Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 18:13
A Consellería de Sanidade asegurou que "non hai ningunha situación de alarma que desemboque nunha urxencia para vacinarse" contra o sarampelo e lembrou que a susceptibilidade da poboación galega de contraer esta enfermidade é "baixa", posto que "un 98,2% de persoas de 18 a 64 anos mostran un nivel de anticorpos protector".
Despois de que o Ministerio trasladase a orde para estender a vacinación aos adultos nados en 1970, a Xunta informou que a Dirección Xeral de Saúde Pública "xa recomenda desde xullo de 2017" a administración da vacina ás persoas nadas a partir de 1968 que "non cumprisen os criterios de inmunidade".
Esta recomendación, segundo o Executivo autonómico, foi "reiterada recentemente" por Sanidade no Programa Galego de Vacinación o pasado mes de xullo, no que se aborda a vacinación "en grupo de risco de idades e en determinadas situacións".
Por último, a Consellería de Sanidade sinalou que aquelas persoas que teñas dúbidas, "deben acudir" ao seu médico de familia para que "valore a conveniencia de vacinación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.