Povisa: negociacións privadas, diñeiro público

As negociacións sobre a posible venda de Povisa non remataron. Ningunha das partes confirma a operación. A incerteza do que pasará co concerto e as prórrogas, así como que acontecerá despois, pairan sobre o cadro d persoal. Xunta e Consellería de Sanidade piden manter os postos de traballo e a calidade asistencial.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A noticia caía como unha bomba. O Grupo Nosa Terra 21, propietario do policlínico POVISA de Vigo, estaría negociando a posible venda ao grupo Ribera Salud. Os traballadores non sabían nada. Así se desprede das conversas de Galicia Confidencial co comité de empresa.

Povisa. EUROPA PRESS
Povisa. EUROPA PRESS | Fonte: POVISA - Arquivo

As noticias máis recentes sinalan que xa pode existir acordo para a venda, que esta se pode materializar en horas ou días. Mais, por que Nosa Terra 21 vende Povisa? Existen motivos para deixar unha clínica que dá cobertura sanitaria a Vigo e comarca? Lembrar que hai case un ano este centro concertado coa Xunta de Galicia, recibía novas axudas do goberno galego. Aínda máis, o Sergas acordaba coa dirección da empresa a subministración de medicación ambulatoria para pacientes externos.


NOTICIAS SEN CONFIRMAR

O caso é que o nerviosismo ou polo menos a incerteza parece pairar sobre os e as traballadoras. Máis aínda cando o domingo se coñece pola prensa a existencia das negociacións entre Grupo Nosa Terra 21 e Ribera Salud. Para o outro día, luns 30, durante unha reunión entre comité de empresa e membros da dirección do hospital “din que a cuestión estaba pendente de Competencia, e ata o visto e prace aínda podería tardar, iso quere dicir que a venda era un feito de non ser que pasara algo no último momento” di Chus Neira da CIG.

“Agora mesmo estamos nunha situación de incerteza e de nervios, porque non sabemos nada da empresa que quere comprar” di Xurxo Cadral de CCOO. O representante sindical reafírmase en que a dirección do centro “nunca nos dixo nada sobre as negociacións, ningún directivo dixo nada e o conselleiro delegado foi preguntado hai poucos días se Povisa estaba en venda, a resposta foi non, mais que se sabiamos de alguén que lle puidese facer unha oferta, el escoitaba”.

Povisa
Povisa | Fonte: Miguel Núñez.

Nalgunhas seccións do hospital concertado houbo reunións entre xefes de sección e traballadores, segundo informa Neira. “Algún dos xefes xa dicía que Povisa ía ser vendida a Ribera Salud, unha empresa que á súa vez, dependía dunha empresa norteamericana de moito prestixio e que estariamos ben”. 

Durante a reunión do pasado luns non asistiu o conselleiro delegado, aí o comité de empresa pide outra reunión para cando si estea. Os membros da dirección presentes dixeron que se convocaría unha nova xuntanza para cando todo estivese asinado e arranxado o proceso de venda. Os representantes dos e das traballadoras xa pediron tamén xuntanzas cos grupos parlamentares, coa Xunta e Consellería de Sanidade e Sergas, pola parte de capital público que ten Povisa.

Desde Povisa só confirman a existencia de conversas, non confirman a venda do hospital. Apuntan ademais que comunicaran á Xunta estaren en conversas con Ribera Salud. Sobre os motivos que levan a negociar coa empresa valenciana, tampouco se pronuncian, mais que si seguen coas conversas e que non se anuniciará nada ata que todo estea asinado.

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade anunciaba o pasado luns día 30 a reunión d conselleiro Vázquez Almuíña e o equipo directivo do Sergas. No comunicado posterior á reunión, a Consellería transmitía que “en caso de que as negociacións frutifiquen cun cambio de titularidade na propiedade do centro hospitalario, se garantan tanto a calidade asistencial na área sanitaria como o mantemento dos postos de traballo, tal e como se recolle nos acordos do Sergas cos actuais propietarios”. O departamento que dirixe Almuíña declaraba ademais ter o compromiso das dúas empresas de manteren os postos de traballo e a calidade asistencial.

FUTURO

As intencións detrás da operación entre Nosa Terra 21 e Ribera Salud son descoñecidas. Non obstante, Galicia Confidencial púxose en contacto con Terra Nosa e non houbo resposta polo de agora. As motivacións poden ir desde “que queren traballar só no mundo da construción naval mais non chegamos a entender o por que” di Xurxo Cadral.

“A Xunta sabe o da venda, entón terá que dicir que sucederá a partir do 2022 cando remate o concerto, se continuarán as prórrogas, se vai manter o persoal, porque de palabra din que van manter persoal e condicións” di Chus Neira. Aínda así a idea entre o persoal de Povisa é que as cousas, durante uns primeiros momentos estarán da mesma maneira que agora.

En tal caso, se Ribera Salud se fai cargo de Povisa, herdará a negociación do convenio laboral que leva dez anos conxelado. As negociacións segundo o comité de empresa estanse facendo con Mediación, mentres as negociacións de compra-venda seguen. Povisa insiste en que non vai pronunciarse ata o seu debido momento sobre a posible subrogación de traballadores.

A asunción das prórrogas logo de 2022, considérase necesaria polos traballadores, como ven necesaria unha negociación para un novo concerto “por dous motivos, porque non hai onde meter os pacientes e outra que somos 1.500 traballadores e que ademais vive do diñeiro público, aínda que teña un pouco na sanidade privada” di Xurxo Cadral.

Un posible peche de Povisa a medio ou longro prazo para o comité de empresa é “complexo”. Basicamente desde CC OO apuntan que nin o Hospital Meixoeiro nin o Álvaro Cunqueiro poderían asumir os pacientes de Povisa. Se se dese o caso de peche “o Meixoeiro tería que volver ser un hospital xeral, con todo que significa” e o Álvaro Cunqueiro debería ser ampliado. Ademais diso habería que refacer toda a estrutura sanitaria da área de Vigo.

Hospital privado Povisa en Vigo
Hospital privado Povisa en Vigo | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta