En paralelo aos complexos procesos que vive nestes momentos o nacionalismo galego, o Estado español sigue desenvolvendo a súa folla de ruta. Cada venres, en palabras de Rajoy, “unha reforma”. Asistimos así, a un goteo incesante de ataques: reforma laboral, recortes en educación e sanidade, aumento do IVE, privatizacións de infraestruturas e transportes, inxeccións de diñeiro público a entidades privadas...
Estes ataques están a ter resposta, en maior ou menor medida, nas rúas do noso País; en ocasións, dun xeito masivo como aconteceu na pasada Folga Xeral. Nesta liña, a convocatoria de folga no ensino este 10 de maio ou a nova Folga Xeral Nacional anunciada pola CIG para Xuño, son mostras da boa saúde do sindicalismo nacionalista.
A pesar disto, coincidiremos en que a resposta, mesmo proucíndose dun xeito maioritario, non chega para enfrontar as políticas dictadas desde Madrid e Bruxelas. Situámonos pois, nunha fase de ascenso nas loitas socioeconómicas e identitarias que contrasta coa incapacidade de condicionar o debate político fronte a PP-PSOE, fronte ao Estado.
O Estado, consciente da importancia dos marcos, está plantexando abertamente a reforma do modelo de estado fundamentado en dous piares: o problema territorial e identitario e a necesidade de aplicación das medidas de axuste e recorte sen oposición. Que o propio Rajoy abrira publicamente o debate a semana pasada con un chamamento explícito ao PSOE indícanos a maduración da súa iniciativa. Ampliando o foco ao modelo de estado, para a Casa Real, tamén se abriu a veda do debate.
Situamos aquí o “punto crítico”. Se o Estado para impoñer as súas políticas antigalegas e antisociais, ten que implementalas con reformas xurídico-políticas; a maioria social galega, o povo galego, para asegurármonos políticas galegas e de xustiza social teremos que dotarnos de poder de decisión: exercer o dereito de Autodeterminación.
Se entre todos e todas coincidimos que as políticas antigalegas e antisociais que se están a tomar sobre o povo galego están dictadas desde Madrid e Bruxelas. Se coincidimos en que o estado español atópase nunha ofensiva españolista e neoliberal. Se coincidimos en que a democracia real na Galiza virá a partir dun marco de soberanía política e económica. Entón, articulamos un programa e unha estratexia rumada á ruptura? Un polo ou frente soberanista que empece a desputar hexemonías no terreno social, sindical, político e institucional?
Se Madrid vende recentralización, defendamos a soberanía. Se Madrid depaupera os dereitos laborais e ataca a negociación colectiva, defendamos un marco galego de relacións laborais. Cando nos falen de Felipe como próximo monarca, defendamos a República Galega. Cando levan impoñendo séculos o castellano no noso País, defendamos o monolingüismo social e a inmersión lingüística.
Cremos pois, que para o que deben de servir os procesos políticos en marcha, é para articular politicamente as distintas tradicións, traxectorias e culturas políticas do nacionalismo galego camiñando cara a creación do Estado Galego. @Aure_Lopes