Ser socorrista en Galicia, é unha boa opción laboral para o verán?

O verán ofrece posibilidades de emprego temporal. Unha desas posibilidades é a de socorrista acuático, ben de praia ou ben de piscina. Con todo, neste mundo, tamén hai limitacións salariais, laborais e profesionais. Salarios e condicións de traballo moi diferentes segundo onde se traballe.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A profesión de socorrista, ás veces mitificada, é un traballo que acumula horas, pode ser gratificante nalgúns aspectos, mais a cuestión é que a temporalidade da mesma fai que, por exemplo, esta tempada estival haxa prazas sen cubrir. Esa temporalidade é un dos grandes problemas para que haxa profesionais ocupando postos. As propostas de profesionais do sector é ampliar as tarefas para poderen exercer outros labores relacionados durante o resto do ano.

Socorristas na praia de Coroso, Ribeira
Socorristas na praia de Coroso, Ribeira | Fonte: certo xornal

Curiosamente, esta profesión está rexida polo Convenio Laboral de Instalacións Deportivas e Ximnasios, que cubriría ben aos socorristas de piscina, non así aos de praia. Mesmo as disposicións sobre material, salario, condicións laborais ou horarios, varían dun concello a outro, segundo as fontes consultadas por Galicia Confidencial.

QUE É UN SOCORRISTA?

Nós definimos un socorrista como unha persoa cunha función de prevención dentro instalacións ou espazos acuáticos naturais cos medios necesarios para levar adiante a súa tarefa” di Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga). “Fessga ten contabilizadas as persoas que forma, tamén hai un rexistro da Academia Galega de Seguridade Pública, nós teriamos rexistradas 5.000 persoas”. Conto, Rodríguez apunta que  “é que hai moitos menos en activo”. Rodríguez considera que isto é debido á estacionalidade da profesión, “porque un ano podes estar en activo e para o outro ano tes un traballo anual”.  En total, Fessga estima que un 25% das persoas rexistradas estarían traballando como socorristas.

Para CC OO, os e as socorristas “son traballadores non voluntarios coa función de previr posibles accidentes nas praias, evitar riscos e vixilar, basicamente traballo de prevención de accidentes, pendentes de problemas durante a  xornada, como atender mesmo atender paradas cardio-respiratorias”.

Socorrista . CONCELLO SANT JOSEP - Arquivo
Socorrista . CONCELLO SANT JOSEP - Arquivo

“Un socorrista é unha persoa que ten unha capacitación por cursos, mediante ciclos formativos, para o rescate e salvamento de persoas con problemas na praia” din fontes da CIG “ten dúas funcións básicas, estar un na torre vixiando, e logo un no areal”. “Tamén dan a primeira asistencia á persoa rescatada ata que chegue o persoal sanitario de terra”.

CONVENIOS E SALARIOS

O convenio laboral para este sector é o de Instalacións Deportivas e Ximnasio de 2018, porque o actual aínda se está negociando, que ademais inclúe as piscinas. Este documento non é considerado o máis axeitado para os e as socorristas de praia debido á estacionalidade, pois as piscinas abren todo o ano e en praia non se traballa durante nove meses. Os salarios andan entre os 1.100 ou os 1.160 brutos que é o que esixiría o convenio, segundo fontes profesionais consultadas. A xornada laboral declarada é de 38 horas dentro do convenio.

“Non hai un convenio específico para socorristas de praia por ser un traballo estacional e logo porque non somos tantos para facer forza” apuntan fontes de CC OO. “Así as empresas xogan con ese período de traballo de dous ou tres meses para poderen aplicar as súas condicións”. Hai que ter en conta que o servizo de socorrismo pode estar externalizado ou pode ser un servizo prestado polo propio concello. “No caso de Vigo, o servizo está externalizado, aí si que se sente unha diferenza entre onde está externalizado, coas condicións máis precarias e onde é público con mellores condicións”. Informan fontes de CC OO. O salario rolda con prorrateo incluído, algo máis de 1.100 euros na cidade olívica, librando algún festivo e un fin de semana ao mes.

“Segundo o concello que sexa, pode ser mellor ou peor salario, sabemos que este ano subiron as cantidades por falta de socorristas” din desde a CIG, “hai concellos que pagan 1.400 ou 1.500, outros pagan 1.100 euros brutos, a falta de socorristas tamén se dá porque as condicións noutras comunidades son mellores que as de aquí”.

Esta profesión tampouco está exenta de riscos, como apuntan desde a Fessga. “Existe unha carga psicolóxica por estar vixilando durante oito horas, con poucas rotacións e isto pode traer falta de concentración ou dores de costas por vixiar de pé” di Nuria Rodríguez. A presenza destes profesionais ás veces fai crer que teñen máis funcións que as que deben asumir. “O público ás veces pregunta aos socorristas sobre as correntes, o tempo que fará ou tamén sobre elementos sobre os que non teñen competencias, como roubos, perdas e outras incidencias”.

FORMACIÓN

A formación destes profesionais pódese realizar en institucións como Cruz Vermella, instalacións deportivas debidamente acondicionadas ou mediante os cursos da Oficina Galega de Colocación. Cando se remata a formación como socorrista  débese solicitar o carné profesional á  Academia Galega de Seguridade Pública, Agasap, para poder traballar en Galicia. “A formación impartímola as sociedades homologadas e acreditadas pola Consellería de Traballo, agora mesmo estamos entre outras, a Fessga e a Cruz Vermella” di Nuria Rodríguez. Os concellos non teñen competencias para formar socorristas, deberían ter unhas instalacións homologadas ademais de estar recoñecidos para impartir formación.

CCOO declara que “a Xunta unificou os criterios de formación para socorristas para ter unha certificación profesional, logo cada Comunidade ten a súa lexislación”, hai xente que ten cursos de 120 horas e outra xente de 400 horas. “Hai módulos primeiros auxilios, uso de material de rescate, rescate, seguir uns protocolos como reanimacións, obstruccións e facer curas”.

“Antes de ter o título hai que facer unhas horas prácticas, mais habería que diferenciar entre socorrismo acuático en espazos naturais e socorrismo acuático en piscinas, quen ten en espazos naturais pode facer socorrismo en piscinas” din desde a CIG. “O que si podemos dicir que en Galicia a formación é máis completa que noturas CC AA, ao mellor aí son cursos de 80 horas sen formación tan completa”.

MATERIAL DE TRABALLO E HORARIOS

“Hais sociedades que poden prestar o material de traballo ou senón os concellos entregarían os equipos”  sinala Nuria Rodríguez. “Os socorristas son formados para traballar en diferentes praias, mesmo os enviamos a distintas praias onde haxa unha tipoloxía determinada de correntes para que adestren, logo a empresa que os contrate explicará as características da praia”. Non existe unha homologación para o material de traballo, só pregos municipais que declaran o material necesiario para acceder á contrata.

“Os horarios dependen tamén de onde vaias traballar. Normalmente son de doce a oito, mais pode variar, pois Coruña fai de 11:00 a 21:00, aínda que os hai que de 11:30 a 20:30”, sinala Rodríguez. “Cando se decidiu profesionalizar o traballo de socorrista en 2012, houbo un decrecemento do número de persoas, por tanto hai praias que non teñen socorrista, teñen outros requerimentos, mais non socorrista,  así a seguridade baixa”. “Unha maneira de incentivar ás persoas para que traballen de socorrista, sería aumentar a estacionalidade, do 1 de xuño ao 30 de setembro, por ser máis tempo e máis salario”.

O caso é que tamén os cursos de 420 horas poden facer pensar aos futuros profesionais “máis de catrocentas horas para dous meses pois non fago o curso, así que unha boa medida serían catro meses de traballo”. No caso de que fosen contratados os outros nove meses para manter instalacións como piscinas, terían que facer o curso especial para piscina, pois son dúas áreas diferentes.

O traballo de socorrista é por tanto unha profesión co seu carné de profesionalidade. Mais, a petición dun novo convenio, os salarios ou algúns aspectos do propio desenvolvemento da profesión, poderían mellorar a práctica profesional segundo as fontes consultadas, cousa que melloraría a seguridade nas praias galegas. 

Torre de socorrista- Arquivo
Torre de socorrista- Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 uu1

De verdade estamos chegando a aceitar este nível de precarização, lembremos palavras de Castelao no Sempre em Galiza “Onte intervén a Delegación do Traballo para evitar que os ricos terratenentes negocien coa fame dos campesiños, pois xa se estaban pagando xornaes de tres pesetas a homes que non atopan ocupación máis que nos cincoenta días da sega. ¡Trinta pesos para todo o ano!”

1 uu1

Não lhe demos voltas, ninguém se vai formar para trabalhar 2, 3 ou 4 meses ao ano porque com esse dinheiro não se pode viver os 12 meses, e de momento a espécie humana não inverna! Os trabalhos estacionais só se podem oferecer a estudantes, ou como trabalho totalmente temporal a espera de um trabalho para viver todo o ano! Eu se quero aumentar a minha formação escolherei a que me permita viver!