Un informe do Defensor del Pueblo cuestiona a actuación da administración sobre a reapertura da mina de Touro

O documento emitido pola oficina que dirixe Francisco Fernández Marugán, sinala que a administración actuou de maneira deficiente sobre o proxecto mineiro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/06/2019 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Tralapena emitiu este domingo un comunicado anunciando as conclusións da Oficina del Defensor del Pueblo sobre o proxecto mineiro de O Pino-Touro. A asociación ecoloxista sinala que o informe da oficina que dirixe Francisco Fernández Marugán, apunta unha serie de elementos que cuestionan o modelo de reapertura presentado por Cobre San Rafael e Atalaya Mining.

Terreos da mina de Touro. EUROPA PRESS - Arquivo
Terreos da mina de Touro. EUROPA PRESS - Arquivo

Así, o informe do Defensor del Pueblo destaca que “a modificación da extensión e delimitación dos terreos para a explotación  mineira, levaría de maneira necesaria a modificación da concesión e non unha simple modificación do proxecto”. Seguidamente, o documento lembra a necesidade de que Augas de Galicia elabore un informe de “medios hídricos” que permita a actividade extractiva, sen prexuízo para o consumo de auga para as poboacións de arredor. “É preciso elaborar este informe (de medios hídricos) de xeito previo á resolución que dicten para a concesión mineira, para ter coñecemento de se existen ou non recursos dipoñibles para novos usos mineiros”, sentenza o documento.

Un punto importante é que “a Consellería de Economía non enviou ao Defensor del Pueblo a documentación que acredite os actos administrativos ditados para modificar o obxecto do aproveitamento (da mina), e tampouco explica o que ocorreu entre a finalización da actividade da explotación de cobre en 1987 e o comezo da actividade do aproveitamento do entullo remanente”. Isto evidenciaría actividade na mina seis meses despois do cesamento de actividade extractiva.

Doutra parte, o informe do departamento que dirixe Fernández Marugán declara que “en conclusión, a Administración actuou de maneira deficiente, ben porque non declarou a caducidade da explotación, se os traballos foron interrompidos nun prazo de tempo superior ao que estaba autorizado, ou ben por non sancionar o titular da explotación por non presentar planos de labores anualmente (e por non ter declarado a caducidade en caso de reincidencia), se a explotación estivo en funcionamento”.

Sobre as filtracións de augas contaminadas “a contaminación da auga parece o problema máis grave e aínda así a explotación está funcionando sen ter os permisos esixidos pola lexislación de augas, pois aínda están en trámite varios procedementos de regularización”. Logo contradí á Consellería de Economía cando afirmaba que non había obriga de restauración dos terreos, por non haber daquela lexislación que así o dixese. Neste sentido o Defensor del Pueblo sinala no seu informe que “ningunha norma ampara a produción inxustificada de danos ao medio ambiente como consecuencia da actividade mineira”.

Augas de Galicia “tampouco indica se as verteduras irregulares cesaron actualmente” sinala o informe segundo a Asociación Tralapena, ademais de sinalar que apunta “a ausencia dun plano aprobado de actividades extractivas en Galicia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta