Por X.M. Fernández | Allariz | 01/06/2019 | Actualizada ás 10:00
Co obxectivo de facilitar a participación de máis persoas na ‘Andaina’ deste ano, a área de deportes de Allariz tomou dúas decisións, por un lado cambiar a data de celebración facéndoa cadrar en domingo e por outro reducir o itinerario para favorecer que o percorrido poda cambiarse e coñecer outros espazos da Reserva da Biosfera.
Deste xeito, o percorrido da XXII Andaina constará dunha ruta longa de 22 quilómetros e outra curta de 8 pensada para os máis mozos ou familias con nenos e nenas. O novo circuíto percorrerá, seguindo o curso do Arnoia, paraxes singulares como o Briñal, Covas do Río, Rubillós ou Pousada pasando por puntos de interese como o Muíño de Escadas, Ponte Hermida o Canal da Ruca ou o Festival de Xardíns de Allariz, entre outros.
O prazo de inscrición, da que denominan xa como “andaina de cine”, estará aberto ata o 7 de xuño podendo acceder ao boletín de inscrición dende a propia web do Concello de Allariz. O prezo normal é de 10 euros pero a inscrición será de balde para as persoas menores de 14 anos que en todo caso deberán ir acompañadas dunha persoa adulta. Con ese importe os participantes recibirán o dorsal e unha camiseta ademais de ter dereito aos servizos de avituallamento, comida, masaxistas e duchas no final da etapa.
Trátase dunha proba non competitiva, de carácter deportivo e social, que comeza e remata na Alameda. A saída da ruta longa será ás 9:00 h. e a da curta ás 11:00. A hora de peche para as dúas modalidades será as 14:00 h.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.