Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2019 | Actualizada ás 18:54
O ex-secretario xeral do PSdeG e actual líder político de Espazo Común, Pachi Vázquez, asegurou que ve "cos ollos a cadros" a gobernabilidade de Ourense, tanto no concello da capital como na deputación provincial. "O que non concorda é que no Concello gobernen os máis votados e na Deputación se bote aos máis votados", aseverou Vázquez, en referencia ao Partido Popular do mandatario provincial José Manuel Baltar, de quen di estar "nas antípodas" á hora de entender a política.
"Os únicos que poñen cordóns sanitarios son os cidadáns cando votan e hai que respectalos", subliñou Pachi Vázquez este martes, ao facer balance dos resultados obtidos por Espazo Común nas pasadas eleccións municipais do 26 de maio.
Cuestionado sobre a situación política en Ourense tras a cita coas urnas, Pachi Vázquez subliñou que, tanto no caso do Concello como da Deputación provincial, "a persoa que máis improperios sufriu por parte da esquerda e a dereita é a que ten agora a chave de goberno", en referencia ao líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome.
Neste contexto, cualificou a Democracia Ourensana de "actor principal" porque "o PSOE sen Jácome non é nada e o PP nada é". Tamén pediu ao resto de formacións que "lembren os cualificativos cos que se dirixiron sempre a Jácome" xusto agora que é "a persoa máis buscada".
VALORACIÓN RESULTADOS ELECTORAIS
O presidente de Espazo Común e cabeza de lista no Carballiño, localidade que gobernou durante unha década antes de dar o salto á política galega, mostrouse "razoablemente satisfeito" cos resultados obtidos o pasado 26 de maio.
Espazo Común fíxose con tres edís no Carballiño, municipio no que o antigo partido de Vázquez, o PSdeG-PSOE, alcanzou a maioría absoluta. Ademais, o partido fundado polo ex-líder dos socialistas galegos obtivo outros sete concelleiros repartidos entre os concellos de Tordoia, Piñor, Carballeda de Valdeorras e Maceda, localidade esta última onde entraría nas negociacións de goberno.
Vázquez destacou que Espazo Común foi fundado pouco antes dunha cita coas urnas que se produciu nun panorama de "caótipa sopa de letras electoral". "Este proxecto pequeno pero con tremenda ilusión xa está nas institucións", apostilou.
A partir de agora, mantén que "aplicarán políticas de control" e cumprirán co obxectivo que se marcaron desde o minuto uno: "Achegarlle voz aos cidadáns nas institucións".
Teñen por diante catros anos nos que, "sen renunciar ás siglas socialdemócratas e galeguistas", aspiran a "consolidarse e traballar". A este respecto, declarou que algunhas formacións independentes xa se puxeron en contacto con Espazo Común, tras as eleccións, para traballar conxuntamente.
Neste contexto, valorou que formacións "moi consolidadas" como Ciudadanos teñen nove representantes na provincia mentres que DO ten o mesmo número de concelleiros que Espazo Común pero "non cabe dúbida que mellor repartidos".
Á hora de escoller os lugares nos que a formación política presentou candidaturas, Vázquez explicou que "non se centraron por comarcas, senón pola idoneidade da xente que atopamos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.