Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/07/2019 | Actualizada ás 16:22
España seguirá cun Goberno en funcións, ante o bloqueo que se mantén no Congreso dos Deputados para investir ao líder dos socialistas, Pedro Sánchez. Unidas Podemos tiña a chave para desbloquear a situación, pero decidiron non facilitar a investidura de Sánchez cunha ambigua abstención que non soluciona nada e que alimenta as esperanzas da dereita e ultradereita para repetir eleccións e tentar configurar un goberno ultraconservador.
Podemos rexeitou a última proposta dos socialistas, que lles cedían unha vicepresidencia de carácter social e tres ministerios: Vivenda e Economía Social, Ministerio de Igualdade e Ministerio de Sanidade e Consumo. Tres carteiras de gran calado social e que están relacionadas co eixo do discurso programático de Podemos, pero que a dirección deste partido considera "baleiros de competencias", en palabras de Pablo Echenique, que dirixiu as negociacións de Podemos co PSOE.
Recriminados tamén por socios preferentes de Podemos como ERC e EH Bildu, ademais de por amplos sectores da esquerda, os de Pablo Iglesias non cederon e coa súa abstención evitaron a investidura de Sánchez e a conformación dun goberno de coalición progresista. É a segunda vez que Iglesias lidera o bloqueo a un goberno socialista, logo de rexeitalo en 2016.
Con todo, desde Podemos tamén envían duras críticas ao PSOE, ao que acusan de ofrecerlles ministerios "baleiros de competencias", algo que a priori resulta paradoxal, tendo en conta que as carteiras ofrecidas están no eixo programático dos morados. Os de Iglesias reclamaban, entre outros ministerios, o de Traballo, malia ter un terzo menos de deputados que o PSOE, e acusaron os socialistas de "falla de respecto" a un grupo confederal que suma 3,7 millóns de votos.
GC quere coñecer a opinión dos seus usuarios sobre este novo fracaso da política española e, en particular, da esquerda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.