Yolanda Castaño: "É tempo de debates de nivel sobre feminismo nas cadeas públicas"

A poeta volveu á televisión, pero desta volta á pantalla asturiana. Alí presenta Igualex, un programa innovador sobre sexualidade, dende o feminismo e contra a violencia machista. O GC conversa con ela disto e doutras moitas cuestións nas que feminismo, literatura e lingua sempre andan polo medio.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A poeta, tradutora, presentadora e crítica literaria Yolanda Castaño mergullouse dun tempo a esta parte nunha morea de proxectos novidosos e ben interesantes. É condutora de Igualex, un programa sobre sexualidade e xénero producido na Televisión Pública Asturiana; está involucrada no Obradoiro Internacional de Tradución Poética de San Simón e no Poetas Di(n)versos, dúas citas que tenden pontes entre a poesía galega e a do resto do mundo; e hai pouco máis dun ano, abriu as portas dunha residencia para escritores e escritoras de todo o mundo na zona vella da Coruña. "Hasme ter que invitar a este café!", conta a risas. Eis unha conversa sobre os seus proxectos, sobre a necesidade de revisar os contidos das televisións públicas, sobre o estado da lingua e sobre as viaxes da nosa literatura polo estranxeiro. 

Yolanda Castaño, poeta, tradutora e crítica literaria
Yolanda Castaño, poeta, tradutora e crítica literaria | Fonte: Yolanda Castaño

Como xorde o proxecto Igualex, da TPA? Como chegas a el?

Déronse varias circunstancias. O produtor executivo é un poeta, é compañeiro, unha das figuras máis importantes da literatura asturiana de todos os tempos, Xuan Vello. No equipo querían darlle unha onda distinta, querían unha cara nova, e pensaron en min. O tratamento do corpo, do erotismo, da carnalidade, do amor nos poemas dos meus comezos unido ao meu perfil feminista e á miña experiencia na televisión - entre Mercuria en TVE e Cifras e Letras na TVG - supoño que fixo que pensaran que eu podería encaixar. O certo é que comulgaba moito cos meus principios: gústame o tipo de enfoque. A mensaxe de 'non é non', 'só si é si' é constante no programa. E ademais, apetecíame volver facer algo na televisión, que a tiña bastante abandonada dende hai 8 anos.

"Por que non debates sobre feminismo nunha cadea pública e maioritaria?"

Que importancia ten que un programa coma Igualex, que rompe tabúes ao redor do sexo e que promove unha educación sexual asentada no feminismo, teñan espazo na televisión pública?

Yolanda Castaño no plató de televisión de Igualex
Yolanda Castaño no plató de televisión de Igualex | Fonte: Yolanda Castaño

Creo que xa é tempo disto. O feminismo cada vez está máis no rodo público, pero aínda necesitamos formación e máis divulgación. Paréceme o espazo ideal, en paralelo a tantos outros. Por que non debates de nivel sobre feminismo nunha cadea pública e maioritaria? Os seguintes programas recoméndoos encarecidamente: déronse debates sobre xénero de moito interese e xa de certo nivel. Un deles -sobre se podería existir unha pornografía feminista- pareceume marabilloso, delicioso. Eu non podía parar aquel programa!

Ás veces temos nós máis prexuízos ca o que realmente revela a sociedade. Semellan prexuízos preventivos. E á fin, a sociedade consome aquilo que lle das. Por que non subir entón un pouco o nivel? Hai que ir un pasiño por diante, non un pasiño por atrás, que é o que criticaría a certas televisións. A resposta está sendo boa, está tendo unha faceta educativa, sen ningún toque pedante, nin paternalista nin excesivamente técnico ou científico. Sería hora de comezar a facer estes contidos moito máis masivos.

"Non me acaba de encaixar un programa como Igualex na TVG"

Cres que este tipo de proxectos teñen cabida na TVG?

A pregunta! [risas] Encantaríame pensar que poderían ter cabida. Actualmente, o certo é que non me acaba de encaixar. Creo que sería hora dunha certa revisión das programacións e de facer algo semellante. Desde logo, Asturias está lonxe de andar atrás. Sempre foi un territorio revolucionario e de empoderamento. De feito, nos últimos tempos están saíndo perfís feministas de moito calado. Non é a primeira vez que Asturias marca a referencia.

Daquela, na túa opinión, a TVG precisa unha renovación de contidos?

Si, son demasiado continuistas, pouco arriscados. Ir a remolque ou seguindo inercias non creo que sexa tan positivo como poida parecer. Paga a pena dar un pasiño adiante e innovar. É importante crear programas para todos, para as maiorías e para as elocuentes minorías, e un programa de xénero non é tan minoritario como se poida pensar. A sexualidade da xente maior, da xente moza, os abusos sexuais, a diversidade LGBTI... eu creo que interesa. Todo depende de se interesan certos valores como educar, debater, concienciar, contrastar, reflexionar... ou ir a remolque.

O día do primeiro programa de Igualex a situación foi bastante elocuente: emitíase en Prime Time os xoves na TPA e falaba da sexualidade da xente maior. Facía un retrato respectuoso, digno, con persoas actuais e conectadas co mundo, con curiosidade, intereses culturais, tratando o impulso vital da xente maior. Á mesma hora na TVG o retrato que facía o Land Rober da nosa terceira idade, para o meu gusto, non era nin a metade de respectuoso nin a metade de real. Era un retrato bastante grotesco e ridículo que eu tampouco acabo de relacionar demasiado coa realidade do país. Non sei que constrúe este último retrato -de autoodio e menosprezo- que reflicte a TVG... Non sei que azos nos dá... Non sei como nos enche de orgullo, e de forza, e de enerxía para tirar para adiante... Teño moitas dúbidas.

"A pornografía constrúe un relato moi falseado, cuns comportamentos patriarcais. É perigoso porque se anula a diversidade"

Falabas aí atrás dun dos debates que logo se emitirán e que xirará sobre a pornografía. Precisamos unha educación sexual asentada noutros valores?

A pornografía constrúe un relato moi falseado, cuns canons estéticos que nada teñen que ver coa realidade, cuns comportamentos súper patriarcais, de dominación e violentos. É perigoso porque se normaliza e se anula a diversidade. Entendo que a educación sexual tal e como se plantexa nos institutos é meramente científica, e conviría que esa educación fose máis ampla, aberta, diversa, natural... con máis atención á igualdade, sen toda a carga dos valores patriarcais. Nós, humildemente, poñemos o noso gran de area, pero tendo en conta que isto non o ten que suplir un programa de televisión.

Sénteste cómoda neste medio, na televisión?

Ao rematar filoloxía, estudei na escola de imaxe e son en Someso. Presentei o proxecto de Mercuria a TVE e déronme a oportunidade - de casualidade! - de levalo adiante. Esa foi a miña maior escola. Facía de todo: dirixía, presentaba, documentábame, guionizaba... case case producía. Déronme o Mestre Mateo e logo comecei en Cifras e Letras do 2006  ata o 2011. É un medio onde creo que aprendín de maneira moi vagarosa, pero síntome cómoda, gústame. Neste novo programa aprendo un montón. E mentres o poida compatibilizar coa poesía, que aí esta o quiz do asunto, estou encantada.

A poesía: que te namorou dela?

Que me namoraría? Solo Dios lo sabe! [risas]. Aquela forma de contar cantando, esa capacidade fantasiosa e imaxinativa que ten a poesía, que é capaz de facer coas palabras cousas que a linguaxe ordinaria non dá feito. Na poesía podes facer combinacións de palabras e de frases que te tildarían de tola se estiveses na vida e linguaxe ordinaria. O alento das mestras e da familia tamén era estimulante.

E agora que espazo ocupa no teu día a día?

É toda a miña vida. É o motor do que xorden diferentes labores: traducir poesía, divulgar poetas, convidar poetas a diferentes proxectos, ser xurado, participar en festivais de poesía... Estou todo o tempo entre poetas e comunicándome con poetas de todo o mundo. 

Como foi evolucionando a túa poesía?

Evolucionou en paralelo á miña propia persoa. Con 18 anos falaba da descuberta do propio corpo, da experiencia amorosa, da carnalidade... Era o máis impactante: esa pequena revolución. Logo empecei a reflexionar sobre a identidade persoal, como se constrúe; despois xa comecei a ver as problemáticas asociadas á representación desa identidade: como a imaxe que proxectamos trae aparelladas unha serie de problemáticas sobre todo dende a perspectiva de xénero. E nun paso máis adiante, como a lingua e a linguaxe nos comunica cos outros e proxecta a nosa identidade, que ofrecemos na escolla da lingua, a que renunciamos, que deixamos por sentado. Xa entón, comecei a reflexionar sobre o outro. Foi unha evolucion como a miña propia: dende unha esfera máis intimista a outra máis social e política.

"Interésame moito tender pontes capaces de poñer en valor a literatura escrita en galego"

Hai pouco máis dun ano comezaches un novo proxecto na Coruña. Como funciona a residencia para escritores e escritoras?

É o investimento máis fondo da miña vida con moita diferenza. Lanceime soa, sen ningunha axuda pública. Trátase dun apartamentiño do século XIX en plena zona vella da Coruña, mirando ao mar, onde escritores e escritoras poden sentirse 24 horas ao día afastados dos seus quefaceres e distraccións da vida diaria. Ao mesmo tempo manteñen o equilibrio entre a calma e o estímulo da vida cultural coruñesa, moi activa. Traballamos en colaboración con entidades estranxeiras que cubren a estadía dun mes dun escritor/a nesta residencia. A idea é que nós poidamos mandar a escritores galegos e galegas a residencias de fóra e facer intercambios. Chámase 1863, ano de construción da casa e ano de publicación de Cantares Gallegos. Agora está alí rematando a súa novela unha narradora boliviana. Trátase de poder crear desde Galicia. 

Estás implicada no Obradoiro Internacional de Tradución poética de San Simón, no Poetas Di(n)versos... Hai detrás de todos os proxectos certa teima de poñer en común poesías de diferentes territorios lingüísticos.

Si, para non quedar na endogamia que ás veces pode producirse (escribimos en galego, lémonos entre nós, seguimos a tradición...). Está moi ben, pero cómpre manter os oídos ben abertos a todo o que se está a escribir noutras latitudes. Non só para aprender delas, senón tamén para posicionarnos e sacar a cabeza ben alta. O que se está facendo nesta lingua está moi á altura do que se está facendo noutras linguas. Temáticas que están interesando aquí interesan tamén en Irak, e Letonia, e Malta. Está ben que nos sintamos irmáns do mundo e que formemos parte dunha comunidade global. Tamén que nos escoiten a nós non está demais! [risas]. Interésame moito tender pontes capaces de poñer en valor a literatura escrita en galego. Gústame estar ao día das últimas correntes e prácticas poéticas contemporáneas porque iso pode enriquecer o teu discurso. Gústame pulsar a actualidade. Aínda que sexan botóns de mostra, intentamos traer o máis representativo dos maiores linguas e literaturas do mundo.

Na Illa de San Simón estas poéticas estranxeiras son traducidas para o galego, así estamos importando no momento o último que sae en poesía; e ao mesmo tempo tradúcennos a nós para as súas linguas, para que leven polo mundo o que se fai aquí. En Poetas Di(n)versos -único ciclo estable que acolle poetas internacionais de maneira regular en todo o Estado- presentamos esas poéticas nas voces dos seus autores e en traducion ao galego, de maneira que é a lingua anfitrioa das poesías do mundo.

É a demostración de que o galego está ao mesmo nivel ca o resto das linguas.

É que non ten nada que envexar. Está dotado para a máxima excelencia creativa. Un poeta macedonio non é peor poeta ca un americano. Podemos estar ao mesmo nivel que linguas con maior e menor número de falantes.

"Séguennos impoñendo de maneira moi tácita, sutil e inconsciente esa condición subsidiaria do castelán"

Por que se segue traducindo a literatura do galego ao castelán para que teña maior proxección? Por que non traducir directamente a outras linguas?

Séguennos impoñendo de maneira moi tácita, sutil e inconsciente esa condición subsidiaria do castelán. Está enraizada en alicerces políticos. Por que non traducir do galego ao polaco e que nos lean en Polonia, e punto? Acontece que a liña que vai dende o escritor ou escritora ata o lector ou lectora non é ben recta. Adoita pasar por mediadores (editoriais, distribuidoras...), e aí é onde veñen os problemas, porque están mediatizados por cuestións políticas e económicas. Se estiveramos soportadas por un mercado potente coma o catalán xa sería outra película, teñen as súas propias canles que funcionan, ás veces, incluso mellor ca as españolas. Pero como estamos en inferioridade de condicións con respecto a cataláns e españois, é moi difícil para un editor servio traducir unha poeta galega. Compénsalle traducir a unha maltesa.

"Precisamos que a mocidade non só sexa quen de falar galego, senón que desexe falar galego"

Hai pouco saíron os datos do IGE respecto do uso do idioma. A literatura é unha canle para revalorizar a lingua?

No mundo cultural e na esfera reivindicativa non está tan mal a saúde da lingua. Ese uso callou. Falta que calle o resto: que a rapazada saia de marcha e ligue en galego, que os maiores lle falen en galego ao médico... A situación da literatura galega está moito mellor que a situación da lingua galega. É un paradoxo. A literatura atrae atención de moitas literaturas, non só do estado, senón tamén do occidente europeo, que se fai eco da enorme calidade, diversidade, excelencia, ambición literaria... Iso non está tendo unha correspondencia na lingua. Precisamos plans de normalización máis realistas e máis naturais. Precisamos que a mocidade non só sexa quen de falar galego, senón que desexe falar galego. 

Entendo que a acollida da literatura galega fóra do país está sendo moi boa, logo.

Está a dar que falar. Agora mesmo na poesía española estase producindo unha eclosión de mulleres. Este asalto ao discurso literario por parte das mulleres poetas deuse na literatura galega con 20 anos de adianto. Só hai que ir aos manuais de historia da literatura para velo. Levar 20 anos de adianto a unha literatura cun estado detrás non é ningunha broma. O único que nos falta son canles de apoio e distribución, toda unha estrutura que non temos e que non dá resposta a esa calidade. Precisamos canles de intercambio como acontece nos países normalizados. A construción dunha literatura nacional fai moito pola construción dun país. É un patrimonio nacional que o está construíndo xente individual que saca do seu peto para facer cousas. 

"A poesía existe en moitos máis recantos dos que pensamos"

E sendo o noso patrimonio, a poesía ten o papel que merece nos sistemas educativos?

Non tanto. Son vellas dinámicas. Ás veces na docencia carécense das ferramentas - pola propia educación que herdaron - sobre como xestionala. Non se ensina a amar a literatura, só a analizada dunha maneira estrita. Entón pérdese esa perpectiva artística de puro gozo da arte en xeral e da poesía en concreto. Habería que mudar algo de estratexias á hora de educar o gusto pola poesía. Creo que dese xeito a rapazada podería darse conta de que está máis en contacto coa poesía do que pensan, porque nunha visión ampla, unha linguaxe poética existe en moitos máis recantos dos que pensamos: nas letras das cancións, na publicidade, nos slogans, na nosa vida diaria... Temos as ferramentas para achegarnos á poesía moito máis ao alcance da man do que pensamos, só fai falta darlle unha oportunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta