Por Galicia Confidencial | Dodro | 18/08/2019 | Actualizada ás 09:12
Un ano despois da primeira intervención das Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia no Castro de Bexo e cinco meses despois do incendio que se iniciou ao pé do xacemento, queimando máis de mil hectáreas en Dodro e Rianxo, 50 brigadistas voluntarios traballaron de novo na zona para liberala de eucaliptos, en colaboración coa Comunidade de Montes da Cruz do Avelán, o Concello de Dodro, a Asociación Veciñal San Xoán de Laíño e a Asociación Cultural Unidade Veciñal de Dodro.
Baixo o espírito do “Lumes Nunca Máis!”, as Brigadas Deseucaliptizadoras voltaron de novo e con forza ao Castro de Bexo este sábado para dar pulo á restauración ambiental e patrimonial deste importante espazo.
O Castro de Bexo, tamén coñecido como “As Murallas”, está catalogado por Patrimonio e é un dos asentamentos máis grandes de toda a zona, pola súa posición estratéxica. A Comunidade do Monte Veciñal en Man Común da Cruz do Avelán ten acordado a súa recuperación, redactando un proxecto de xestión arqueolóxica que inclúe a erradicación do eucalipto en todo o seu perímetro.
Tamén nos últimos anos se realizaron varias intervencións de retirada desta especie. O responsábel polo proxecto de xestión arqueolóxica deste xacemento é o arqueólogo Carlos Otero-Vilariño, tamén co-editor da “Atlas arqueolóxico da paisaxe galega”.
Desde Verdegaia denuncian que "este castro, como tantos outros elementos do patrimonio cultural galego que acollen os nosos montes, encóntrase degradado e oculto pola invasión de eucalipto que non só impide o seu coñecemento e gozo pola sociedade, senón que lume após lume converte esta paraxe única e con espectaculares vistas da ría de Arousa e brañas do Ulla nun deserto baixo aparencia verde".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.