Detidos dous presuntos dirixentes de Resistencia Galega

Causa Galiza critica estes arrestos, que considera unha "nova montagem policial contra o independentismo organizado".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/06/2019 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado fixeron varios rexistros en vivendas de Galicia e arrestaron algúns destacados membros do independentismo galego aos que se lles asocia con Resistencia Galega.

Antón Garcia e Asunción Losada Camba
Antón Garcia e Asunción Losada Camba | Fonte: Garda Civil.

A Cadena Ser informaba este domingo da detención este sábado pola tarde en Vigo de dous presuntos dirixentes da organización Resistencia Galega. En concreto, sinala a Antón García (alias Toninho) e Asunción Losada Camba. Sobre ambos os dous pesaba unha orde europea de detención e entrega. No momento da detención estaban acompañados por un presunto colaborador, identificado como Nicolás García Nogueiras, quen tamén resultou detido, ademais doutro segundo cooperante tamén arrestado na localidade de Oxén, en Ourense.

Críase, por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que os detidos fuxiran a Portugal e mesmo foron buscados en Venezuela. Pero foron atopados e arrestados finalmente en Galicia. Aos dous se lles atribúe a fundación de Resistencia Galega como herdeira do Exercito Guerrilheiro de Povo Galego Ceive.

Tanto Asunción Losada como Antón García atopábanse, segundo a Xustiza española, fuxidos desde 2006, cando a Audiencia Nacional ordenou por primeira vez a súa detención, pouco despois da fundación oficial de Resistencia Galega.

Previamente, Causa Galiza remitiu este domingo a GC unha mensaxe na que denunciaba a detención por parte da Garda Civil do militante independentista Miguel Garcia.

Rexistro na casa dun militante independentista ao que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado relacionan con Resistencia Galega
Rexistro na casa dun militante independentista ao que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado relacionan con Resistencia Galega | Fonte: Causa Galiza.

Na mensaxe, a formación independentista sinala que Garcia foi "detido em Vila Marim". Tamén indica que axentes da Garda Civil procederon ao rexistro da súa casa.

Causa Galiza tamén denuncia que non sabe onde foi trasladado o seu militante: "Desconhece-se o seu paradeiro e o regime juridico sob o que se encontra", din fontes desta formación.

En redes sociais, Causa Galiza tamén espallou a súa denuncia, onde comunicou que habería mobilizacións contra este arresto, que considera "umha nova montagem policial contra o independentismo organizado". As moblizacións están convocadas ás 20.30 horas deste luns en Vigo, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Burela e A Coruña.

"Estade atentas e atentos às convocatórias de mobilizaçom e solidariedade que se anunciarám nas próximas horas para contestar à detençom do independentista Miguel Garcia pola 'Guardia Civil' em Vila Marim no marco dumha nova montagem policial contra o independentismo organizado", din desde Causa Galiza.

A organización sitúa ademais esta operación nas "proximidades do Dia da Pátria", sobre o cal engade: "Som mais umha vez as datas elegidas pola "Guardia Civil' para montar um novo circo 'antiterrorista', criminalizar o independentismo organizado e estender um clima de excecionalidade policial, informativa e penal sobre a militáncia patriótica".

"Alertamos a todas as pessoas, coletivos e organizaçons sensíveis frente à repressom política sobre a hipótese dumha 'Operación Jaro III' que prorrogue e atualice o estado de exceçom seletivo que a 'Guardia Civil' impujo ao independentismo organizado", conclúe Causa Galiza.

Desde esta formación política tamén critican o papel dos "jornais ligados à extrema direita mediática", por "difundir nas últimas horas notícias relativas ao ''descabeçamento'' dumha suposta organizaçom armada". E enaden; "Advertimos da manipulaçom sistemática e as acusaçons infundadas que estes meios praticárom e praticam sistematicamente".

Contra os detidos existen nove acusuacións da Audiencia Nacional que inclúen pertenza a organización terrorista en grao de dirixentes, tenencia ilícita de armas, transporte de explosivos e falsidade documental.

SEN NOTICIAS DE TONINHO DESDE XULLO DE 2014

Desde o pasado 18 de xullo de 2014, cando se publicou un vídeo que gravara na clandestinidade no que avogaba por dar continuidade á "loita armada", non se volveron ter noticias de Toninho.

Por parte da Garda Civil están a instruírse as correspondentes dilixencias policiais baixo a dirección da Audiencia Nacional e en coordinación coa Fiscalía da Audiencia Nacional. Os detidos serán trasladados nas próximas horas a Madrid, quedando a disposición do devandito órgano xudicial.

Segundo datos do Instituto Armado, á organización terrorista Resistencia Galega atribúenselle máis de sesenta accións violentas, moitas delas realizadas con explosivos de fabricación propia. A última acción de Resistencia Galega foi a colocación dun artefacto explosivo no Concello de Baralla (Lugo) o 1 de outubro de 2014.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 17 comentarios

1 FartodenaZis

Desexámoslles unha boa e longa estancia en prisión, onde seguro que terán oportunidade de facer bos amigos de ambos sexos. Así mesmo, esperemos que fagan algún traballo remunerado, que xa está ben de manter tanto niñato parasito social

1 Enxebre

Por qué tanto odio contra o independentismo? Eso ten efecto rebote... Cada vez somos máis os que apoiamos o independentismo... Non ten das conta de nada!