Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/08/2019 | Actualizada ás 22:40
Ecoloxistas en Acción vén de comunicar ao fiscal delegado de medio ambiente en Galicia, mediante correo certificado remitido o pasado venres, a posible comisión dun delito de vulneración do artigo 404 do Código Penal por ter autorizado a Xunta de Galicia a caza da rula común e solicita a suspensión cautelar da súa caza.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nunha resolución publicada no DOGA do 31 de maio, autoriza a caza da rula na Limia a partir do próximo 17 de agosto, malia atoparse esta ave nun franco declive e producirse nunha zona de especial protección para as aves.
A grave situación da rula levou a que a Comisión Europea iniciara o 25 de xullo un proceso de infracción contra o Estado español por non tomar medidas de conservación que freen o seu declive. España alberga máis da metade da poboación reprodutora da Unión Europea, polo que é o país clave na conservación desta ave que está a sufrir en toda Europa un forte retroceso. Mediante unha longa carta de emprazamento, a Comisión Europea comunicou ao ministro de asuntos exteriores a vulneración de tres artigos da Directiva 2009/147/CE, relativa á conservación das aves silvestres, coñecida habitualmente como Directiva Aves.
Segundo a Comisión Europea, España ten perdido un 40% das rulas reprodutoras no período 1996-2016, en base aos datos proporcionados polo Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos do CSIC. Salienta que as diminucións máis destacadas son as de Galicia e País Vasco.
O "INDIGNANTE" CASO DA ZEPA DA LIMIA
A Xunta autoriza a caza da rula nos 9 concellos da comarca ourensá da Limia durante a media veda que empezará o próximo 17 de agosto e rematará o 8 de setembro, malia terse observado nesta zona un declive das poboacións do 37 % nos últimos anos. A Limia foi declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta de Galicia no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves de crear espazos de protección para as aves.
"Se o proceso da súa declaración foi polémico por reducir as 10.000 hectáreas propostas no proxecto orixinal do ano 2007 até as 6.939,28 hectáreas actuais,o máis indignante é que incluso se autorice nela a caza dunha ave en serio perigo de desaparición", critica a asociación Ecoloxistas en Acción.
AS DENUNCIAS ECOLOXISTAS
Por estes motivos, o pasado 30 de xullo a Sociedade Galega de Ornitoloxía, en nome de 6 entidades ecoloxistas, demandou á Consellería de Medio Ambiente que prohiba a caza da rula en toda Galicia con carácter indefinido, inicie o proceso para incluír esta especie no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable e implante medidas eficaces de conservación. Aparte dos beneficios para a biodiversidade, estas medidas axudarán, indican os ecoloxistas, a "evitar as severas sancións económicas que levará aparellado o procedemento infractor iniciado pola Comisión Europea".
A Sociedade Galega de Ornitoloxía comunicou ao Comisario de Medio Ambiente da Unión Europea, Karmenu Vella, a situación que se está a dar en Galicia e dirixiuse tamén ao Defensor do Pobo, Francisco Fernández Marugán, para expoñerlle a situación de vulneración da lexislación básica de conservación da natureza en Galicia.
INTERVENCIÓN DA FISCALÍA
Debido a que non teñen constancia de que a Consellería de Medio Ambiente teña suspendida a caza da rula, malia as advertencias da Sociedade Galega de Ornitoloxía, Ecoloxistas en Acción tomou a decisión de informar á Fiscalía dos feitos para que investigue a posible comisión dun delito que pode levar aparellada unha condena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por un tempo de entre sete e dez anos.
Debido á "situación extrema" na que se atopa a rula, Ecoloxistas en Acción solicítalle á Fiscalía que "con carácter de urxencia" tome a medida cautelar de suspender a caza da rula en toda Galicia.
EN CONTINUO DECLIVE
"A rula común pasou de ser hai tres décadas unha ave frecuente na campiña galega a estar actualmente en serio declive", explican dende a organización. Tratándose dunha ave ligada aos sistemas agrarios, onde se alimenta principalmente de sementes de malas herbas nas terras de labor, "está a padecer a transformación do mundo rural". O abandono das fincas que se pechan con mato e o uso sistemático de herbicidas "aféctana gravemente", pois diminúen as súas posibilidades de alimentación.
"O terceiro gran problema que sofre é a caza", explican. Sendo unha especie migradora que pasa boa parte do seu ciclo anual en África, a rula está exposta nos seus desprazamentos a numerosas baixas por causas naturais. Por ese motivo, os ecoloxistas consideran que "a prohibición da súa caza é a medida máis eficaz entre as que se poden tomar no curto prazo para que non diminúan as súas poboacións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.