Os celadores dos hospitais tamén en loita: "Soamente pedimos que nos deixen traballar"

Os celadores das áreas sanitarias galegas realizarán unha concentración nos principais hospitais sen a participación dos grandes sindicatos. Piden estabilidade laboral e o Sergas responde que xa hai convocatorias públicas abertas.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Os celadores das áreas sanitarias de Galicia realizarán unha concentración nos principais hospitais o venres 12 de xullo ás 12:00. A convocatoria está organizada polos propios celadores de cada centro de Galicia de forma conxunta e non está auspiciada por ningún tipo de plataforma nin de sindicato. O colectivo mobilízase ante o que consideran unha progresiva desaparición da súa profesión dentro do Sergas.

Manifestación pola sanidade en Vigo
Manifestación pola sanidade en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

Ángel Bergueiro, un dos celadores que participarán nas mobilizacións, explica que a orixe da protesta é principalmente a supresión de postos de traballo da súa categoría nos Centros de Saúde, Atención Primaria e PACs:  “Estanos substituíndo progresivamente por PSX (Persoal de Servizos Xerais), un híbrido entre a figura de celador e persoal administrativo”.

Ademais, denuncia que o Sergas está a facer esta substitución dun xeito “escuro” xa que, segundo Bergueiro, “están a cubrir xubilacións e vacantes da categoría de celador por PSX, o que incumpre o Pacto de Contratacións dun xeito manifesto ao substituír as baixas dunha categoría por outra diferente”. Explica que se non cambian as cousas “a figura do celador desaparecerá”. Pon o foco no novo Plan de Atención Primaria: “Sabemos que aínda están nun período de negociación, pero tamén que os celadores non estamos enriba da mesa”.

Segundo o colectivo, os PSX teñen recoñecida a súa cualificación profesional dende o ano 1996. “Foi creada para que unha persoa puidese aglutinar funcións en zonas rurais pero o que aconteceu é que a día de hoxe o nosa categoría xa non existe en practicamente ningún centro de saúde e corre perigo na Atención Primaria”, laméntase Bergueiro. Ademais, o celador di “non entender nada” porque nas oposicións para a súa categoría obríganlles a estudar informática. “Estamos a facelo para que logo nos quiten esa función. Deixa claro tamén que os celadores non teñen nada contra os PSX:  “Non temos problemas con eles, o único que aquí temos que traballar todos”.

SEN SINDICATOS

As mobilizacións son convocadas polos traballadores de toda Galicia que se uniron ante a problemática alén dos sindicatos, xa que consideran que en ningún momento se posicionaron ao seu favor: “Non consideramos que estean a velar polos nosos intereses, por iso pedimos que dean un apoio público ás nosas reclamacións. Entendo que deben pular por todas as categorías, pero nós levamos toda a vida no Sergas e nos merecemos que nos traten como debe ser”, reclama Bergueiro.

Medio centenar de persoas concéntrase no Hospital do Salnés para reivindicar 'un mínimo de 10 celadores máis'. CELADORES DO SALNÉS
Medio centenar de persoas concéntrase no Hospital do Salnés para reivindicar 'un mínimo de 10 celadores máis'. CELADORES DO SALNÉS

O celador tamén denuncia que non teñen ningún lugar onde ir cando por idade non poden seguir cumprindo a súa función. “É evidente que chega a un punto onde o corpo non da para seguir movendo grandes pesos e non temos ningún posto onde recolocarnos, por exemplo estaban as porterías pero están a privatizar estes servizos, polo que nos quedamos sen saída”. Ademais, explica que outros colectivos dentro do Sergas, como as enfermeiras, si teñen espazos para facelo: “Estamos discriminados”, laméntase.

Bergueiro considera que as súas reivindicacións son totalmente lóxicas e pide apoio: “Non queremos cobrar máis cartos, soamente pedimos que nos deixen traballar e non fagan perigar pola porta de atrás á nosa profesión”. Ademais, denuncia que a pesar dos seus intentos, en ningún caso tiveron ningún tipo de comunicación por parte do Sergas respecto a súa configuración dentro do ecosistema do servizo.

Ademais da concentración do venres, o colectivo ten planeado elaborar escritos con firmas. Tamén teñen en mente levar a cabo unha manifestación en Santiago de Compostela sen data confirmada polo momento “pero que seguramente será despois do verán”. Tampouco destacan rematar pola vía xudicial: “O único que queremos é que nos devolvan as prazas que nos roubaron”.

SERGAS

O Sergas sostén unha postura contraria á versión dos celadores. En declaracións a GC, afirma que “non existe ningún acordo para a supresión da categoría de celador, senón unha aposta firme da Administración sanitaria galega pola mesma como se reflicte nas sucesivas ofertas públicas de emprego e nas políticas de recursos humanos ao obxecto de garantir unha maior estabilidade no emprego”.

En concreto, sosteñen que dende o 2012 ofertáronse preto de 6.000 prazas de OPE para converter a 6.000 traballadores temporais en persoal fixo. Isto contrasta dun xeito frontal co que din os celadores, que consideran que dende o Sergas estase favorecendo á categoría de PSX “pola cantidade de prazas ofertadas nas oposicións”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 Galeguiña

Agora tócalles a estes. Antes foron os de Urxencias, Despois, algúns médicos de Atención Primaria. Maís tarde, tamén sumáronse membros do presoal de enfermaría. Fai pouco, falábase neste medio do desabastecemento das farmacias. Dende hai uns meses, semella que o único conflicto laboral en Galicia, afecta á Sanidade, un área da sociedade moi sensible cara a cidadanía. Nótese que non son os celadores dos Concellos, ou dos Institutos, ou doutra rama da Administración Autonómica ou municipal (todos son funcionarios cosa mesmas condiciós que os da Sanidade) No medio, coma sempre, a CIGA, o BNG, as Mareas e o PSOE. Hai pouco escribin un comentario sobre isto no que falaba da proximidade das eleccións e da estratexia da esquerda para desgastar a Feijóo, Fixen unha aposta a que tan pronto pasen as eleccións esta teima coa Sanidade, desaparecerá, sobre todo se o PP perde a Xunta. Alguén aposta?

1 Ai falaches

Eu tamén aposto a que cando perdades a Xunta a situación da sanidade mellorará e haberá menos protestas. Si se reactivará Galiza Non Se Vende para apoiar á oposición que van facer o PP e os restos de Lanueva