Por Galicia Confidencial | Galicia | 13/05/2006 | Actualizada ás 09:31
(PROGRAMA 07-05-2006)
'O Muxo' reflexionaba o pasado 7 de maio sobre "¿QUEN É GALEGO?" e dicía:
"Dous meses atrás, o conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Méndez Romeu, dicía: "cidadáns de Galicia son os que tributan impostos dentro da comunidade". Agora, no proxecto de estatuto do Bloque Nacionalista Galego (BNG), establécese no artigo 4.
1. Son cidadáns e cidadás de Galiza todas as persoas con veciñanza administrativa nalgún dos concellos galegos.
2. Unha lei do parlamento de Galiza regulará os procedementos de adquisición, conservación e perda da cidadanía galega, que deberá ter en conta a situación de todas as persoas residentes fóra de Galiza, que dispuxeran da súa última veciñanza en territorio galego, e a da súa descendencia.
Eu négome rotundamente a aceptar que unha lei do parlamento regule a miña condición de galego. Eu son galego por algo tan sinxelo como é, haber nacido na Terra, e debo ter absolutamente todos os dereitos, políticos e non políticos, que teñan os irmáns que viven nos concellos galegos, pagando, ou non pagando tributos.
O Estatuto de BÓVEDA, CASTELAO e os outros GALEGUISTAS, consideraba galegos, aos que o foran por natureza e aos que gañasen vecindade na Rexión.
Esta necidade de Méndez Romeu e do BNG, dita, como se escoita moitas veces en conversas informais, non merecería de min, nin sequera un mínimo comentario, por aquilo de non gastar enerxías en cousas inconducentes, pero aquí a cousa é distinta. Méndez Romeu é nada menos que conselleiro de Presidencia do goberno e, o BNG é a terceira forza política galega, cogobernando hoxe co PSOE, a nosa Autonomía.
Agora ben, mentres o ministro de Traballo de España confirmaba hai uns días en Uruguay, que a única forma de obter a nacionalidade española, os netos maiores, é, despois de residir un ano en España. A diputada polo BNG, Olaia Fernández Dávila, pide no Congreso que se lle recoñeza a fillos e netos de emigrantes a "cidadanía plena", polo que, de prosperar o seu proxecto e o aberrante estatuto que propón a súa formación política, teriamos unha condición de individuos que considerabamos extinguida , os que ante a pregunta ¿es usted gallego?, repondían: soy español. Claro que antes era por vergonza e ignorancia propias, hoxe seríao por ignorancia e vergonza alleas, xa que nos pasaportes, acreditaríase que somos españois, pero non seriamos galegos. Pobres descastados que pensan que a patria lévase na sola dos zapatos.
Non vou relacionar hoxe, as aportacións culturais e económicas, que fixo e segue facendo a Galicia, a emigración, arquicoñecidas por todos "os bos e xenerosos". Só direi que, co espírito deste desatinado estatuto, Pablo Iglesias, Ferrol 1850-Madrid 1925; Manuel Curros Enriquez, Celanova 1851-La Habana 1908; Wenceslao Fernández Flores, A Coruña 1879-Madrid 1964; Castelao, Rianxo1886-Buenos Aires 1950; Ramón Suárez Picallo, Sada 1894-Buenos Aires 1964; Tacholas, Ourense 1909-Buenos Aires 1991; Lorenzo Varela, La Habana 1916-Madrid 1978. Todos, morreron non sendo galegos; ata o San Froilán, Patrón de Lugo, que naceu nesa provincia no ano 933 e, viviu moitos anos en Zamora e León, donde o colleu o pasamento. E tamén non eran galegos nas tempadas que viviron fóra da Terra, Rosalía e o seu esposo Murguía; Concepción Arenal; Eduardo Blanco Amor; Manuel Colmeiro; Laxeiro; Rafael Dieste; Manuel Lugrís Freire; Luis Seoane; Celso Emilio Ferreiro; Antón Avilés de Taramancos e tantos outros, e finalmente non eran galegos, os que propiciaron a creación da Academia Galega; da bandeira branca e azul e do noso Himno, pois tales fitos foron artellados en Cuba.
Coma colofón, e ao xeito de Castelao, pídolle a Deus ou a quen corresponda, nos libren destes "oradores e xuristas que só aprenderon a ciencia dos libros"."
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.