Víctor Freixanes: "A elección de Carvalho Calero é unha cuestión de xustiza histórica"

Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, asumiu o reto de celebrar o Día das Letras Galegas 2020 á figura de Carvalho Calero. Estimou abondo maduras as institucións e á sociedade en xeral como para teren entre os referentes lingüísticos a Carvalho. Defensor e promotor das novas tecnoloxías aplicadas á lingua, considera necesaria unha maior e máis importante implicación dos poderes políticos no desenvolvemento de políticas de normalización.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia


-Cales foron os motivos que levaron á elección de Carvalho Calero como figura a homenaxear o Día das Letras Galegas 2020?
Non era a primeira vez que a figura de Ricardo Carballo Calero entraba nos debates da RAG para o Día das Letras Galegas. A súa obra e a súa significación son unha realidade obxectiva que todos os académicos e académicas recoñecen. A biografía de Carballo Calero, igual que a de Antonio Fraguas, en gran medida é a crónica do galeguismo ao longo do século XX: o Seminario de Estudos en 1923, a redacción do anteproxecto de estatuto de Autonomía de Galicia xunto con Lois Tobío, o Partido Galeguista, a guerra civil, a represión e o castigo que a súa xeración sufriu por defender as súas ideas, o esforzo pola recuperación da dignidade da lingua e da cultura galega na posguerra, a súa condición de primeiro catedrático da Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago, autor de obras tan significativas como a Historia da Literatura Galega Comporánea no 1963, ademais da súa condición de ensaísta, crítico literario, autor das primeiras gramáticas “do galego común” coas que se formou a miña xeración e a súa obra literaria. Durante un tempo el foi a figura de referencia nos traballos sobre a lingua e a literatura. A súa postura, xa na derradeira etapa da súa vida, a prol das opcións mais achegadas ao portugués, o reintegracionismo, fronte ás posicións que a partir de 1971 propón o Instituto da Lingua Galega, máis próximas á realidade oral do idioma, e posteriormente mesmo fronte ás propostas da propia academia, distanciárono dos seus antigos compañeiros. Con esta elección a RAG recoñece unha obra e unha biografía dedicada enteiramente a Galicia, á lingua e á cultura galega, por riba de diferenzas que poidan existir. Unha cuestión de xustiza histórica.

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG
Víctor F. Freixanes, presidente da RAG | Fonte: RAG


-Había circunstancias máis excepcionais que puideran ter influído para a súa elección, era o mellor momento, había máis consenso?
Aquelas anos de enfrontamento foron moi duros, con posicións que mesmo rebordaron os protagonistas. Hoxe os estudos sobre a lingua acadaron un estado de madurez que permiten abordar cuestións que antes abrían moitas feridas. A propia sociedade galegofalante ten unha perspectiva sobre os feitos que non existía hai catro décadas. Entendo que incluso hai moitos prexuízos que se poden e que se deben superar. O consenso de apoio á candidatura de Ricardo Carballo Calero foi moi amplo, e o feito de que non se considerasen outras propostas, que tamén as hai, subliña esa vontade de consenso por parte dos académicos.


-Cando presentaron a elección, vostede indicaba que "temos o sistema suficientemente maduro como para poder falar destas cousas" en referencia ás posturas filolóxicas que defendía Carvalho. Cales son os trazos desa madurez que vostede mencionaba?
O principal trazo de madurez é o talante das partes para acometer discusións francas, argumentadas, documentadas, procurando distanciarse de cuestión persoais, incluso a aparición de novas xeracións de estudosos e usuarios do galego. Os estudos sobre a lingua, a estabilidade do idioma, a construción do estándar ou a experiencia de uso, facilitarán moito as cousas para poder falar abertamente, estou seguro.

Durante un tempo el foi a figura de referencia nos traballos sobre a lingua e a literatura. 


-Esa madurez podería reflectirse nunha aceptación de convivencia coas ideas ortográficas que Carvalho Calero defendía para a codificación do galego?
A RAG ten unha posición moi definida que tamén é resultado de reflexión e estudo por parte dos especialistas que forman parte da institución. Non creo que ninguén pense en mudar posturas, mais si discutir, escoitar os outros, poñer enriba da mesa argumentos, traballos de campo, documentación histórica, e sobre todo: a realidade social da lingua nestes momentos, que é o que nos preocupa. A RAG abrirá os foros necesarios para que todas as posicións se expresen, porque o debate, o respecto polas ideas dos outros, é un factor fundamental para calquera liña de futuro. O futuro? Nunca está cerrado, pero tampouco se trata de improvisar, nin de deixarse levar por activismos de parte ou por oportunismos ocasionais. A RAG é unha institución que, por mandato de lei (1983), asume a responsabilidade de orientar o uso normativo da lingua galega na ortografía, no léxico, na gramática etc., pensando na máxima eficacia, na máxima coherencia e na realidade dos falantes. Hai moito traballo por facer.

-A día de hoxe, cales son os grandes triunfos da RAG e os obxectivos que desexarían ver cumpridos nos próximos anos?
A RAG necesita recursos para estabilizar o seu traballo. Avanzamos moito no léxico (o dicionario da RAG ten 63 mil consultas diarias e máis de 75 mil descargas de aplicacións de móbiles!). Temos un traballo moi avanzado arredor da recuperación e estabilización da toponimia. Esperamos que para este ano poidamos dispoñer do borrador dunha ambiciosa gramática normativa, na que se está traballando moi intensamente. No campo da sociolingüística preocúpanos a situación da lingua nos segmentos mais novos da sociedade, a eficacia e eficiencia da política lingüística no ensino, a produción da industria cultural, a comunicación, a transmisión familiar… Son ámbitos nos que a RAG traballa arreo e que nos gustaría poder visibilizar máis. A estabilidade económica é moi necesaria. Non podemos andar todos os anos pedichando nas portas como se fósemos esmoleiros. A RAG ten un orzamento moi por debaixo dos servizos que dá á sociedade e moi por debaixo das necesidades que ten: un orzamento escandalosamente inferior a calquera outra institución semellante: a Real Academia Vasca-Euskaltzaindia ou o Instituto de Estudos Cataláns, por exemplo.

Os estudos sobre a lingua, a estabilidade do idioma, a construción do estándar ou a experiencia de uso, facilitarán moito as cousas para poder falar abertamente, estou seguro.


-A relación Academia-sociedade está nun bo momento ou quere abrir máis as portas para que a xente coñeza o labor da institución?
Esforzámonos por abrir as portas. Hai quen considera que iso é facer política cultural sen máis, pero sen esquecer a dimensión científica nós tamén temos que facer política cultural, que é política de comunicación, porque a sociedade debe coñecer o labor e a significación das súas institucións. O que non se coñece, porque non se sabe comunicar, non existe. Cando mobilizamos algúns milleiros de nenos e nenas arredor da figura á que se lle dedica o Día das Letras, a Primavera das Letras, cando fornecemos de recursos didácticos o mundo escolar co Portal das Palabras, cando promovemos iniciativas dende as novas tecnoloxías da comunicación, neste caso colaborando coa asociación PuntoGal, cando promovemos traballos de onomástica, sensibilizamos a poboación de municipios urbanos e rurais a prol do respecto pola nosa toponimia, ou traballamos cos mestres no estudo e afirmación da lingua nas escolas, estamos fortalecendo unha causa, que é a causa do noso idioma, da súa modernización e instalación plena no século XXI.


-Sobre as políticas de normalización, ve o papel das autoridades políticas como activo neste punto?
Poño un exemplo no que nos deberiamos mirar ou sobre o que, cando menos, deberíamos reflexionar. Hai cincuenta anos ninguén daba un peso polo éuscaro, hoxe o idioma dos vascos, grazas ao traballo das institucións e a decidida política lingüística dos seus gobernos a prol do idioma, é unha realidade social dinámica, activa e, sobre todo, que conseguiu empatar coas novas xeracións con extraordinaria eficacia. Non hai familia, sexa da posición ideolóxica que sexa, que non presuma en Euskadi de que os seus fillos e fillas coñecen e falan éuscaro. As ikastolas foron unha iniciativa extraordinariamente eficaz. E estaban a anos luz da nosa realidade lingüística. Que quero dicir con iso? Que a acción política é fundamental. Dende a política deséñanse as estratexias de actuación e adminístranse os recursos necesarios. Neste aspecto a política lingüística en Galicia deixa moito que desexar.

Sen esquecer a dimensión científica nós tamén temos que facer política cultural, que é política de comunicación, porque a sociedade debe coñecer o labor e a significación das súas institucións.

-Política Lingüística depende da Consellería de Cultura, non debera ser un órgano independente ou se cadra, dependente dun organismo como a Presidencia da Xunta.
Eu creo que a política lingüística debe actuar transversalmente en todos os ámbitos, materias e actividades de goberno, por tanto en todas as consellerías. A lingua é unha realidade social que afecta a toda a sociedade, non un gueto selectivo.


-Cal é a súa valoración sobre iniciativas como Escolas Semente para a potenciación do galego entre os máis pequenos?
Apoiei economicamente esta iniciativa nos seus inicios en Santiago de Compostela porque me parece importante que xurdan iniciativas destas características dende a sociedade civil. Paréceme unha iniciativa privada que merece aplauso. Mais non substitúe a necesaria política xeral. Non todo o mundo pode pagar unha escola privada.

Dende a política deséñanse as estratexias de actuación e adminístranse os recursos necesarios. Neste aspecto a política lingüística en Galicia deixa moito que desexar.

 

-Por último, logo da visita do presidente do Instituto Camões a Galicia, considera que as relacións entre RAG e a institución portuguesa son fluídas? Ve o mesmo nas relacións coa lusofonía?

Hai que avanzar nesta dirección, con naturalidade, sen retóricas, mais sen complexos. Sen perder a súa identidade, Galicia e a lingua galega debe sentirse cómoda nese ámbito, que é o espazo da nosa historia. Varios académicos traballan dende hai tempo en liñas de investigación compartidas con universidades portuguesas e brasileiras. Hai pouco recibimos na Coruña a visita do presidente da Academia Brasileira de Letras, Marco Luchessi, e nós correspondemos despois viaxando a Rio de Janeiro, onde a ABL nos agasallou con moita xenerosidade e onde temos unha académica de honra, brasileiro-galega, Nélida Piñon. A nosa entrevista co presidente do Instituto Camões vai nesta mesma dirección: crear espazos de información e coñecemento, desenvolver na medida do posible actuacións conxuntas para coñecernos mellor, porque como dixen máis dunha vez o que non se coñece non se ama. Mais tamén é certo que, sobre todo dende Portugal, deben facer un esforzo tamén para saber de nós: non somos un curruncho perdido no norte, nin unha reserva folclórica, en último termo somos o principio das cousas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 uu1

Eu desejo que este seja o primeiro passo para o achegamento real as outras variedades do nosso idioma, e mais um passinho cara a Bi Normativa e parafraseando a Murguia, primeiro presidente da RAG “o galego e o português são um mesmo na origem, gramática e vocabulário. Por que não aceitar a ortografia portuguesa? Si nos foi comum em outros tempos, por que não ha de selo de novo?”

4 Fqjn

Carvalho Calero non fixo un só traballo sobre os textos galegos medievais, e xa o queren facer o referente do galego, isto é o nivel que hai.

3 Pitito

Vaia papo!! E a eleccion de Filgueira cousas de camaradería e sintonía intelectual e política!!

2 Pertom

Todo parece indicar que as letras para Carvalho serám um mero trámite incómodo que terám que passar "quem o tinham desterrado e agora falam bem del", já que o próprio Freixanes afirma que ninguém aí dentro pensa em mudar posturas nim um ápice. E eu pregunto, que classe de debate se supom que é esse?

1 Pertom

Primeiro cometem a injustiça e logo arranjam-na. Criam o problema e vendem-che a soluçom, mágia na Academia! Além disso, semelha bastante irrespetuoso falar de "oportunismos de parte" para referir-se às demandas de reconhecemento da sua opçom normativa por parte da gente do ámbito reintegracionista, que leva tamém décadas loitando pola língua como melhor considera, esses si que sem subvençons nim financiamento público de ningum tipo e enfrontando-se amiúdo coas portas fechadas que adoita haver neste país para toda proposta que se afaste da normativa RAG. Oportunismo ocasional é apresentar a candidatura de Carballo (sic) Calero a primeirinha hora da manhá do primeiro dia do praço tras rexeita-la durante seis anos seguidos unicamente para tratar de levar o reconhecemento e aparentar, em lugar de consensuar a proposta com esses académicos críticos que levam todos estes anos apostando polo velho professor.