Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2019 | Actualizada ás 18:43
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou este domingo a súa preocupación polo trato que terá Galicia por parte do futuro Goberno do estado. Neste sentido, puxo en dúbida que formacións como Galicia-En Común defendan os intereses dos galegos.
"Eu non teño que fiarme nin desconfiar de ninguén. Eu o que vexo son os feitos. E os feitos son que as persoas que están nese mesmo proxecto fai nada, hai un ano, pactaron os peores investimentos de Galicia en vinte anos e por tanto creo que iso é o aval de presentación da esquerda española tanto nunha versión como noutra e desde logo nós imos ser críticos e igual de esixentes co PSOE e Podemos que o fomos co PP", sentenciou Ana Pontón.
CRÍTICAS AO PSdeG
Por outra banda, lamentou que o Partido Socialista estea "a manter contactos" co Partido Popular en concellos como Fene (A Coruña) ou Barreiros (Lugo) que "non respectan o mandato cidadán". Por este motivo, apelou á responsabilidade tanto das direccións locais como galegas do PSdeG para que a dereita non consiga bastóns de mando en lugares onde haxa "alternativas progresistas".
"As organizacións políticas a nivel local deben de ter responsabilidade e a obrigación da dirección galega do PSOE é evitar que esa situación se poida consolidar", reiterou a líder nacionalista nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press.
Pero unha situación similar acontece en Catoira (Pontevedra), pero á inversa. Aquí o BNG tamén mantén conversas cos nacionalistas para evitar que goberne o PSOE. Neste sentido, Ana Pontón acusou aos populares de "tentar un enredo de dar alcaldías cando non teñen maioría suficiente para sostela".
Unha manobra que, segundo Pontón, o PP está a facer "en varios sitios", polo que puxo de exemplo A Fonsagrada (Lugo). A portavoz da formación rupturista sinalou que o PP está "moi nervioso", xa que "acaba de levar un importante trompazo electoral" polo que "están a facer cousas que non son presentables politicamente".
"CAMBIO DE CROMOS"
Pontón cualificou de "cambio de cromos" a proposta lanzada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao PSOE de que deixen gobernar ao PP na Deputación de Ourense a cambio de que os socialistas gobernen en minoría na capital ourensá. Unha proposta que a nacionalista censurou ao entender que "Ourense se merece máis respecto".
Ana Pontón considerou que a perda da maioría absoluta do PP na entidade provincial "significa a posibilidade de pór fin a 30 anos de Baltarismo e caciquismo", por iso opinou que "debería haber responsabilidades nas forzas políticas á hora de abrir unha nova etapa".
Sobre a actitude de Cs nesta negociación, Pontón desconfiou da organización laranxa ao entender que o seu papel é "ser a marca branca do PP", polo que expresou as súas "dúbidas" do "afán rexenerador" do partido dirixido por Albert Rivera. En canto ao futuro das deputacións, Pontón pediu "cautela" e sinalou que hai que esperar á constitución dos concellos. Para ela, o escenario está aberto pero indicou que o BNG "actuará con responsabilidade".
INVESTIGADOS
Fronte á postura da formación nacionalista fai catro anos, cando vetaba candidatos inmersos en investigacións xudiciais, a portavoz do Bloque recoñeceu que na actualidade "analizarán cada caso". Lembrou que "estes anos deixaron á vista casos inxustos", como, por exemplo, o caso do que foi conselleiro do bipartito Fernando Branco, polo que apostou por "analizar caso a caso e ver cal é a situación".
Así, sinalou que "non van condenar antes de tempo a ningunha persoa". Unha postura que "non é incompatible" cun principio básico de respecto "escrupuloso" pola legalidade das persoas que están en política.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.