Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/08/2019 | Actualizada ás 22:00
A TVG destina 108.000 euros para sucontratar toda a produción audiovisual que lle chegue desde Arxentina. Así figura nun concurso no que o ente público pide á empresa adxudicataria un mínimo de 8 pezas audiovisuais e un máximo de 10 ao mes.
Deste xeito, durante a vixencia do contrato haberá un máximo de 120 pezas anuais para a súa emisión na TVG e páxinas web, así como das demais plataformas de comunicación en entorno móbil da Corporación RTVG.
As pezas a realizar son ou do día ou con carácter atemporal. As pezas do día terán un minuto e vinte segundos de duración e o material bruto un mínimo de cinco minutos. Para as pezas atemporais a duración pode ser de ata 10 minutos. Con todo, o contrato especifica que a TVG non poderá pedir máis de 12 deste tipo de pezas excepcionais.
O contido desas reportaxes audiovisuais estará relacionado con Arxentina e, especialmente, de actos, sucesos ou acontecementos relativos a Galicia ou España con relevancia en Arxentina. Será referida a ámbitos políticos, económico, social, cultural, deportivo ou metereolóxico.
A empresa que gañe o concurso terá que remitir diariamente á Corporación RTVG as súas propostas de contidos que se compromete a cubrir. A corporación RTVG escollerá aquela ou aquelas que resulten de interese. Con todo, especifica que "non terá ningunha obriga de incluír os contidos proporcionados na súa programación".
Actualmente, a operadora de cable arxentina Cablevisión oferta aos seus clientes a canle TVG América dentro do seu paquete dixital básico sen custes adicionais.
SUPRESIÓN DAS DELEGACIÓNS
O sistema da subcontratación na TVG diminuíu drásticamente en 2010, aínda que é un modelo que continúa en vixencia. Ata ese ano, o ente público sucontrataba toda a produción televisiva das delegacións en distintans cidades galegas, españolas e no resto do mundo. Pero, a partir dese ano, e logo de varias sentenzas por vulneración dos dereitos laborais, a dirección da TVG decidiu rachar con ese modelo. Isto supuxo que se pecharan delegacións e se pasara a contratar directamente a algúns dos xornalistas que facían ese traballo.
A maior parte da produción destas delegacións territoriais estaba en mans dos grandes xornais galegos. Agás a delegación de Bruxelas, contratada coa produtora Alice, o resto estaban cubertas por empresas galegas. Catro delas, vinculadas aos xornais La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Región e El Progreso, para as delegacións da Coruña, Madrid, Vigo Ourense e Lugo. A externalización das delegacións supuña un gasto anual de 11 millóns de euros. As máis custosas eran as de Vigo, da produtora Faro (2,4 millóns de euros), e da Coruña, de Voz Audiovisual, de La Voz de Galicia (2,1 millóns).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.