Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2019 | Actualizada ás 12:57
O debate sobre os criterios a incluír nun futuro programa de cribado de cancro de pulmón, así como as evidencias científicas que avalan os seus bos resultados serán un dos temas que analizará o foro autonómico reunido con motivo do Congreso da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (Separ), que se celebra ata o domingo en Santiago de Compostela.
En concreto, os expertos buscan trasladar ás administracións os efectos positivos deste programa de cribado obtidos en estudos tanto en Estados Unidos como en Europa, que indican que podería reducirse a mortalidade en homes por este tipo de cancro en cifras superiores ao 26%.
Tal e como lembrou o doutor Luís Seijo, o cancro de pulmón é un dos que rexistra unha taxa de mortalidade máis elevada, e "mata a máis xente que os de colon, mama e próstata xuntos". Isto prodúcese, en moitas ocasións, porque o diagnóstico ten lugar en fases xa avanzadas da enfermidade.
Por iso, e co obxectivo de favorecer unha detección precoz que mellore os prognósticos da enfermidade, os expertos reivindican a implantación dun programa de cribado de cancro de pulmón con tomografía computarizada de baixa dose de radiación (TCBD), ensaiado en estudos tanto en Estados Unidos como en Europa con bos resultados.
REDUCIÓN DA MORTALIDADE
No caso europeo, explicou o doutor Seijo, o estudo Nelson confirmou --e mellorou-- os achados do norteamericano National Lung Screening Trial, que demostrou "unha redución global na mortalidade atribuíble ao cribado". Con case 16.000 individuos recrutados, o estudo Nelson demostrou que esta técnica de cribado "é unha ferramenta de detección eficaz, reducindo a mortalidade por cancro de pulmón en homes nun 26% tras 10 anos de seguimento".
Comparando o estudo norteamericano e o europeo, os expertos apuntan a que os beneficios son maiores cando se completan máis roldas de cribado e cando se inclúen máis individuos, con criterios menos restritivos. Neste ámbito, desde os investigadores españois incídese no vínculo entre o enfisema e o cancro de pulmón, mesmo naqueles pacientes que por idade ou consumo continuado de tabaco non estarían en primeira liña de obxectivos.
Luís Seijo considerou que, tendo en conta a "posición privilexiada" do sistema sanitario nacional, España debería ser "pioneira" neste ámbito en Europa. Os expertos, avanzou, analizarán as posibles directrices futuras deste plan de cribado, así como os criterios poboacionais que consideran máis adecuados, antes de realizar unha proposta en firme ás administracións.
O 50% dos cancros de pulmón detectados con este sistema de cribado no estudo europeo Nelson, destacaron, atopábase en estadio inicial, en comparación co 75% de casos en estadíos avanzados do grupo de control.
BIOMASA E RADÓN
En Galicia, ademais do tabaquismo, existen outros elementos que inflúen no desenvolvemento de enfermidades respiratorias e cancro de pulmón, como é a exposición ao "fume de biomasa" --das fogueiras de leña-- e o gas radón.
O doutor Antonio Luís Golpe, presidente do comité organizador do Congreso, explicou que, precisamente, esta exposición a fume de cociñas de leña tradicionais e fogueiras, sobre todo en zonas rurais, estaría detrás do 20% das enfermidades pulmonares obstructivas crónicas (EPOC), con especial incidencia nas mulleres. Isto, incidiu, leva a reclamar medios e formación adecuados nos centros de Atención Primaria de Galicia que poidan detectar de forma precoz este tipo de patoloxías.
No relativo ao cancro de pulmón, o experto reivindicou o factor ambiental do gas radón liberado polo granito e que, no caso de Galicia, acumúlase nas casas de pedra tradicionais, esparciéndose polas estancias e afectando á saúde dos seus moradores a longo prazo. En todo caso, os expertos incidiron na necesidade de continuar a loita contra o tabaco, un problema no que "queda moito por facer", polo que se mostraron proclives a calquera tipo de restrición deste hábito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.