Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2019 | Actualizada ás 16:29
O presidente provincial do PP de Ourense, José Manuel Baltar, admitiu publicamente este xoves negociacións con Democracia Ourensana para reter a Deputación de Ourense, onde os populares perderon a maioría absoluta tras as eleccións do 26 de maio, e sobre os insultos que Gonzalo Pérez Jácome lle dirixiu a el e ao seu partido durante anos, incluíunos no epígrafe de "historias pasadas".
Para Baltar, agora hai que centrarse nun "novo escenario" e esquecer as "historias pasadas", porque é "nestes momentos" cando se mide "a grandeza das persoas". Na súa opinión, quen exerceron "insultos e vetos quedaron retratados".
O dominio na Deputación de Ourense, feudo histórico dos Baltar, primeiro co pai e despois co fillo, quedou no aire tras as municipais do pasado mes de maio porque o PP quedou, con 12 deputados, a un da maioría absoluta. Ciudadanos obtivo unha acta na corporación provincial, pero condicionou calquera posibilidade de acordo co PP a que Baltar non ocupase a Presidencia.
Democracia Ourensana, que conseguiu dous deputados provinciais, pasou de falar da "tóxica saga dos Baltar" a recoñecer que pactarían "co diaño" se trae "o ceo para Ourense". Así, a pesar de ser a terceira forza no Concello de Ourense, aínda que empatada co PP a 7 edís, reclama a Alcaldía para Pérez Jácome e xa avanzou que é a el a quen votarán no pleno de constitución da corporación local do próximo sábado.
Tras o acto de entrega da medalla de Ouro da provincia a título póstumo ao doutor Luís Rodríguez Míguez, Baltar admitiu manter conversas con Jácome para "falar de Ourense".
En calquera caso, puntualizou que, "a día de hoxe, aínda non se pode dicir nada", polo que deixa "aberta calquera vía na procura do mellor para Ourense". Segundo dixo, "sexa ou non presidente", el será "a persoa "máis feliz do mundo", xa que ten "unha familia encantadora e traballo", posto que asegurou que é profesional da Administración pública.
GOBERNOS DE COALICIÓN
O presidente en funcións da Deputación de Ourense exemplificou tamén co vivido no últimos catro anos no Concello de Ourense, que gobernou en solitario o seu compañeiro de partido Jesús Vázquez, para confesarse partidario de "gobernos de coalición" máis que de "gobernos en minoría".
Así, referiuse a que os últimos catro anos en Ourense estiveron carentes de "estabilidade" e como contrapunto referiuse á xestión da administración provincial, na que "si houbo estabilidade" e, na súa opinión, a institución colocouse "á vangarda dos gobernos de España".
De todos os xeitos, Baltar "segue reivindicando o peso de ter un resultado electoral" e subliña que hai que darlle "valor" tras obter "un número de votos superior a nacionalistas e socialistas xuntos".
Sobre o bastón de mando provincial, Baltar esgrimiu que "é unha vantaxe importante saber como se xestiona unha deputación, sen ter que preguntar o primeiro día por que porta se entra". Así, puxo en valor ser o único "candidato coñecido" para optar á Presidencia do ente provincial e contar cun "programa electoral con 124 medidas".
"A 13 de xuño descoñécese nin sequera quen vai ser o candidato das outras formacións para presidir a Deputación", afirmou Baltar sobre a Presidencia do órgano provincial, que se elixe unha vez constituídos todos os concellos da provincia, precisamente porque se trata dunha elección indirecta, que non votan en urna os cidadáns.
VÁZQUEZ E A DISCIPLINA DE PARTIDO
Pola súa banda, o alcalde de Ourense en funcións, Jesús Vázquez, volveu este xoves delegar na dirección dos populares a decisión sobre que opción votarán os sete concelleiros do PP o vindeiro sábado. "Como persoa que pertenzo a un partido, entendo a súa disciplina. O que decida o partido, e que será polo ben de todos", insistiu.
RIBADAVIA E MACEDA
Con respecto á gobernabilidade en Ridabavia e Maceda, Baltar apelou á "maioría de votos e de concelleiros" do PP e avogou por "gobernos estables", á vez que aventurou que, neste caso, "todo parece indicar que van ser os candidatos que gañaron as eleccións, os do PP, quen desenvolvan as alcaldías". "Aínda que 48 horas son unha eternidade", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.