Veciños de Teo acusan á Xunta de permitir traballos nunha canteira para un vertedoiro encuberto

O Executivo galego informou á plataforma Casalonga Limpa de Residuos nunha reunión que Toysal, empresa agora propietaria dos terreos, ten aprobado o baleirado da lagoa na vella canteira e poderá comezar coa actividade mineira en calquera momento.

Por Galicia Confidencial | Teo | 19/08/2019 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

A plataforma Casalonga Limpa de Residuos comunicou este luns a postura da Xunta de non considerala “parte interesada no conflito contra a actividade de Toysal na canteira de Casalonga, denegándolle a lexitimidade para ter acceso aos documentos”.  Ao mesmo tempo, segundo se indica nun comunincado da plataforma, a Xunta informou a este colectivo “nunha reunión que Toysal ten aprobado o plan de labores e o baleirado da lagoa polo que pode comezar coa actividade mineira en calquera momento”.

Montaxe do plano de restauración e recuperación Toysal
Montaxe do plano de restauración e recuperación Toysal | Fonte: Casalonga Limpa de Residuos

Isto foi comunicado aos representantes da plataforma durante unha reunión celebrada hai dez días co xefe de servizo provincial de Minas, o xefe territorial da Consellería de Industria e o delegado da Xunta na Coruña. “Confirmáronlles o peor dos seus pronósticos, que Toysal dispón xa de todos os permisos para comenzar a actividade mineira na canteira, co plan de Labores aprobado e o permiso para baleirar a lagoa incluído”.

Ademais disto, a Xunta respondeu de forma negativa á solicitude da plataforma veciñal para personarse como parte interesada na actividade de Toysal na canteira da Casalonga. “A mediados de agosto a Xunta responde que a plataforma Casalonga Limpa de Resíduos non ten lexitimidade para personarse no expediente administrativo”.

O vindeiro martes a plataforma reunirase de urxencia con todas as mesas de traballo para valorar os novos pasos a dar. “As malas noticias recibidas estes días preocúpanos pero non nos paralizan. Non imos deixar que instalen un vertedoiro encuberto no medio de núcleos densamente poboados”.  Segundo Casalonga Limpa de Residuos, a actividade mineira de Toysal “é un engado para verter 10 millóns de metros cúbicos de residuos e vaino facer a través do plan de restauración. Se a Xunta non o ve ímosllo facer ver”.

A única posibilidade que ven nestes momentos desde a plataforma é un cambio lexislativo que “evitaría os problemas derivados da execución de plans de restauración”. Durante a reunión na Xunta o 8 de agosto solicitaron un encontro co grupo parlamentario do Partido do goberno para poder abordar este tema. “Están a espera dunha resposta” din desde Casalonga Limpa de Resiudos.
  


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta