O grande erro da esquerda

Hai alguns días o profesor Vicenç Navarro publicaba un artigo co titulo ‘O grande erro da socialdemocracia’. Sen querer puntualizar nin o máis mínimo o correcto argumentario de dito artigo onde se analizan as dúas visións na socialdemocracia alemá e por extensión a europea, creo non obstante que o erro da socialdemocracia, e da esquerda en xeral, hai que buscalo máis aló daqueles puntuais que esta teña cometido na última década.

Por Xoan Hermida | Vigo | 02/02/2012

Comparte esta noticia

A esquerda en xeral, socialdemócrata ou radical, leva varias décadas en crise ao non ter construído unha alternativa crible e aceptable pola maioría, situándoa non máis aló da mera xestión progresiva do capitalismo.

Tras a caída do muro de Berlín, co colapso económico e social do modelo burocrático e totalitario staliniano, era cuestión de anos que o modelo socialdemócrata tamén entrara en crise.

O modelo de Bretton Woods, deseñado nas postrimerías da 2ª Guerra Mundial, atopábase con dúas eivas para poder globalizarse: unha de cuestión política, a existencia dunha alternativa ao modelo de comercio internacional, e unha segunda de carácter técnico, a ausencia de tecnoloxía da comunicación que permitira facer transaccións comerciais ao instante que permitira pasar dun capitalismo produtivo-industrial a un capitalismo especulativo-financeiro. A finais da década dos noventa do século pasado coa caída do bloque soviético e coa revolución científico-técnica estas dúas eivas estaban resoltas e as ‘forzas do mal’ tiñan preparado o camiño para globalizar o seu modelo.

Máis dunha década despois, e coa primeira crise sistémica en plena efervescencia, as propostas son igual de erráticas formúlense desde a esquerda moderada ou desde a radical. Desde a esquerda máis pragmática simplemente se asume que non hai alternativa e que temos que aceptar o discurso dominante de recortes e contención do déficit. Desde a esquerda máis radical se intenta recuperar modelos fracasados ou ben se fai fincapé na defensa dun modelo de estado de benestar imposible de volver a reinstaurar.

O estado de benestar, tal como o coñécemos en Europa nos últimos cincuenta anos baseábase en tres fundamentos xa desaparecidos.

O primeiro, a existencia dun modelo alternativo que necesariamente obrigaba aos grandes oligopolios a facer concesións para manter a súa hexemonía

Un segundo elemento era un pacto social entre empresarios e fortes centrais sindicais asentadas en fabricas cun modelo de produción fordista onde os traballadores se encontraban unidos e facilmente organizables.

En terceiro lugar, a existencia dun ‘gueto’ de progreso no medio dun mundo global de inxustiza, onde os habitantes do Sur renunciaban a favor dun poucos privilexiados do Norte aceptando para iso réximes ditatoriais e condicións de vida miserables.

Todo isto ten voado polos aires: nin existe modelo alternativo, nin as centrais sindicais teñen a forza de antaño, nin a cidadanía do Sur está disposta -tal como se mostrou coas revolucións árabes- a renunciar a formas de vida máis dignas.

O socialismo do século XXI vai ser por forza diferente aos modelos corporativos, produtivistas, burocráticos e/ou totalitarios do século XX.

Non é posible construír o socialismo nos parámetros no que o intentan as actuais forzas políticas. Tampouco se trata de engadir múltiples cualificativos ao gusto do consumidor: democrático, ecolóxico, feminista, ...

Tratase de reconstruír un novo modelo integral –ecosocialista- que pivote sobre a radicalidade democrática, o desenvolvemento autocentrado e autosostible, e a xustiza social global.

A crise ten posto de relevo no capitalismo, o que xa se comprobara cos modelos estatalistas no pasado, que a democracia non esta ligada necesariamente a ningún réxime económico-social, que o socialismo pode ser cástrante e totalitario do mesmo xeito que o maior liberalismo económico funciona perfectamente nos réximes militares mais sanguinolentos. Así que a democracia pasa a ser un elemento central da alternativa. Democracia Real no político, como se esixe desde a sociedade civil, e democracia económica impulsando propostas de economía social, de cooperativismo  ou de pequena explotacións agrarias biosustentables.

A construción dunha grande alianza antimonopolista esixe unha complexa iniciativa que constrúa dialecticamente unha política de alianzas nacionais xunto con redes rexionais de maior escala. Obviamente iso no marco dun estado plurinacional como o español incrementa as dificultades da mesma, ou si se quere unha lectura positiva esixe unha maior intelixencia e creatividade, para combinar os proxectos nacionais necesarios xunto co traballo de escala -estatal e europea- imprescindible para dar unha resposta eficaz as grandes corporacións transnacionais.

A xustiza global so vai ser posible cunha alianza altermundista entre todos os actores que actúan a favor do cambio: movementos sociais, gobernos post-neoliberais de América Latina, cidadanía emerxente dos países árabes e do Sur, e novos partidos políticos que xurdan no Norte.

Non se trata agora de recuperar falsas dicotomías propias de debates eurocentricos entre reforma e revolución, nacionalismo ou globalidade, desenvolvemento ou medioambiente,…  Tratase de construír un modelo para inicios do século XXI, diferente necesariamente ao construído pola socialdemocracia e o comunismo na primeira metade do século XX.

Farán falla programas de reformismo forte que necesariamente conduzan a un cambio sistémico, farán falla proxectos nacionais que permitan construír unha hexemonía social para un cambio global, serán necesarios proxectos de desenvolvemento sustentable que permitan unha harmonía coa natureza.

Hai cinco séculos o modelo aristotelico-ptolemaico observábase como perfecto, parecía que non existían fisuras. Copérnico introduciu un xiro radical na visión do universo, situándose simplemente nuns parámetros diferentes.

Estamos a falar dunha nova etapa que require de novas ferramentas. A esquerda plural non pode permitirse seguir vivindo nunha melancolía decadente de ‘gloriosos’ tempos pasados nin tampouco pode estar buscando as impenetrables fisuras do réxime.

Hai que trasladarse a outras coordenadas, reinventandose e dando o seu necesario xiro copernicano.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoan Hermida Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Master en 'filosofia, cuestións actuais' e Doutor en Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Foi coordinador nacional de Espazo Ecosocialista de febreiro de 2012 a xuño 2015. En maio de 2018 dimitiu da súa acta de deputado no Parlamento de Galicia, tras 12 días de aceptala, nos que quixo visibilizar a necesidade de situar á ética no centro da política. Na actualidade dirixe o Foro Obencomún e participa da Marea Pontevedra. Autor de varias obras ven de publicar con Galaxia a obra “Galicia no labirinto da nova política”.