Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 02/10/2019 | Actualizada ás 23:36
Todos os grupos políticos da Comisión de Peticións da Comisión Europea están de acordo na necesidade de que unha misión de eurodeputados visiten a mina de San Finx, en Lousame, para analizar se supón un grave perigo para o ambiente, as augas e o marisco da ría de Muros-Noia. Todos, menos o PP.
E o certo é que o ex ministro do Interior con Rajoy, Juan Ignacio Zoido, agora eurodeputado foi moi duro co representante da entidade ambientalista Petón do Lobo, Joam Evans Pin, que este mércores defendou ante esa comisión europea unha petición para que se investigue a reapertura desa mina convidado pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda.
Unha reapertura polémica que motivou que o actual director de Minas da Xunta, Bernardo Tahoces, estea sendo investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental a petición da Fiscalía nun xuízo no que está personada a organizaición ambiental Verdegaia como acusación particular. “Discrepo desta petición. Hai descalificacións cara a Xunta que non entendo e todo o que se afirma de suposta contaminación non se acredita. O único que hai son afirmacións buscando réditos políticos de cara ás eleccións galegas”, dixo Zoido tras a intervención de Evans Pin.
CRÍTICAS DAS ENTIDAS AMBIENTALISTAS
No pasado a Plataforma en Defensa do Mar (Plademar) de Muros-Noia mostrou a súa preocupación polas "ilegalidades cometidas" pola mina de San Finx e a súa influencia na calidade das augas. Así mesmo, sobre a mina de San Finx, en 2018 a ONU admitiu a trámite unha queixa por "obstaculización" da Xunta ao acceso á información en proxectos mineiros.
Por iso, Pin explicou as consecuencias da mina para o sector pesqueiro e ambiental ante a Comisión e tamén "sorpresa" pola chegada "a última hora da tarde" da información requirida á Xunta.
"Unha auténtica tomadura de pelo e unha burla ao Parlamento Europeo e a toda a xente que está preocupada pola situación das presas mineiras", reprochou Evans, quen recriminou á Xunta a súa "negacionismo absoluto" para "cubrir as costas" dos mandatarios que traballaron para que as empresas mineiras "Non teñan que asumir ningunha responsabilidade ambiental".
Precisamente, esa aportación de documentación da Xunta a última hora foi utilizada por Zoido para defender a actuación do Goberno galego no caso de San Finx. “Do exame da documentación da Xunta acreditase que non se trata dunha reapertura, nin que sexa esixible xurídicamente a esixencia de impacto ambiental”, dixo. Ademais, aclarou que “non é unha reapertura da mina porque os dereitos mineiros son de 1884 e nunca foi clausurada nin abandonada aínda que se teña realizado unha transmisión de titularidade da mina”, defendeu.
CRÍTICAS AO BIPARTITO
E aproveitou para acusar directamente a PSOE e BNG de ser responsables do que acontece con esa mina. “As actuacións da Xunta actual non difiren en nada agora das que adoptou o bipartito no seu momento”, espetou. Por iso, insistiu en “deixar para outros escenarios o oportunismo político”.
Pin explicou que a reapertura da mina pode ter graves efectos para a auga os pobos máis próximos a ela, así como para o marisco, xa que as augas deses ríos desembocan na ría de Muros e Noia. “Non consta ningunha afección ao marisco porque é un gran sector en Galicia”, tratou de xustificar Zoido.
O ex ministro insistiu en negar a posibilidade de que unha misión da Cámara europea vaia a Lousame porque “o tema xa está na xustiza”. “A Comisión de Peticións non pode ser o tribunal dos 28 estados membros xa que os problemas teñen que ser resoltos a nivel local, autonómico ou nacional. Por iso desaconsello esa misión”, concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.