Ribadavia xa é vila finalista no Nadal Ferrero Rocher 2025, así se xestou a súa candidatura: "Elixíronnos eles a nós"

Dende o Galicia Confidencial falamos con Yolanda Gómez, concelleira de Cultura da vila, que nos conta que, tras recibir a noticia da candidatura, xa empezaron a preparar os adornos no mes de agosto: "Quedabamos todas as mañáns e tardes de agosto durante case 20 días para facer toda a decoración que logo puxemos na ponte; moitos adolescentes ao saír da piscina viñan alí cortar teas e facer adornos".

Por Ángela Precedo | OURENSE | 29/11/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Ribadavia é unha pequena vila da provincia de Ourense de pouco menos de 5.000 habitantes. Sen embargo, no seus 25 quilómetros cadrados conflúen toda unha serie de elementos arquitectónicos, naturais e paisaxísticos que a fan única. Tan única como que no século XI chegou a ser declarada polo rei Don García como capital do Reino de Galicia. Singularidade da que tamén se deron conta dende Ferrero Rocher, cando un día lles chamaron para anunciarlles que foran seleccionados como candidatos a ser o pobo Ferrero Rocher deste Nadal de 2025. Agora xa están na final, xunto a outro pobo (Briar, en Alacante), a pouco máis de dez días de saber se son os gañadores. O gañador darase a coñecer o 10 de decembro e contará cunha gran festa e unha decoración moi especial a cargo da marca, onde, como resulta lóxico, predominará o dourado. Dende o Galicia Confidencial falamos con Yolanda Gómez, concelleira de Cultura da localidade, que nos conta como se xestou esta candidatura e cales son as xoias patrimoniais que fan grande a Ribadavia.

Decoración de Ribadavia para o concurso Ferrero Rocher de Nadal 2025
Decoración de Ribadavia para o concurso Ferrero Rocher de Nadal 2025 | Fonte: YouTube

Como confesa, isto non é algo que veña de novo, senón que "xa no 2019 un veciño daquí da vila faloume de mandarlle a Ferrero Rocher a información sobre a vila para ver se nos escollían no seu concurso de Nadal". Con todo, naquel ano, "todo quedou así coma nun silencio absoluto, non nos contestaron nada, así que xa pensabamos que teriamos que esquecernos do tema". Cal foi a sorpresa de Yolanda e do resto do goberno local cando, "un día calquera deste ano, aquí no Concello, recibimos unha chamada telefónica da marca, dicíndonos que eramos unha das localidades seleccionadas para esta iniciativa". "Foi toda unha sorpresa", confesa a concelleira de Cultura, que asegura que tal foi o asombro que "eu chegueille a preguntar como tomaran esta decisión, se o elixiran eles ou fora porque precisamente mandarámoslles información no 2019". Segundo lle explicaron, "Ferrero ten unha axencia que traballa para eles e que se adica a buscar vilas con encanto por España, bonitas e cun importante patrimonio, e logo preséntanllas e xa se decide cales son as elixidas".

Así que, aínda que desconfía de que ter mandado documentación previa tamén puidese ter influído na decisión, pódese dicir que "ao final os que nos elixiron foron eles a nós", chancea Yolanda. Esta concelleira amósase agora 100 % confiada en que poden chegar á final, porque "eu penso que Ribadavia é unha vila excepcional, que conta con patrimonio, natureza, unhas termas excepcionais, gastronomía, o noso gran viño do Ribeiro e unha xente magnífica da que sempre presumimos, porque temos un gran asociacionismo e hai moitísimas actividades culturais que se levan a cabo grazas aos veciños". Por iso, insiste en que "temos moito que amosar, moito que ensinar ao resto do mundo". Así, aínda que confesa que "temos un rival forte (Briar, en Alacante), creo que podemos conseguilo, e para iso seguimos traballando duro día a día, tratando de conseguir os máximos votos posibles". Agora hai que seguir votándoo ao longo das próximas semanas para que se leve o premio gordo.

A PONTE DE SAN FRANCISCO XA LOCE DE COR DOURADA

Gañadores ou non, o certo é que unha parte da vila xa loce de cor dourada: a ponte de San Francisco. Este era un dos requisitos que lles poñían dende Ferrero. "Cando eles se puxeron en contacto con nós dixéronnos que este ano Ferrero contaba cunha nova iniciativa, que era o primeiro ano que se facía, e que consistía en que cada localidade das participantes tiña que ter un 'toque dourado', como eles lle chaman, onde ao final do vídeo de presentación da vila se xuntasen todos os veciños e veciñas para pedir o voto", lembra Yolanda. Entón, dende o Concello mandáronlles varias propostas cos lugares e actuacións que consideraron que quedarían máis vistosos e ao final gustoulles a idea de gravar na ponte de San Francisco. Na decoración da mesma, con elementos dourados, farolas e barandas pintadas tamén en dourado, implicouse toda a veciñanza. Yolanda tamén destaca o labor dunha rapaza da vila que conta cunha empresa de decoración e que aportou moito no resultado final. E, para que logo digan que Vigo comeza moi cedo a preparar o Nadal, en Ribadavia xa empezaran no mes de agosto: "Quedabamos todas as mañáns e tardes de agosto durante case 20 días para facer toda a decoración que logo puxemos na ponte; moitos adolescentes ao saír da piscina viñan alí cortar teas e facer adornos".

Decoración de Ribadavia para o concurso Ferrero Rocher de Nadal 2025
Decoración de Ribadavia para o concurso Ferrero Rocher de Nadal 2025 | Fonte: YouTube

Se finalmente Ribadavia resulta ser a vila gañadora, que agardamos que si, faríase unha gran celebración na localidade para toda a comarca do Ribeiro e visitantes, con actuacións musicais, pirotecnia, intervencións da xente que participou no vídeo... "Sería unha gala moi chula", asegura a concelleira de Cultura, que explica que, acto seguido, "dende Ferrero Rocher decorarannos a zona da Praza Maior e algunha que outra rúa máis con luces de Nadal". Luces, que, algo moi importante, "quedarán xa en propiedade do Concello, polo que tamén no servirán para seguir decorando con elas a vila outros anos". E é que en Ribadavia sempre houbo un grande espírito do Nadal. "Dende sempre se puxeron luces, pero dende que tomamos nós as rendas do Concello comezamos a instalar algunha decoración a maiores en varias rúas: unha casiña de Papa Noel onde os nenos poden entrar e quitar as súas fotos; uns renos co seu trineo no que a xente pode sentarse e pousar; unha árbore que non é tan alta como a de Vigo, pero que conta cunha gran bóla... "A nosa decoración é sempre un pouco máis artesanal, feita en madeira, con bonecos de neve, cervatos...".

"NÓS XA GAÑAMOS UN PREMIO: UNHA PROMOCIÓN QUE, COMO CONCELLO PEQUENO QUE SOMOS, SERÍA IMPOSIBLE PAGAR DOUTRO XEITO"

E para Yolanda, só con ter sido seleccionados como candidatos, xa gañaron en visibilidade e promoción do concello. "Agora despois disto decoraremos cada vez máis, porque tamén queremos aproveitar o tirón, xa que para nós xa gañamos un gran premio: unha promoción e unha publicidade que como concello pequeno que somos sería imposible de pagar doutro xeito", así que, "agora queremos aproveitar para amosar ao mundo que Ribadavia, aparte de ser unha vila xa turística especialmente na primaveira e no verán, pode selo tamén no inverno, para que a xente veña a visitar o noso Nadal e ver todas as decoracións que temos polas diferentes rúas e o noso marabilloso barrio xudeo", afirma a concelleira de Cultura. Dende logo, só co vídeo de presentación xa dan ganas de achegarse a coñecer os espectaculares recunchos dunha vila con pasado medieval.

Entre as cousas que Yolanda tildaría de imperdibles para os visitantes, apunta ao barrio xudeo, declarado Monumento Nacional (en 1386 a metade da poboación de Ribadavia era xudea), e o Castelo dos Condes Sarmiento, unha antiga fortificación asentada sobre unha capela prerrománica do século XV e que quedou abandonada no século XVII, cando os Condes de Ribadavia fixaron a súa residencia no palacio que despois herdaría o seu nome, situado na Praza Maior da vila; os ríos Miño e Avia (de aí o nome da vila, 'á beira do Avia'), así como varios dos seus afluentes, e a paisaxe espléndida que conforman os viñedos do Ribeiro (que conta con denominación de orixe); así como as termas do Prexigueiro, ao aire libre, rodeadas de piñeiros, onde "te podes bañar ben a gusto un día frío de inverno no que non se para fóra da auga, pero no que dentro atópaste espectacular, moi relaxado".

Decoración de Ribadavia para o concurso Ferrero Rocher de Nadal 2025
Decoración de Ribadavia para o concurso Ferrero Rocher de Nadal 2025 | Fonte: YouTube
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta