A folga na Atención Primaria está tendo entre o 50 e 95% de seguimento, segundo os profesionais

A Xunta rebaixa os datos ao 21% e destaca que "non hai incidencias de falta de atención" e que os servizos mínimos estanse a cumprir.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2019 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

Os profesionais de Atención Primaria que convocaron este 19 de xuño unha xornada de folga en Galicia sitúan o seguimento do paro entre un 50% e case un 95% segundo as áreas sanitarias, que o Sergas reduce a unha media do 21,15%.

Segundo os datos facilitados por médicos convocantes deste paro, na área sanitaria de Santiago de Compostela o seguimento sitúase "nun 50%", mentres que na da Coruña oscila "entre o 84 e 100%", aínda que nalgún centro de saúde non a secundan.

Os profesionais de AP en folga sitúan entre un 50 e 100% o seguimento segundo as áreas, que o Sergas reduce ao 21%. REMITIDA
Os profesionais de AP en folga sitúan entre un 50 e 100% o seguimento segundo as áreas, que o Sergas reduce ao 21%. REMITIDA | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, destacaron o respaldo na área sanitaria de Vigo con "máis do 93%", mentres que na de Pontevedra sitúan o seguimento por parte dos médicos de familia nun 75%. No caso concreto de Ourense, área con "máis unidades" e debido á dispersión na que algúns centros contan cun único facultativo, puntualizaron que nos centros grandes está nun 50%, mentres que os unitarios "é do 100%" porque, ao haber soamente un médico --que é servizo mínimo-- "só ven urxencias".

Mentres, o Sergas sitúa o apoio na xornada de mañá nos centros asistenciais de Atención Primaria nun 21,15 por cento do persoal total chamado á folga. Por estruturas organizativas, a Consellería de Sanidade sitúa o seguimento no 11,4% na EOXI de Ourense; no 12,3% na EOXI de Lugo; 16,9%, na EOXI da Coruña; o 20,1 na de Santiago; o 29,5% na de Ferrol, o 30% na de Pontevedra e o 34,8% en Vigo.

SEN INCIDENCIAS

En declaracións a Europa Press, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, destacou o cumprimento dos servizos mínimos e incidiu en que "non hai incidencias de falta de atención". "Para nós o máis importante é que temos unha xornada sen incidencias nos centros", afirmou, para matizar que posiblemente se produza "algún cambio de cita" debido á folga.

Con respecto á folga, o xerente do Sergas matizou que non a entenden "moi ben". "Seguimos traballando para tomar medidas de mellora en Atención Primaria", incidiu tras subliñar, en declaracións a Europa Press, que un "70% das accións a curto prazo do novo plan xa está en marcha a súa implantación".

"Seguimos tomando medidas", resaltou Fernández-Campa, quen lembrou a convocatoria da OPE 2019 con 528 prazas en categorías específicas en Atención Primaria, o contrato de continuidade, 331 novas prazas neste nivel asistencial e o aumento de prazas de formación.

Os convocantes desta folga, que apoia o sindicato médico CESM, reivindican "máis tempo" para os seus pacientes e un sistema que "dea resposta ás necesidades" dos galegos, afastado do actual "hospitalcentrismo". Así, demandan incrementar a dotación de recursos humanos porque sen persoal, "a sobrecarga vai persistir".

Respecto diso, consideran que o problema non é que non haxa médicos, senón que se "deixan escapar" polas malas condicións laborais e a falta de "aposta" pola Atención Primaria en Galicia. Fronte a iso, o xerente do Sergas lembrou que as medidas a curto prazo teñen un seis meses de implantación desde a recente aprobación do plan de Atención Primaria e algunhas "xa son efectivas", defendeu.

PACs

Por outra banda, no marco da situación de primaria, preguntado sobre o conflito dos Puntos de Atención Continuada (PAC), cuxo persoal está en folga desde principios de ano, o xerente do Sergas asegurou que a Administración sanitaria "traballa para alcanzar un acordo" e lembrou que a última oferta, na que recollían case todas as reivindicacións, "foi rexeitada" polos traballadores.

"É importante alcanzar un acordo. Está a facerse un esforzo moi importante nas condicións aceptadas, máis do 90% das expostas", resaltou Campa, que asegurou que lle "gustaría retomar as conversacións".

Con todo, preguntado pola petición de reunión por parte do comité de folga con el ou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que un conflito como este hai que "solucionalo" mediante "procedementos regulados" e "non a través de reunións paralelas ao conflito".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta