é a de Ferrol en Común, unha baixada que tamén lle suporá á formación liderada por Jorge Suárez deixar de gobernar na cidade departamental. Así, de seis edís obtidos nas urnas en maio de 2015, esta candidatura quedou con tres representantes, mentres que Marea de Ferrol (a apoiada por En Marea) e Xuntos Actúa (unha escisión de Podemos que no seu día tamén estivo en Ferrol en Común) quedaron en cero representantes.

En Betanzos tamén se enfrontaron os socios de En Marea con Betanzos Novo e Unidas Podemos --que está basicamente ligada á formación morada--, pero ningunha destas candidaturas logrou representación. Por tanto, desapareceron tamén os dous edís que antes tiña Betanzos Novo. En Ames as dúas formacións deste espazo político conseguiron representación na corporación, pero a redución tamén é significativa. Por unha banda, Contigo Podemos pasa de tres edís a dous e Ames Novo --apoiada por En Marea--, de catro concelleiros a un.

PROVINCIA DE LUGO

En Lugo desaparecen os tres edís da candidatura Lugo Novo e o representante de Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida, tres concelleiros que sumou ao seu grupo o BNG. Ademais, Podemos, que tamén se presentou por separado orixinando tres candidaturas no mesmo espazo, tampouco conseguiu representación. Na mesma provincia, ningunha das candidaturas --Podemos Son en Común e En Marea Sarria-- obtiveron acta de concelleira.

Finalmente, na cidade das Burgas, Ourense en Común --que nestas eleccións só apoiou Anova-- deixouse os tres edís que tiña ata agora na corporación; mentres que a lista de Podemos-Esquerda Unida e Ourense Mellor (a que apoiaba En Marea) tampouco lograron entrar no Consistorio.

GOBERNOS SIMBÓLICOS DO ESPAZO

Doutra banda, o comportamento nos concellos nos que ostentaban a Alcaldía algunha das candidaturas ligadas a este espazo de confluencia --á marxe de Santiago, A Coruña e Ferrol-- foi desigual. Por unha banda, reforzouse o goberno de Sada, cuxo rexedor, Benito Portela (de Anova), foi a forza máis votada e gañou dous edís fronte a 2015; mentres que en Vilar de Santos, Xan Jardón volveu a lograr a maioría absoluta sen oposición, esta vez cunha lista asociada a En Marea tras o seu paso por Compromiso por Galicia.

Nesta mesma órbita --aínda que como candidatura propia--, viuse reforzada a candidatura Nós Pobra, que xa gobernaba con Xosé Lois Piñeiro á cabeza. Así, agora sitúase como forza máis votada con cinco edís, fronte aos catro de 2015, e empatado co PP, aínda que coa posibilidade de revalidar co apoio de PSOE do BNG. Con todo, unha das alcaldías simbólicas deste espazo de confluencia, é a de Manzaneda na que era rexedor Davide Rodríguez (actual deputado de En Marea), o partido de Luís Villares cedeu ao PSOE a posición que tiña ata agora o exrexedor --que deixou de selo esta lexislatura para ser deputado autonómico--.

En Teo, a candidatura de confluencia de Rafa Sisto (que pertence a Anova) pasa a segunda forza e déixase tres edís; mentres que en Val do Dubra (outra das alcaldías de confluencia ligadas a Anova con Antonio Negreira), Son do Val do Dubra tamén perde dous edís e queda como forza máis votada con tres, pero dificultades para facer pactos de goberno.

Outra das alcaldías simbólicas deste espazo é o de Salceda de Caselas con Marcos Besada. Poderá gobernar cos tres edís do PSOE, pero dos seis cos que contaba, agora pasou a catro representantes. Nesta mesma órbita sitúase Vimianzo cun dos alcaldes que eran significativos no BNG, Manuel Antelo. En 2015 presentouse coas siglas do BNG e, coa candidatura Adiante Vimianzo, pasa a segunda forza política detrás do PSOE ao deixarse tres representantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

¿Por que tratades tan ben á Marea de Vigo? Nin unha palabra sobre unha formación que leva o nome de Marea pero NON ten nada que ver con En Marea... agás as visitas de Eva Solla e Pablo Iglesias nas xerais para darlle aire a Yolandita! // Marea de Vigo perde un concelleiro e 6.000 votos! Pero agora Rubén e Oriana Falacci (manteñen unha coalición rara!) Esqueda Unida + Anova http://www.mareadevigonoconcello.ga... Pero seica ninguén coñece como se fixeron os pactos nesta Marea de Vigo (o número tres da lista era un Anticapitalista!) Ao final sexan tres ou dous o único que van facer é darlle incienso a Abel Caballero (coma fixeron ata hoxe!) https://i.gal/gamela19