Por Galicia Confidencial | A Coruña | 01/10/2019 | Actualizada ás 17:44
O expresidente do Deportivo Augusto César Lendoiro lembrou este martes que o descenso do equipo galego a Segunda División en 2011 polo suposto amaño do partido entre o Levante e o Zaragoza e a súa derrota ante a Valencia fíxolle un dano "brutal".
Despois de prestar declaración, por videoconferencia, desde os xulgados da Coruña no caso que se xulga en Valencia, o exdirigente asegurou que a ninguén lle debe quedar ningunha dúbida" de que o encontro entre o Levante e o Zaragoza "estaba amañado".
O que foi presidente do Deportivo durante 25 anos indicou que non foi Sergio González, exfutbolista do cadro galego que entón xogaba no Levante, o que lle dixo que aquel encontro estaba amañado porque as relacións entre ambos "estaban rotas". Lendoiro considerou "un pouco estrañas" as preguntas que lle formulou o avogado do Deportivo no xuízo, por exemplo, quen lle deu o sopro.
"Parece coma se fora o inimigo cando eu fun a persoa que abriu o melón. É unha pregunta verdadeiramente incrible nunha situación que levou ao Deportivo a Concurso. O dano que nos fixo aquel descenso foi brutal. Parece que eses temas de indemnizacións non lle preocupan moito e que o único que lle preocupaba era quen me deu o chivatazo", dixo.
O expresidente branquiazul explicou que, segundo lle dixeron, o Deportivo está "a pedir indemnizacións de tres ou catro millóns de euros cando documentalmente pódese probar que de forma material perdeu máis de 25 millóns e de forma inmaterial o prezo é incrible".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.