Clarificar o camiño

Debemos abrir o debate para clarificar o proxecto político que precisa a maioría social galega. O salto cualitativo está na organización e compactación do bloque sociopolítico que quere construir un Estado galego.

Por Aurélio Lopes | Compostela | 22/03/2012

Comparte esta noticia

Recentemente as principais cabeceiras españolas en papel, EL PAÍS e EL MUNDO, publicaron editoriais a conta da reforma política no estado español. Dous son os eixos sobre os que pivotan: a monarquía e o estado das autonomías. Na primeira, para defender a súa continuidade despois de Juan Carlos I e na segunda para reclamar unha ofensiva neocentralizadora, abordando Euskal Herria e Catalunya dun xeito específico.

A crise económica na que vivemos inmersos está a transformarse en crise política. E aquí o poder español de sempre, aponta á saída política de sempre: valores reaccionarios e ofensiva españolista.

O recente debate sobre o estado da Autonomía galega tivo que ser desolador para os autonomistas. O debate deixou unha sensación de decadencia. As caixas liquidadas, cos servizos públicos en proceso de desmantelamento, un sector industrial en esmorecemento... En definitiva, un proceso de vaciamento de poder político e financeiro do estatuto de autonomía hoxe vixente.

Obviamente, para a esquerda soberanista e independentista foi unha nova mostra da incapacidade do poder autonómico para resolver os principais problemas da maioría social. Volveu traer a palestra para milleiros de nacionalistas a necesidade de artellar unha alternativa política encravada na esquerda e na autodeterminación nacional.

Clarificar o proxecto político

Estamos nun momento político iluisonante, esperanzador. Un momento que debe de ser aproveitado para o avanzo do proxecto nacional galego no seu conxunto. Nisto temos que ter responsabilidade colectiva: que este novo tempo político sexa para o avanzo de Galiza.

Neste sentido, debemos abrir o debate para clarificar o proxecto político que precisa a maioría social galega. A cada vez, parece interiorizado por máis sectores o fracaso do estatutismo. Cuestión esta última, muito máis clarificada en determinados sectores do BNG que en outras organizacións políticas que xa están fora.

Aquí é onde situamos o salto nesta etapa: construir unha estratexia rumada á conquista da soberanía nacional. Para isto precisamos ferramentas amplas, plurais e democráticas.

Soberanía Nacional

Sabémolo. Partimos de posicións de minorización política. Mais cremos que non hai atallos para construir un marco democrático que respeite os nosos direitos nacionais e sociais: só construindo un polo soberanista e rupturista que estableza un contrapoder con España e que posibilite a creba democrática en favor dos intereses da maioría social galega.

Para esta tarefa hai millares de galegos e galegas dispostas. Precisamos de audacia e organización para a nova fase política.

As condicións obxectivas están dadas. O factor chave somos nós: o factor subxectivo. A construcción dunha ferramenta eficaz que permita á esquerda soberanista e independentista situarse en posicións de avanzo político: a organización e compactación do bloque sociopolítico que quere construir un Estado galego.

O 25 de Marzo, na Facultade de Xornalismo, Causa Galiza abordará o debate sobre o camiño a andar. As portas fican abertas para seguir contribuindo á construcción da esquerda soberanista e independentista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA