Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2019 | Actualizada ás 18:50
O deputado do grupo parlamentario En Marea Antón Sánchez demandou este luns a través dunha proposición non de lei a paralización da construción de dous parques eólicos situados no concello lugués de Paradela e na Serra das Penas en Ourense, debido a que ve "un abuso máis sobre o rural".
"O que ocorre coa construción dos parques eólicos de Serra das Penas e Paradela é un abuso máis sobre o rural galego dunha coalición de intereses entre unha multinacional e a Xunta de Galicia", indicou Sánchez, segundo recolle En Marea nun comunicado.
Para el, ambos os parques teñen "gran afección" sobre o Camiño de Santiago polo seu impacto paisaxístico e sobre a vida das persoas "pola proximidade de aeroxeradores de máis de 140 metros a vivendas", o que causará, ao seu xuízo, "graves trastornos cotiáns aos veciños por mor dos ruídos e efectos sombra". Tamén lamentou que se trata dunha zona "rica a nivel ambiental", onde habitan dúas especies en situación de "vulnerabilidade" como son a tartaraña cincenta e a gatafornela.
"HIPOCRISÍA" DA XUNTA
Antón Sánchez denunciou "a hipocrisía" da Xunta, porque "solicita que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade mentres autoriza proxectos que danan claramente a súa candidatura". "Como é norma, tamén a declaración de utilidade pública é unha burla ante o feito de que unha empresa multinacional italiana faga negocio a conta do noso territorio e do noso vento, deixando para a zona os impactos e faragullas económicas. Por que sistematicamente se lle concede a declaración de utilidade pública ao que é simplemente un negocio privado?", criticou Sánchez.
Por estes motivos, tamén insistiu na necesidade de cambiar o modelo de desenvolvemento eólico "cara a uns criterios máis sustentables, respectuosos co territorio e máis democrático", onde a xente do rural sexa "o obxectivo prioritario e non as multinacionais". "Estamos diante dunha zona na que existen potencialidades económicas como é unha incipiente demanda turística que se pode ver afectada por isto", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.