Por E.P. | OURENSE | 16/10/2019 | Actualizada ás 10:27
Dúas persoas resultaron feridas tras saírse da vía o vehículo no que circulaban e caer por un desnivel no municipio de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), tras o que una delas necesitou axuda dos servizos de rescate para ser liberada do interior.
Segundo informou o 112 Galicia, este sinistro sucedeu no concello Vilamartín de Valdeorras, na parroquia de Arcos, onde o turismo no que viaxaban dúas persoas sufriu unha saída de vía e caeu por un desnivel.
Foron varios particulares os que alertaban a través do 112 Galicia do suceso e indicaron, ademais, que o vehículo se atopaba nun desnivel e corría o risco de continuar a súa caída, sinalaron as mesmas fontes.
Por iso, os xestores de emerxencias do 112 Galicia informaron do sucedido a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Valdeorras, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Valdeorras. Ademais, solicitaron a colaboración dos voluntarios de Protección Civil da localidade e persoal de mantemento da autoestrada para recuperar as condicións de seguridade da vía.
Segundo os datos facilitados polos Bombeiros ao 112 Galicia, unha muller, en concreto a copiloto, foi liberada do coche co uso de material de excarceración. Finalmente, as dúas persoas foron evacuadas polos servizos sanitarios ata un centro hospitalario.
ACCIDENTE EN BAIONA
Por outra banda, en Baiona (Pontevedra) sobre as 20,45 horas deste martes un vehículo saíuse da vía e quedou envorcado preto da saída da autoestrada. A consecuencia do impacto, unha persoa resultou ferida e foi evacuada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Tras o aviso dunha persoa particular, o 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros do Porriño e Vigo, dos servizos sanitarios, dos axentes de Tráfico e Policía Local, así como dos membros do GES de Val Miñor.
Unha vez liberada a persoa foi atendida no mesmo lugar polos profesionais sanitarios e trasladada a un centro hospitalario, confirmaron as mesmas fontes de emerxencias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.