A Cámara constitúe o Grupo Mixto do que Luís Villares será portavoz

Os catro deputados que o integran continuarán nas actuais dependencias do Grupo de En Marea

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/06/2019 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A Mesa do Parlamento de Galicia, máximo órgano reitor da Cámara galega, acordou este venres a constitución do Grupo Mixto unha vez resolta a solicitude de Luís Villares e os outros tres deputados de desligarse do Grupo Parlamentario de En Marea.

Segundo informa a Cámara, a incorporación á vida parlamentaria do Grupo Mixto, que terá a Luís Villares como portavoz, realizarase de maneira "progresiva", polo que non adquirirá funcionamento pleno ata a continuación do período ordinario de sesións do Parlamento tras a volta do parón estival.

Nun comunicado, o Parlamento de Galicia destaca que tratará de que a suma dun grupo máis aos catro xa existentes nesta lexislatura teña "o menor impacto posible para as arcas públicas", aínda que serán respectados "os dereitos regulamentarios" do Grupo Mixto no tocante ao réxime económico e as achegas que lle corresponden por lei.

Con todo, en virtude do regulamento, tanto a achega económica como os cambios que implicará a configuración do Grupo Mixto no funcionamento da cámara -cotas de iniciativas e composición das comisións e a Deputación Permanente-- serán abordados, previsiblemente, na Mesa e a Xunta de Portavoces do próximo 2 xullo.

Luís Villares, o xa ex portavoz de En Marea
Luís Villares, o xa ex portavoz de En Marea | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Así as cousas, a Mesa certifica de maneira formal a división do Grupo Parlamentario de En Marea.  A condición de segundo grupo parlamentario recae agora no Partido Socialista, pendente de que ingrese como deputado o seu líder, Gonzalo Caballero. A entrada no Pazo do Hórreo do secretario xeral do PSdeG aínda está pendente de concretar, xa que se producirá cando o parlamentario Abel Losada asuma as súas novas responsabilidades como concelleiro no goberno de Vigo.

PARTICIPACIÓN NO PLENO DE XULLO

A próxima sesión plenaria do Parlamento de Galicia -prevista para a segunda semana de xullo e que será a última do período ordinario-- servirá de estrea para o Grupo Mixto de Villares, que poderá situarse e participar nos debates pero non defender iniciativas, dado que o prazo de rexistro expirou antes da súa constitución, acordada este venres.

Segundo incide o Parlamento de Galicia nun comunicado emitido tras a conclusión da reunión da Mesa, a incorporación do Grupo Mixto á vida parlamentaria realizarase de maneira "progresiva" e verá "ampliados" os seus dereitos "a medida en que avance o tempo". Co paso dado pola Mesa este venres, Villares e os seu tres compañeiros poderán xa rexistrar iniciativas "que estarán en disposición de ser incorporadas á orde do día dos diferentes órganos unha vez transcorridos os prazos reglamentariamente establecidos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta