Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/05/2019 | Actualizada ás 14:24
As grandes familias mediaticas de Galicia, especialmente La Voz de Galicia, apostan por pactos de gobernabilidade entre socialistas e nacionalistas naquelas institucións onde non se teñan acadado maiorías absolutas. Unha posibilidade que, con todo, non é a máis desexable para os dous partidos nalgunhas cidades de Galicia.
De feito, foi La Voz de Galicia a que, xa durante a campaña, insistiu na necesidade de pactos entre o PSdeG e o BNG, descartando a posibilidade de acordos coas mareas. Esta é unha estratexa moi semellante á que outros grandes poderes mediaticos están tentando a nivel estatal para que o PSOE e Ciudadanos cheguen a acordos no goberno central e en distintas autonomías.
En varias noticias durante a campaña electoral e entrevistas a líderes como a nacionalista Ana Pontón, o medio coruñés apuntaba como mellor opción a de pactos nas deputacións e tamén nos concellos que, ata o pasado domingo estaban en mans das mareas; A Coruña, Ferrol e Santiago. Pero, tras os resultados do pasado 26M o certo é que esta posibilidade comeza a esvaecerse nalgunhas institucións municipais. Así, Xosé Sánchez Bugallo xa anunciou a súa intención de gobernar en soliatario con apoios de goberno puntuais co BNG, a quen sitúa como socio preferente.
Na Coruña Inés Rey amosouse máis aberta a pactos, tanto con Marea Atlántica, coma co BNG, pero, polo momento as dúas formacións anunciaron que apoiarán a súa investidura pero poderían quedar fóra do goberno. Mentres, en Ferrol tanto o PSdeG, como Ferrol en Común e o BNG local amosaron a súa disposición a chegar a pactos.
DISTINTAS POSICIÓNS
Con todo, as posicións das distintas forzas é diferente dependendo das institucións. O PSdeG é partidario de gobernar conxuntamente coas mareas e co BNG alí onde se poida, a excepción de Santiago. Tamén quere afianzar o goberno das deputacións co BNG e non tería problema en chegar a acordos en Pontevedra, onde esta forza xa non é necesaria.
Os nacionalistas, pola súa banda, tamén verían ben continuar nas deputacións da Coruña e Pontevedra e entrar na de Lugo. Pero, a dirección nacionalista, que deixou nas asembleas locais as decisións de pactos, non vería con bos ollos entrar nos gobernos da Coruña, Ourense, Santiago e Ferrol. Nesta última cidade, non queren gobernar man a man coas mareas. Onde si dan o seu visto e prace para chegar a acordos estables é na cidade de Lugo.
As distintas mareas manteñen posicións diferentes. Aínda que todas elas facilitarán gobernos socialistas nas cidades e deputacións, a súa decisión é non entrar nos gobernos da Coruña e Santiago. Así o manifestaron dirixentes de Compostela Abera e da Marea Atlántica. Posición diferente mantén Ferrol en Común, que a pesar de ser unha das mareas máis castigadas nas eleccións prefire chegar a acordos de goberno co PSdeG.
Deste xeito poderían darse circunstancias curiosas como son gobernos de PSdeG e BNG nas deputacións, pero non nas cidades da Coruña, Santiago e Ferrol, agás na de Lugo. Unha situación que podería crear conflitos á hora de exercer as oposicións nas grandes cidades, principalmente, ao BNG.
LUGO E PONTEVEDRA
Onde semella que a situación pode ser máis estable é en Pontevedra e Lugo. En Pontevedra, os socialistas poderían continuar pactando co BNG na deputación, aínda que, tras baixar un deputado, as súas áreas de goberno se verían reducidas. Pola contra, no concello, onde goberna o BNG, os socialistas tamén poderían asumir algún departamento, tras baixar Lores un concelleiro. Deste xeito se mantería o equilibrio e a estabilidade de goberno nesta provincia.
En Lugo a situación é moi propicia para un pacto a dous entre socialistas e nacionalistas. A espectacular suba do BNG no concello de Lugo fai case segura a súa entrada tanto no consistorio municipal como na deputación. A pesar das críticas a esta institución de hai unhas semanas, o certo é que os nacionalistas están en disposición de reeditar os pactos de lexislaturas pasadas, aínda que con máis forza.
E, desta volta, a diferencia de hai catro anos, ninguén quere falar de vetos a candidatos. Unha cuestión que ex socialista Manuel Martínez intenta introducir en campaña utilizando para iso os contactos cun suposto estafador da provincia. De feito, os vetos a Orozco na cidade de Lugo e a Martínez na deputación provocaron que esta última lexislatura estivera chega de tensións, especialmente, dentro do grupo socialista. Por iso, o PSdeG, segundo fontes consultadas, non aceptaría novos vetos e deixaría nas mans do BNG a posibilidade de apoialos a eles ou ao PP no concello e na deputación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.