A ilexitimidade do réxime franquista

A ditadura do xeneral Franco naceu e morreu ilexítima e non perdeu esta cualidade un só día da súa (para a desgraza dos nosos país e avós) longa vida. Naceu dunha rebelión militar (ésta si foi tal, unha rebelión sanguiñenta e asañada) contra do Goberno legalmente constituído, o Goberno da República. Unha rebelión que só trunfou despois de matar centos de milleiros de persoas e condenar millóns ao cárcere, exilio, miseria e exclusión social.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 10/06/2019

Comparte esta noticia
Xa que logo, a lexitimidade de orixe retívérona as institucións republicanas no exilio, os Gobernos da República, da Generalitat e Vasco, canda o Consello de Galiza, até a elección libre (malia que con certas limitacións) dun Parlamento, o 15 de xuño de 1977. De feito foi o propio Goberno da República no exilio o que se autodisolveu, o 21 de xuño de 1977, ao constataren que a cidadanía do Estado recuperara o exercicio da soberanía.
 
No eido internacional, os Estados Unidos Mexicanos e máis a República Federativa de Iugoslavia non recoñeceron nunca ao réxime de facto español e mantiveron exclusivamente relacións diplomáticas co Goberno da República no exilio até 1977. As principais potencias (Francia, Reino Unidos, USA) non recoñeceron ao réxime franquista até o remate da guerra, as potencias europeas o 27 de febreiro de 1939 e os USA o 31 de marzo dese mesmo ano. E este recoñecemento viu motivado pola inefectividade sobrevida do  Goberno republicano ao non controlar xa o territorio e polo exilio do Presidente da República e do seu Goberno.
 
Velaí, entón, o gravísimo erro da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo ao recoñecer ao xeneral Franco como Xefe de Estado dende o mesmo día da súa cooptación pola directiva militar golpista (1 de outubro de 1936). Porque recoñece nunha decisión xudicial do máximo intérprete do Dereito Administativo estatal unha lexitimidade que nunca existiu, visualizando a conexión  entre o réxime do 78 e a ditadura franquista, cando nin sequera lle resultaba xuridicamente preciso para suspender cautelarmente o translado dos restos do ditador.
 
Vemos agora como a falla dunha ruptura formal co réxime de facto nos anos 1977 e 1978 determinou importantes pexas na calidade da nosa democracia. Faltou o axuizamento dos criminais de guerra e da represión franquistas, a anulación das sentenzas dos seus Tribunais ilexítimos ( como a que ditou a pena de morte ao patriota galego Alexandre Bóveda) e a reparación e indemnización dos que viron incautados os seus bens e mesmo efectivo, ao tempo que se lle impuxo á cidadanía a Monarquia reinstaurada polo vello xeneral sen posibilidade de decidir autónomamente sobre a mesma.

Franco e Hitler saúdan a garda alemá en Hendaia, o 23 de outubro de 1940.
Franco e Hitler saúdan a garda alemá en Hendaia, o 23 de outubro de 1940.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.