Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2019 | Actualizada ás 21:00
Entre o 1 e o 15 de xuño celebrarase a segunda edición da Deseucaliptización Simultánea, convocada pola rede a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”. Realizaranse quince accións de eliminación de especies forestais invasoras, nomeadamente eucaliptos, acacias e mimosas. Estas actuacións estarán organizadas a súa vez por 25 entidades diferentes. As xornadas son de libre participación e o seu obxectivo contribuír a un cambio cara un monte sustentable e demostrar que outro modelo de xestión forestal é posible.
Unhas 25 entidades de carácter ecoloxista, culturais, veciñais e comunidades de montes participarán na Deseucaliptización, que nesta ocasión celébrase con motivo do día do Medio Ambiente. O obxectivo é reivindicar outro modelo de xestión forestal onde primen as especies autóctonas, se preserve a biodiversidade e haxa un ordenamento real do territorio. Entre as razóns polas que se avoga pola eliminacións das especies foráneas están que erosionan o chan, afectan aos recursos fluviais e favorecen os lumes forestais.
O ciclo de actuacións comezará o 1 de xuño no Monte de Fornelos de Monfero e rematará o vindeiro día 15 en Vigo, no Monte da Guía. Tal e como foi na primeira edición, a provincia de Pontevedra volve a ser a que acolle un maior número de accións: sete en total. Dous en Vigo e as outras en Moaña, Gondomar, Pontecaldelas, Lourizán e Cercedo-Cotobade. Pola súa banda, na Coruña convócanse cinco accións nos concellos de Ferrol, Monfero, Corcubión, Lousame e Rianxo. En Ourense están planeadas dúas actuacións (en Cenlle e Melón) e en Lugo unha, en Ramil.
Unha parte importante das actuacións consistirán na eliminación de tocóns e rebrotes eucaliptos e acacias que rexurdiron tras a vaga de lumes de 2017, así como traballos que darán continuidade aos xa iniciados durante a primeira edición desta iniciativa convocada fai dous meses. Tamén se abordarán traballos en lugares con presenza de hábitats naturais prioritarios, como é o caso dos que se desenvolverán nas Fragas do Eume ou en Lousame. Nalgúns casos, as accións complementaranse con repoboacións de especies forestais autóctonas
A primeira edición da Deseucaliptización acadou a eliminación de 200.000 pés de eucaliptos e acacias e, ao igual que nese caso, na segunda tanda a participación é libre para calquera persoa que queira colaborar nas accións mencionadas con anterioridade. Para facelo, soamente deberase contactar coas entidades promotoras nas diferentes iniciativas a través dos medios de contacto que se facilitan nun mapa de actuacións dispoñible en liña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.