O capitalismo castizo procede daqueles tempos onde Madrid pouco máis era cá residencia dos monarcas españois. A vila visitábase normalmente cun exclusivo propósito: conseguir o favor real. Non sendo herdeiro de fortuna, este resultaba o único xeito de prosperar. Malia o simple da ecuación, ou quizais por esa mesma razón, a fórmula durou ata hoxe. Así observamos que as infraestruturas viarias seguen obedecendo o vello sistema radial segundo o cal tódolos camiños (tamén os de ferro) converxen na capital. Resignámonos a que os grandes negocios, que atinxen ás telecomunicacións, á enerxía ou á construción civil, sexan xestionados no BOE (seguramente, os bosquexos revisáranse no palco do Santiago Bernabeu). E habemos admitir que as sedes dos proxectos principais se coloquen nas diversas millas douradas madrileñas ou, se cadra, en calquera dos seus múltiples parques empresariais (tomando as 5.000 principais empresas españolas, o 50,1% dos seus ingresos son xerados por sociedades con sede en Madrid).
O resultado de tan xacobino modelo económico trasládase á configuración dos territorios e ás cadansúas expectativas. Acaba de publicarse o dato da evolución demográfica do ano 2011: Galicia foi a Comunidade Autonómica onde máis se reduciu a poboación empadroada. Perdemos exactamente 16.509 residentes, e iso a pesar do baixo peso da inmigración (a perda de habitantes noutras CC.AA. debeuse ó retorno dos inmigrantes). As proxeccións do INE para o vindeiro decenio inciden na sangría: o Instituto estatístico estima que Galicia perderá outros 90.000 habitantes mentres que Madrid gañará arredor de 56.000. Este dato resulta estarrecedor introducindo o factor emigrante pois se espera que marchen da capital do Manzanares uns 200.000 residentes estranxeiros netos mentres que se calcula que a Galicia chegarán arredor de 20.000. Aplicando esa corrección, uns 110.000 galegos marcharán no período, durante o cal en Madrid a poboación española medrará por riba das 250.000 persoas.
A resposta ó capitalismo castizo había ser unha aposta polas propias capacidades. Velaí o caso de Euskadi, un país que mantén uns envexables índices de desemprego e unha vizosa poboación a pesar da pasada influencia terrorista. Euskadi leva décadas defendendo un modelo autónomo baseado na captación de investimentos, na defensa dos factores endóxenos, na internacionalización das súas empresas, na promoción da innovación e o emprendemento (caso paradigmático o da Cooperativa Mondragón!) e no desenvolvemento xeral en clave social vasca. O contraste con Galicia é terrible. Nós seguimos ancorados nas prácticas clientelares, na autonegación, no localismo, no monocultivo, no minifundismo, na rendición e na submisión á Madrid, villa y corte. Os resultados fican á vista. So falta que a Xunta do PP apoie a Esperanza Aguirre para devolver competencias autonómicas ó goberno central.