Populismo confiscatorio en Arxentina

A reacción do goberno español á expropiación de YPF está mediatizada polo corporatismo, xa que Repsol, como moitas das compañías do IBEX 35 que responden ao paradigma do corporatismo castizo español, especialmente as sedeadas en Madrid, dependen, en grande medida, das decisións adoptadas polos organismos públicos e posteriormente publicadas no BOE.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 25/04/2012

Comparte esta noticia

Isto nos debe desviar da denuncia do atropelo perpetrado contra a compañía petroleira, que as gasolinas en España sexan máis caras antes de impostos que no noso entorno, polos privilexios que os sucesivos gobernos españois conceden ás pretroleiras dominantes, non nos debe impedir denunciar un ataque frontal á maior causa de converxencia económica entre pobres e ricos a nivel mundial; o libre movimento internacional de capitais, traballo, servizos, produtos, ideas, tecnoloxía, é dicir, a globalización.

A expropiación de YPF só ten a explicación dun arrebato confiscatorio, motivado por problemas de insustentabilidade dun modelo de gobernación populista, e executada por parte dun goberno sudamericano, a rexión do planeta, que infelizmente, con máis frecuencia vemos relacionada con episodios desta natureza. Estamos perante unha confiscación e non perante unha expropiación polo mero feito de que Repsol-YPF tiña unha concesión para a explotación duns determinados recursos enerxéticos pero non á sua propiedade, en sentido estricto, que xa pertencía ás provincias arxentinas. Unha confiscación ademáis parcial, o que subliña a sua indefendible arbitrariedade, xa que se produce nada máis que contra Repsol e non contra os socios arxentinos de YPF nen o resto de socios minoritarios, o que nos informa da motivación populista da acción emprendida polo goberno de CFK. 

A situación é inxusta xa que foi a xestión de Repsol a que viabilizou YPF, unha compañía que cando foi adquirida pola petroleira española, estaba ao borde da quebra, ademáis son os investimentos de Repsol os que tamén posibilitaron o descobrimento do enorme xacimento de Vaca Muerta, unha importante fonte de ingresos no futuro, que seguramente CFK terá pensado usar no mantimento das suas políticas de subsidiadoras e populistas que están voltando a conducir ao seu país a unha complicada situación, que CFK trata de esquivar, entre outras cousas, con soflamas patrioteiras en relación ás Malvinas e coa confiscación de YPF.

Tratase ademáis dunha confiscación e non dunha expropiación xa que as palabras do viceministro Kicillof permiten interpretar con facilidade que o goberno arxentino non ten nengunha intención de pagar cantidade algunha por quedarse con YPF, este regreso ao peor populismo de tradición peronista, sinala a pendente de queda na que, de novo, está inmerso o pais hispanoamericano. As consecuencias da inseguridade xuridica e a imprevisibilidade do entorno provocará, xa a curto prazo, a retracción dos investimentos estranxeiros na Arxentina, e como consecuencia colateral, tamén perxudicará aos seus viciños sudamericanos. 

As grandes empresas españolas, que pola natureza do seu negocio, máis dependen das boas relacións co poder político quizá pensaron hai uns anos que sudamérica era un destino ideal para os seus investimentos, pola proximidade cultural e linguística e pola susceptibilidade de infuir nas suas clases políticas para protexer e garantir os seus investimentos, infelizmente sudamérica continua a ser un escenario pouco previsible politicamente e portanto, asociado a elevados riscos como destino de investimentos a longo prazo, salvo Chile e pouco máis, serán as empresas que poden escapar do control político, e polo tanto da corrupción e do populismo, como por exemplo a galega Inditex, as que máis percorrido teñan nesta e outras rexións do mundo. Brufau dixo que eles non pagaban comisións aos políticos arxentinos o que permitía abaratar os combustibles, quizá esa sexa unha das claves do acontecido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA