Por Galicia Confidencial | Touro | 29/05/2019 | Actualizada ás 18:46
A asociación Aldea Viva presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente polo estado da Balsa de O Vieiro dentro da antiga mina de Touro. Para iso achegaron “probas das filtracións continuadas desta balsa ao dominio público hidráulico”.
Desde Aldea Viva lembran “que esta balsa está nun oco mineiro da antiga explotación que contén augas hiperácidas, tal e como recoñece o propio Proxecto de Reapertura da Mina presentado por Cobre San Rafael”. Así mesmo, dende hai uns anos “esta balsa tamén recibe as augas residuais das empresas autodenominadas “de valorización” que operan nos terreos da mina, propiedade de Explotaciones Gallegas desde hai tamén tres décadas”. Estas filtracións “foron constatadas hai un ano por inspectores dependentes da Consellería de Medio Ambiente”.
Segundo Aldea Viva, actualmente “Cobre San Rafael ten solicitada autorización para un proxecto de drenaxe temporal de augas contaminadas que se depositarían nesta balsa”. Logo das diferentes inspeccións realizadas, a asociación considera “constatadas as filtracións da balsa” e xulgan “evidente que as augas contaminadas irán ao dominio público hidráulico a través do Rego Pucheiras e deste ao Río Ulla”.
A balsa de O Vieiro está situada na área de explotación do Proxecto de reapertura da Mina, actualmente á espera da declaración de impacto ambiental. A asociación Aldea Viva denuncia que “este proxecto lonxe de dar solución á contaminación que contén a balsa, vai xerar un maior volume de augas contaminadas comprometendo a súa seguridade”.
Logo da presentación desta denuncia, a asociación conclúe que “os feitos denunciados e comprobados evidencian que o proxecto de reapertura da mina presentado por Cobre San Rafael falta á verdade e oculta a realidade”, e por tanto ven niso “motivo suficiente para que a declaración de impacto ambiental sexa negativa”. Todo isto fai que desde este colectivo non se entenda “o atraso na denegación definitiva dun proxecto que conta con múltiples informes negativos”, e que ademais “os prazos administrativos parecen estar feitos á carta para a empresa que comete actos á marxe da lei”.
A XUNTA Á ESPERA DE INFORMACIÓN
Pola súa banda, a Xunta pediu en marzo nova documentación á empresa que quere reactivar a mina de Touro e O Pino (A Coruña) e segue co trámite deste proxecto, ao suspender o prazo de avaliación ambiental "á espera de recibir" a dita información.
Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a preguntas do viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, no pleno do Parlamento, onde este último criticou que suspendese o prazo, tras alertas sobre a situación dos terreos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.