Por E.P. | A CORUÑA | 12/08/2019 | Actualizada ás 14:33
Traballadores da planta de Isowat Made na Coruña secundaron unha concentración ante as oficinas centrais de Abanca para reclamar á entidade que "se poña as pilas" e facilite o "desbloqueo financeiro" que garanta a continuidade das instalacións e a actividade para os 66 traballadores.
Sobre a súa petición, fontes próximas a Abanca precisaron a Europa Press que a entidade "non recibiu ningunha oferta pola nave que permita o desbloqueo da hipoteca" que pesa sobre o citado inmoble.
Durante a protesta, en declaracións aos xornalistas, o secretario xeral de CC.OO. de Industria de Galicia, Víctor Ledo, explicou que, polas informacións das que dispoñen, a operación de entrada dun investidor está "bloqueada por un posible desacordo" entre Abanca, da que lembrou que ten participación na empresa e os seus inmobles, e o posible investidor.
"Que non son capaces de chegar a un acordo", sentenciou Ledo, quen instou ás administracións, en alusión ao Ministerio de Industria e á Xunta, a que actúen para "desbloquear isto". "Esiximos a todas as administracións que digan o que se está facendo", asegurou tamén.
E é que o representante de CC.OO. cuestionou que "despois de tantas promesas e anuncios" a situación desta planta "siga sen resolverse" a pesar de que, segundo expuxo, séguenlle chegando peticións de contrato.
REUNIÓN COA MINISTRA
Por outra banda, cuestionou que a ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, foi á Coruña "a sacarse a foto", en alusión ao seu encontro coa alcaldesa, Inés Rei, e co comité de Alcoa, pero non os recibise. "Emprázannos a unha futura reunión a principios de setembro", explicou Víctor Ledo, para quen "de aquí a setembro é demasiado tempo" para non garantir a continuidade de Isowat na Coruña.
Na mesma liña, o presidente do comité de empresa, Cándido López, apelou á existencia de carga de traballo "en España e fóra de España" e limitou a "un problema exclusivamente financeiro" a situación pola que atravesa agora a planta, que o ano pasado entrou en concurso de acredores.
Ademais, expuxo que a situación dos traballadores é nestes momentos "complexa". "Imos cumprir o sexto mes do ERTE --o expediente de regulación temporal de emprego-- e no paro cóbrase o 50% a partir do sexto mes", lembrou.
A mobilización contou tamén coa presenza dos edís do BNG Francisco Jorquera e Avia Veira; o concelleiro de Marea Atlántica, Alberto Lema, e o senador José Manuel Sande, así como o secretario xeral de Podemos en Galicia e deputado de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.