Neste sistema non collen barbaridades como a da lei electoral grega, que, primando con 50 escanos ao partido gañador, permitiu que os conservadores da Nova Democracia acadaran maioría absoluta con só o 38% dos votos, como tamén permitiu a mesma sobrerepresentación nas pasadas eleccións de Syriza.
A proposta foi precedida pola partidista consulta do CIS de xullo de 2019, que seica lle preguntou ás enquisadas si sería bó non precisar de maioría absoluta para obter o Goberno, aproveitando os problemas da actual investidura. E velaí a consulta-trampa e o insulto mundial á nosa intelixencia, pago vergoñentamente polos nosos impostos que manteñen ese CIS. Porque, como moi ben ven de observar o profesor de Ciencia Política e da Administración da Uvigo, Álvaro López Mira, este argumento é falso, pois que a investidura do Presidente do Goberno do Estado non require de maioría absoluta, senón de maioría simple na súa segunda votación. O que quería preparar o CIS con esta consulta era o camiño para unha democracia aínda de menor calidade, permitindo que un partido cun 26 ou 27 % dos votos e menos do 20% do electorado obteña a Presidencia dun Goberno estatal ou, mañá, nacional galego. “Que goberne a candidatura máis votada. Nada de coalicións que deturpan o voto popular” é a letra desta andrómena, que non só partilla o PSOE senón o seu vello compañeiro do bipartidismo dinástico, o PP.
Nun sistema de representación política baseado no parlamentarismo e na proporcionalidade goberna quen obtén maioría abondo, normalmente a medio de acordos multipartidistas quer de coalición de goberno, quer de pacto de lexislatura. A sociedade é plural, vota plural e, xa que logo, o normal é que só sexa posíbel gobernar a medio de amplos acordos.
Na capacidade de obter consensos cos que non pensan como nós está a chave da gobernanza democrática. Porque os pactos son o cerne da democracia europea.