Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/06/2019 | Actualizada ás 13:59
700.000 euros. Esa é a cantidade que a Consellería de Pesca destinará nunha campaña publicitaria nos medios de comunicación para loitar contra o furtivismo dos produtos do mar de Galicia en 2019 e 2020. Un diñeiro destinado integramente á propaganda que contrasta co que está acontecendo no país veciño, onde aumentaron considerablemente as operacións policiais contra o furtivismo.
A Xunta opta por darlle diñeiro aos grandes medios para “mellorar a comercialización dos produtos procedentes da pesca e o marisqueo, defender a explotación sostible dos recursos mariños, defender o respecto ás tallas mínimas e as vedas e potenciar os produtos da pesca e do marisqueo”. Será a través dunha estratexia e plan de medios para impulsar esta campaña en televisión, prensa xeralista, prensa especializada, radios, edicións dixitais de medios e medios “exteriores”. A maior parte do diñeiro –un 50%-- vai para a “prensa xeralista”, é dicir, a prensa tradicional –La Voz, Faro, El Progreso, El Correo Gallego, La Región, etc..-- e edicións dixitais destes medios --o 30%--, mentres que o 25% vai para as radios.
A Consellería de Pesca xustifica esta concurso lembrando que o Estatuto de Autonomía atribúe á Comunidade Autónoma, no seu artigo 28º, a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado no ámbito da ordenación do sector pesqueiro. Un sector no que entra a acuicultura mariña, a piscicultura, o marisqueo e todo o procesamento dos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas. Ademais, indica que o artigo 97º da Lei 11/2008, de 3 de decembro, de pesca de Galicia, inclúe entre os obxectivos da política da Administración galega en relación á comercialización, transformación e promoción dos produtos pesqueiros correspondentes “a mellora das canles de comercialización e distribución dos produtos” e o fomento da comercialización de produtos procedentes da pesca e da acuicultura.
“É por iso necesario intensificar as labores e control e de información para loitar contra as prácticas que van en contra da sostenibilidade dos recursos, das vedas e das tallas mínimas”, apunta a Xunta para xustificar este concurso publicitario.
Así, salienta que a campaña de loita contra o furtivismo dos produtos do mar de Galicia vai dirixida a todos os colectivos vinculados ao mar: produtores, comercializadores, transformadores, restauradores, consumidores e público en xeral. “Pretende concienciar á poboación sobre a importancia de respectar os recursos mariños, de promover un uso sostible dos mesmos, de erradicar o consumo de especies ovaladas, en veda, inmaturas ou con tallas non axeitadas, así como asegurar a seguridade alimentaria”.
PROGRAMA DE CHICOTE
Este novo concurso publicitario da Xunta coincide coa emisión en La Sexta do programa “¿Te lo vas a comer?”, presentado por Alberto Chicote. Un programa no que se daba conta do mercado negro de bivalvos que chegan, sobre todo, de Portugal a Galicia. Nel, o cociñeiro era testemuña da incautación de 3.000 quilos de ameixa portuguesa que pretendían entrar ao noso país sen garantías sanitarias e tamén participaba nun operativo da policía lusa contra o mercado ilegal. De feito, un estudo realizado por investigadores de universidades lusas estima que só no estuario do Teixo os furtivos poden chegar a extraer até 19 toneladas ao día.
De feito, e tras a emisión do programa, a Garda Nacional Republicana (GNR) intensificou a súa loita contra o furtivismo nas súas costas e pelexa por interceptar os cargamentos de ameixa en dirección a España, sobre todo a Galicia. Nos cinco primeiros meses do ano interceptaron un total de 55 toneladas destes bivalvos, case tanto como en todo o ano pasado (55,9) e un 78% máis que nos mesmos cinco primeiros meses.
Só o pasado mércores a GNR logrou interceptar 11 toneladas en Vila do Conde, na zona norte do país, unha cantidade que non se sumou aínda ás 55 toneladas. Tamén, curiosamente, a semana pasada a Garda Civil informaba de que nos dous últimos meses incautáronse de preto de tres toneladas de ameixa ilegal chegada de Portugal.
A este baile de cifras en incautación de ameixa tamén se sumou a Policía Autonómica. Hai dous días, informaba da interceptación de dous furtivos habituais na zona de Campelo e Combarro-Poio (Pontevedra) cando extraeran 25,6 quilos de ameixa, que foi devolta ao mar. Ademais, destacaba que nos últimos sete días, os axentes recuperaron máis de 100 quilos de ameixa extraídos de forma irregular durante o desenvolvemento dos dispositivos de loita contra o furtivismo na ría de Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.