Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/07/2019 | Actualizada ás 21:40
Hai unha semanas o Grupo ISQ inauguraba un novo Laboratorio en Monção. O seu obxectivo é converterse no maior laboratorio de ensaios ambientais de compoñentes de automóbil de Europa. Unha inauguración na que estivo o Secretario de Estado da Economía de Portugal, João Correia Neves. E é que o Goberno luso leva meses traballando nunha nova estratexia industrial que pasa pola captación de grandes empresas ofertando ventaxas fiscais e parcelas industriais a moi baixo prezo.
“A creación de entidades e infraestruturas deste tipo en Portugal e proxectadas desde o inicio cunha vocación internacional, son cruciais para a atracción de investimento directo estranxeiro para Portugal pois ofrecen solucións integradas e con valor engadido para quen se quere instalar en Portugal”, apuntaba Pedro Matias, presidente do Grupo ISQ na inauguración desta planta.
No caso concreto do ISQ o obxectivo estratéxico é aproximarse á industria automóbil de Galicia e o posicionamento en grandes mercados emerxentes. De feito, este centro tecnolóxico estará especializado en compoñentes que se integran nas próximas xeracións de vehículos: máis intelixentes, ecoeficientes, sustentábeis e autónomos.
GRUPO PSA
A ISQ ten os ollos postos no Grupo PSA, que reúne marcas como a Peugeot, Citroen e a Opel, e que ten a súa gran factoría en Vigo. Pero tamén quere atraer a outras marcas coma o Grupo Renault; o Grupo Volkswagen, que reúne marcas como a Volkswagen, Audi, Porsche; ou o Grupo FIAT. Ademais da propia industria do automóbil, o centro tecnolóxico tamén estará enfocado aos fabricantes de compoñentes como por exemplo a Bosch, Yazaki, Borgwarner, Valeo, ZF ou Magna.
Por outro lado, o Grupo ISQ está a traballar moito de preto co Centro Tecnolóxico de Galicia (CTAG) . De feito, este gran laboratorio xa está a estudar co CTAG unha aproximación estratéxica para que a Península Ibérica ofreza aos construtores e fabricantes de compoñentes automóbil unha oferta integrada de solucións de probas e validación.
Por iso, esta planta quere especializarse en compoñentes eletrónicos e tecnolóxicos. Xa que, canto máis evoluciona a industria do automóbil, máis complexa é a batería de probas que os mesmos teñen que efectuar. Deste xeito, as áreas de especialización deste Laboratorio serán probas de fiabilidade; ensaios de corrosión e índice de protección; ensaios de compoñentes automóbil na área da Físico-Química e Materiais; simulación de compatibilidade eletromagnética ou enxeñaría de procesos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.